Opinión

E é que Vilameñe sempre tivo moi boas festas

Son 21 casas habitadas. Unhas 65 veciñas e veciños. Unha parroquia do rural interior galego. Unha aldea normal. Vilameñe é unha das parroquias máis pequenas das 27 que ten o concello de Taboada (disque anda aí aí con Gondulfe). 

Son 21 casas habitadas. Unhas 65 veciñas e veciños. Unha parroquia do rural interior galego. Unha aldea normal. Vilameñe é unha das parroquias máis pequenas das 27 que ten o concello de Taboada (disque anda aí aí con Gondulfe). 

E, como acontece na maioría das parroquias normais do noso país, a festa é sagrada. E é que a troula tamén nos fai moita falta! Ramistas e comisións que traballan todo o ano, cotas, rifas, lotaría, ilusión e traballo para que o maior acontecemento colectivo-veciñal estea á altura, xunte a xente e, oe!, tamén para que teña sona e sexa, cando menos, algo mellor que as festas das parroquias do arredor.

E en Vilameñe, 21 casas, 65 veciñ@s, sempre o conseguiron. Pequena será e terá pouca veciñanza, pero as orquestras actuais de máis nome, e custo, todas, todiñas, xa revolveron os seus tráileres no campo da festa da parroquia.

"Pequena será e terá pouca veciñanza, pero as orquestras actuais de máis nome, e custo, todas, todiñas, xa revolveron os seus tráileres no campo da festa da parroquia"

Mira ti se será importante o primeiro domingo de setembro que ano tras ano xuntan doce ou quince mil euros con cotas duns 150 € ou 200 € por casa, sorteos, cantina e na súa particular “poxa das andas”, na que disputan quen leva na procesión a patroa, Santa Mariña, e a Virxe de Lourdes e o Santo Antonio. E tamén quen leva o estandarte, quen toca a campá, quen leva a cruz..., e, cos lóxicos piques, unha miga de devoción e unha chea de vontade de colaborar ou o que sexa, aínda xuntan entre 4.000 e 7.000 euros. “E noutras parroquias non hai quen saque os santos en procesión!”, comentan seguido.

Este ano son cinco ramistas pertencentes a catro casas, de entre 56 e 26 anos. E, coma sempre, comezaron a traballar con tempo para ir recadando. Incluso lles ofreceron a orquestra de máis sona de todas para repetir actuación. Por uns 17.000 euros xa lles reservaban a data e o éxito estaba asegurado. Só había que xuntalos, pero, malo sería... Mais alguén dixo “quieto aí!”. “Outra vez a mesma orquestra? Outra vez facer unha verbena igualiña igualiña á doutras 200 parroquias do país? E se en vez de traer imitador@s dos grupos comerciais de moda traemos conxuntos de verdade? E se optamos polo orixinal e por unha festa algo distinta? E se facemos que a nosa festa sexa máis nosa?”. E vano facer.

"En Vilameñe, 21 casas, 65 veciñ@s, dixeron que esta era a súa. E arriscaron a cambiar. A mover os marcos das verbenas dos últimos anos"

Se ben é certo que ata agora era técnica e infraestruturalmente moi complexo para unha comisión contratar algo que non fose orquestra, este ano comeza a haber opcións que facilitan o traballo. E é que as orquestras só piden cobrar e un sitio para meter o camión. O resto xa o xestionan todo. Non lles hai que poñer á parte palco, equipo de son, luces, técnic@, persoal de carga e descarga, cátering, toallas ou canon da SGAE. Páganselles os catro ou dez mil euros que piden e andando; xa vai todo incluído. E ata agora ningún grupo ofrecía tal comodidade para as comisións, mais, como agora si que comeza a haber posibilidades, en Vilameñe, 21 casas, 65 veciñ@s, dixeron que esta era a súa. E arriscaron a cambiar. A mover os marcos das verbenas dos últimos anos. E vailles saír ben, ou non, pero vano intentar, que é o único xeito de lograr que as cousas muden a mellor. E o que van procurar e conseguir xa é máis do que todas as concellarías de festas, de cultura, ou do que sexa, xuntas, intentaron para mellorar e galeguizar as verbenas nos concellos do país.

E así, este ano, as de Vilameñe, 21 casas, 65 veciñ@s, serán unhas festazas á altura dos mellores festivais, e gastando menos que os anos anteriores (uns 11.000 euros, contando xa con todo o que ten que haber para facer unha boa festa). E o venres 30 e o sábado 31 de agosto haberá variedade, e O Sonoro Maxín encherá o campo de pachanga e música festeira; Quempallou encargarase de poñer o folk progresivo; a Tuna Rastafari os ritmos de fusión festeira e diversión; The Turre’s Band fará festa balcánica e ská; e Cé Orquestra Fantasma levará o seu punchi punchi... E, por enriba, tod@s cantarán e falarán desde o palco no mesmo idioma que fala toda, todiña, a veciñanza da parroquia e arredores.

“E é que Vilameñe sempre tivo moi boas festas”, di todo o mundo pola zona. Pois este ano non había ser menos!  

Comentarios