Opinión

Aquí xa facemos todo en galego

Esa, a de “aquí xa facemos todo en galego”, é unha afirmación que lles teño escoitado en numerosas ocasións a responsables políticos/as e técnicos/as para expresaren que cumpren –que a administración da que son responsables ou o departamento en que traballan cumpre– co seu papel no proceso de normalización da lingua galega.

Esa, a de “aquí xa facemos todo en galego”, é unha afirmación que lles teño escoitado en numerosas ocasións a responsables políticos/as e técnicos/as para expresaren que cumpren –que a administración da que son responsables ou o departamento en que traballan cumpre– co seu papel no proceso de normalización da lingua galega. E, cada vez que escoito tal afirmación, doume conta do moito que nos queda por explicar sobre cal debe ser a función das administracións, nomeadamente dos concellos, a respecto da lingua.

"Cada vez que escoito tal afirmación, doume conta do moito que nos queda por explicar sobre cal debe ser a función das administracións, nomeadamente dos concellos, a respecto da lingua".

É como se para dar conta do cumprimento duns mínimos en políticas de igualdade se dixese algo así como “neste concello xa usamos linguaxe non sexista”, ou “nesta administración xa lles pagamos o mesmo ás mulleres que aos homes”. Ou “nas nosas oficinas xa reciclamos o papel que usamos”, para xustificar o cumprimento en política ambiental. E abstéñome de facer comparacións con políticas para a erradicación da violencia machista...

E non, esas actuacións lóxicas e, digamos, exemplarizantes, non son o papel dos concellos nin nas políticas de igualdade nin nas ambientais, só por poñer eses dous exemplos. Os seus obxectivos teñen que ser procurar cambios positivos na sociedade, non só no seo da administración. Teñen que ser acadar a igualdade real das mulleres no conxunto dos ámbitos e contextos sociais, no caso das políticas de igualdade; ou acadar un desenvolvemento sostible, no caso das políticas ambientais. E tanto para un caso coma para outro, para acadar os obxectivos, cómpre dedicarlles medios e recursos (para colectores e servizo de recollida de lixo, por exemplo), aprobar plans, criterios ou normas (plans de igualdade, por exemplo), desenvolver accións (campañas informativas e de concienciación, tamén por exemplo), etc. E nas políticas lingüística, o mesmo debería ser.

"E é que non, non se pode dicir que nun concello se fai política de fomento do galego sen un Servizo de Normalización Lingüística encargado de propor, xestionar, executar e avaliar as accións para o incremento do uso e prestixio da lingua".

Así, igual que non entendo que se poida facer política ambiental sen servizo de recollida de lixo, ou política urbanística sen departamento de urbanismo nin plans nin ordenanzas, ou políticas sociais, de igualdade e benestar sen recursos humanos nin económicos, pois tampouco entendo como hai gobernos que din que poden facer políticas de normalización lingüística sen persoal técnico e sen recursos económicos.

E é que non, non se pode dicir que nun concello se fai política de fomento do galego sen un Servizo de Normalización Lingüística encargado de propor, xestionar, executar e avaliar as accións para o incremento do uso e prestixio da lingua. E sempre tendo en conta que a política normalizadora debe ser transversal. Isto é, non consiste só en desenvolver medidas para os distintos ámbitos ou sectores (deporte, asociacionismo, comercio, infancia, etc.) –que tamén–, senón que as accións que desde as distintas áreas municipais se desenvolven neses ámbitos deben cumprir uns criterios mínimos que incidan na posta en valor do galego. Así, debe terse en conta o fomento real da lingua nas campañas de reciclaxe, nas subvencións a asociacións, nas medidas de dinamización comercial, na promoción turística, nos concursos para a contratación pública, nas competicións deportivas, na programación de música, cine ou teatro, nos cursos de formación para a hostalaría, nas festas ou na política xuvenil, só por poñer algúns exemplos. E sempre, sen exclusión. 

Comentarios