Opinión

Corazóns, cabezas, bocas

Tantas veces teño calado o meu desacordo como veces teño escoitado que o que nos fai falta para mellorar no proceso de normalización lingüística son máis mans que traballen.

Tantas veces teño calado o meu desacordo como veces teño escoitado que o que nos fai falta para mellorar no proceso de normalización lingüística son máis mans que traballen.

"Si, si, escollendo o castelán, a lingua que a “casta” nos impuxo! E xa desde hai un tempiño vimos vendo tamén como está habendo movementos sociais, grupos cidadáns reivindicativos, organizacións cívicas, etc., que se expresan cada vez máis en español..."

Que se necesitan máis mans? Sempre, claro. Que o que se necesitan son máis mans? Oxalá. Ese “o” sería determinante para simplificar moitas cousas. Porque..., que queremos que fagan esas mans? 

Veume á cabeza isto estes días, entre outras cousas, porque seica varios círculos de Podemos estaban a escoller o castelán como lingua de comunicación da organización. Si, si, escollendo o castelán, a lingua que a “casta” nos impuxo! E xa desde hai un tempiño vimos vendo tamén como está habendo movementos sociais, grupos cidadáns reivindicativos, organizacións cívicas, etc., que se expresan cada vez máis en español... E queremos que todos estes movementos, grupos, organizacións e persoas se unan ao fomento do galego, verdade? Pois, se o queremos, teremos que procuralo coas mensaxes, complicidades e actitudes axeitadas.

Que xente que, en principio, quere traballar pola xustiza social, e participa activamente nun movemento político, escolla o castelán como a lingua na que quere visibilizar o seu discurso e traballo, tennos que facer reflexionar ás persoas e movementos que traballamos polo galego.

Que estamos a facer mal para que nin esas persoas que queren traballar pola xustiza social entendan que a normalización lingüística é o xusto? Onde fallamos para que nin sequera quen procura a equidade entenda que o fomento do galego forma parte das necesarias políticas de igualdade? Que non facemos ben para que non se entenda que a nosa lingua precisa medidas compensatorias, similares, por exemplo, a que pague máis quen máis ten, ou ás políticas para a igualdade e empoderamento das mulleres?

"Que estamos a facer mal para que nin esas persoas que queren traballar pola xustiza social entendan que a normalización lingüística é o xusto?" 

Por que non nos entenden, non? Por seren ignorantes? Féridos e duros? Imbéciles e escuros? Ou porque non atinamos coas mensaxes, accións, implicacións e empatías?

Os motivos poden ser moitos, pero entre eles teremos que ver tamén cales son os erros nos discursos a prol da normalización lingüística, cal é o obxectivo e a efectividade das mensaxes que lle lanzamos á sociedade, ás persoas. Pois creo que non todos os problemas son de altofalantes, nin de mans, nin alleos a nós.

As mans non sobran, non. Nunca sobran. Mais o que necesitamos, creo, son máis corazóns, cabezas e bocas. Máis emocións, ideas e mensaxes. Amor, mente e desexo. Empatía, imaxinación e lingua.

Comentarios