Opinión

Vice (O vicio do poder)

“A medida que o mundo se volve máis e máis confuso, tendemos a centrarnos unicamente no que temos xusto diante, ignorando as forzas avasaladoras que, en realidade, cambian e definen as nosas vidas”.

Este fragmento que podemos escoitar ao principio de Vice (O vicio do poder), de Adam McKay, é unha afirmación tan aterradora como real. Nun mundo controlado polo capitalismo, no que existen cartos que nin sequera existen e a gran maioría das persoas están sendo explotadas para manter o nivel de vida duns poucos, só existe unha única meta: sobrevivir. Cando estás acosado por horarios infindos e inhumanos, salarios irrisorios e, sobre todo, incertezas constantes sobre se poderás manter o teu ritmo de vida, non afondas sobre quen goberna ou o nivel de poder que pode chegar a ter certa xente. Iso é, por suposto, inevitábel. Calquera persoa está sometida a un grao maior ou menor de alienación. Pero é a partir deste autodestrutivo conformismo de onde nacen figuras como a de Dick Cheney, vicepresidente dos Estados Unidos durante o mandato de George. W. Bush (2001 – 2009), persoa na que se centra o filme.

Interpretado por un magnífico e irrecoñecíbel Christian Bale (ademais dun xenial traballo de maquillaxe, o actor galés dota o personaxe dunha corporalidade característica, moi afastada da súa, por mor da diferenza de idade ), Dick Cheney descóbrese como o auténtico cerebro dentro do enlamado sistema “democrático” estadounidense. Dende o “Watergate”, ata o 11-S, pasando pola “Operación Tormenta do Deserto” ou o nacemento de Fox News, cadea televisiva partidista, enfocada a reflectir unicamente o punto de vista conservador. A historia dos Estados Unidos dende os cincuenta ata a vitoria de Obama, a través do prisma dun reservado e aparentemente opaco político, que alcanzou un poder case ilimitado a nivel mundial, pero do que apenas escoitamos falar.

A dirección e o guión corren a cargo de Adam McKay, histórico de Saturday Nigh Live, cunha traxectoria enfocada á comedia. Mais, aínda que Vice non deixa de ser unha comedia pola linguaxe audiovisual que emprega, resulta cambiante por momentos, chegando a provocar no espectador unha reflexión acerca dos feitos reais e tremendamente documentados que narra o filme.

Xunto a Bale, temos intérpretes que coinciden na súa solvencia e experiencia: Amy Adams coma Lynne, a muller de Dick, unha auténtica “Lady Macbeth” americana, o seu principal apoio e a mente maquiavélica responsable da maioría dos méritos do seu esposo. Steve Carell coma Donald Rumsfeld, mentor do protagonista e secretario de Defensa durante o seu mandato. Aínda que pode pasar inadvertido, Carell demostra de novo o seu bo facer, interpretando o político que, como di a película, utilizaba o seu poder coma unha navalla de bolboreta. E, por último, un marabilloso Sam Rockwell, que se move como peixe no auga no papel de George. W. Bush.

Unha montaxe e un guión case perfectos, para entender a través do pasado o presente dos EEUU. 

Comentarios