Opinión

O saharaui, un pobo farto de agardar

A Fronte Polisario vén de celebrar o seu XVI congreso na wilaya de Dajla, nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf; encontro que se prolongou até o pasado domingo por mor da intensidade dos debates. Nel participaron máis de 2.000 delegados e delegadas en representación dos diferentes sectores da sociedade saharauí dos territorios ocupados, dos campamentos de refuxiados e da diáspora; estando tamén presentes 400 persoas convidadas de organizacións dos cinco continentes, entre elas o BNG e a CIG.

O propio Polisario cualificou o congreso como transcendental, tanto polas decisións a adoptar como polo contexto de reconfiguración xeopolítica rexional e internacional. Sendo o primeiro que se celebra tras a volta á confrontación armada, debido á vulneración por parte de Marrocos dos acordos de paz de 1991.

Van xa 31 anos da súa sinatura, coa promesa por parte da ONU de celebrar un referendo de autodeterminación, e as saharauís fartas de agardar, pregúntanse onde están o referendo, o respecto aos dereitos humanos, as sancións a Marrocos e as sancións ás multinacionais que espolian os seus recursos.

Estivo moi presente no congreso a decisión do goberno español do PSOE de asumir a posición da ditadura marroquí e o seu plan de autonomía para o Sáhara Occidental, que na práctica significa unha anexión por parte de Marrocos. Decisión cualificada, mais que xustificadamente, de nova traizón, e que contou coa complicidade dunha "comunidade internacional", tan dilixente ao esixir o dereito á soberanía e o respecto aos dereitos humanos doutros pobos, como actualmente é o caso de Ucraína.

Neste XVI congreso o Polisario acometeu unha importante reestruturación organizativa, que incluíu o aumento na presenza de mulleres e xente moza nun Secretariado máis reducido. E por primeira vez, non houbo consenso para elixir a secretaría xeral e presidencia da RASD, que van ligadas, presentándose dúas candidaturas; a do Secretario Xeral dende 2016 Brahim Ghali, e a de Bachir Mustafa; conseguindo o primeiro o 69% dos votos.

Ao respecto do plan de acción e estratexia para os vindeiros tres anos, unha das principais decisións foi a de escalar a guerra para enfrontar a agresión marroquí, xunto co especial seguimento á situación dos dereitos humanos nos territorios ocupados, o fortalecemento do labor diplomático e o control do gasto e da xestión nos campamentos de refuxiados e refuxiadas.

Non son poucos os retos que ten por diante o Polisario, pero como se viu neste congreso, o pobo saharauí nin está só nin derrotado na súa loita polo pleno exercicio do dereito de autodeterminación. Brahim Ghali, no discurso de apertura, foi moi claro ao afirmar: "Non nos implicaremos en ningún proceso de paz que se desvíe do inicial plan tanto da ONU como da Unión Africana, e, en consecuencia non garanta o completo respecto do dereito inalienábel á autodeterminación e á independencia".

Comentarios