Opinión

De Bóveda a Meirás, a memoria necesaria

Texto da intervención realizada, en nome dos 19 de Meirás, na homenaxe a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir

Antes do máis, quero agradecer sinceramente o convite para estar aquí, en nome dos 19 de Meirás, porque iso nos permite xuntar a nosa voz á dos millares de galegas e galegos que cada ano neste día e todos os días do ano loitan pola recuperación da memoria democrática e a dignidade e reparación das vítimas do franquismo; porque nos permite tamén xuntar os nosos corazóns ao imprescindíbel tributo de gratitude ao grande patriota e mártir Alexandre Bóveda.

 

Mais comezarei por falar da causa á que eu presto a voz, que vén moito ao caso neste Día da Galiza Mártir en que con Bóveda homenaxeamos todas as persoas que loitaron pola liberdade, as que foron vítimas da represión e as que caeron en combate nos montes e nas rúas da Galiza. Das primeiras ás últimas, de Ánxel Casal, Carmen Pesqueira ou Vítor Casas a Moncho Reboiras, Baena e Sánchez Bravo. Porque hoxe fica claro, para quen aínda non o soubese, que en moitos aspectos o franquismo sobreviviu á morte do ditador e estrañamente no noso País aínda é necesario continuar a ser activamente antifranquista.

 

Como sabedes, no pasado 30 de agosto de 2017 un grupo de galegas e galegos realizamos unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas faixas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a devolución ao pobo galego do pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco. Na secuencia desa acción fomos denunciad@s pola filla do ditador, por un neto e pola Fundación Francisco Franco, que nos acusan de delitos que poderían sumar até 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, ou o que é o mesmo, 250 anos de prisión para todos nós. A esta denuncia hai que acrecentar aínda outra contra 9 compañeiras e compañeiros que realizaron unha acción similar na Casa de Cornide na Coruña.

 

Achamos as denuncias unha verdadeira barbaridade tanto do punto de vista político canto xurídico e, loxicamente esperamos que non vaian adiante. Mais o realmente relevante é que unha actitude de pretensión represiva como esa só é posíbel entendela no contexto político e xudicial que viñemos vivindo nestes anos, en que a elite política e económica se sabe amparada e protexida por unha administración de xustiza ao seu servizo, que non foi democratizada no fin da ditadura e que se mantivo e reproduciu nas mesmas chaves ideolóxicas.

 

Precisamente, viñemos denunciando que a continuidade das propiedades roubadas nas mans da familia Franco simboliza perfectamente a continuidade das estruturas de poder real da ditadura -quer no ámbito económico, no mediático, mesmo en moitos aspectos no político e, claro, tamén no xudicial- que foron herdadas polo réxime de 78 aínda vigorante e que produciron unha democracia de tan baixa calidade que non merece o nome de tal; un rexime que tentou manter unha lousa de silencio sobre as vítimas do franquismo; que non asumiu a súa responsabilidade con elas, nin para as rescatar das cunetas nin sequera para anular os xuízos políticos como o de Bóveda; e que fai que, 40 anos despois, no Estado español se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas.

 

Como patriotas sabemos que a mellor maneira -na verdade a única- de aspirarmos a unha Galiza realmente democrática como soñaba Bóveda é rompendo con este rexime español autoritario e corrupto e construíndo unha nación galega soberana, xusta, igualitaria e libre. Mais tamén sabemos que é necesario ir actuando no presente inmediato para comezar a mudar as cousas, que todos os días se pode enfrontar e se pode gañar unha batalla e iso, por pequena que for, sempre é importante.

 

Nese sentido, hoxe, frente á ameaza represiva por parte do franquismo nominal e sociolóxico que padecemos, queremos reafirmar que a de Meirás foi unha acción necesaria e que nos sentimos lexitimamente orgullosos de con ela ter contribuído para dar un impulso decisivo á loita pola recuperación do patrimonio espoliado, até o punto de que -algo impensábel hai apenas un ano- hoxe existe un acordo unánime no Parlamento da Galiza para promover as accións legais e políticas necesarias para conseguilo. Considerámolo unha vitoria do povo, de todas as persoas, colectivos, organizacións e institucións que nestes anos viñeron denunciando e traballando para que sexa devolto todo o que foi roubado. Mais tamén queremos deixar claro o noso compromiso cunha loita que continúa sendo xusta e necesaria e que só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego.

 

Porque, ademais, somos moi conscientes de que non se trata tan só nin fundamentalmente dunha cuestión patrimonial. Moi polo contrario, está cargada dun altísimo valor político simbólico. Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria é unha indispensábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e con iso tamén á totalidade de vítimas do franquismo. É, por tanto, unha magnífica forma de contribuír para a restitución da memoria democrática e de devolver algo da dignidade colectiva que elas nos deron.

 

Tende a certeza de que todo o que puidermos facer nese sentido, farémolo. Ese é o noso compromiso. Por iso quero finalizar reiterando o agradecemento polo convite para estar hoxe aquí, porque, como dicía, nos permite xuntarnos ao tan necesario tributo de gratitude a Alexandre Bóveda. Gratitude porque coa súa traxectoria, co seu compromiso, coa súa coherencia e coa súa firmeza e dignidade na hora do martirio tornouse unha referencia inescusábel no camiño que habemos de seguir.

 

Eu quero facer hoxe aquí miñas as palabras de Bóveda diante do tribunal militar que o condenou a morte: “A miña Patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir”. Se os sublevados fascistas quería pór a proba a enteireza, a firmeza de ánimo e de conviccións de Bóveda, perderon claramente esa batalla. Porque é precisamente diante das dificultades cando se comproba de forma certeira a calidade humana e política das persoas. É nos momentos difíciles cando moitos fraquexan, cando ceden, cando renuncian, cando se acomodan. Non foi o caso de Bóveda. No máis difícil dos momentos foi xustamente cando nos deixou toda unha lección de dignidade e de lealdade á súa, á nosa Patria. Eis a grande lección do mestre.

 

Aprendámola e ensinémola. Divulgémola. Fagamos nosas cada día as palabras de Alexandre Bóveda e ridámoslle o mellor dos tributos construíndo unha nova Galiza, a Patria libre que Bóveda soñou e sementou.

Comentarios