Opinión

Non hai persoal médico

En todos os estudos demoscópicos a sanidade aparece como un dos primeiros temas de preocupación para a poboación galega; algo máis que xustificado, xa que o seu deterioro non fai máis que aumentar, especialmente na atención primaria. A situación non pode máis que cualificarse de alarma sanitaria. Non hai un só centro en situación de normalidade, cos cadros de persoal que corresponden.

Son miles as persoas galegas que non poden pedir cita por estar as axendas pechadas, con listas de espera de semanas; miles sen profesionais asignados, e cada vez que precisan atención aténdeos unha persoa distinta. Miles de crianzas sen atención pediátrica, PACs sen ningún persoal médico...

As consecuencias son demoledoras: persoas crónicas que ao non facerlle seguimento, descompénsanse, empeoran, rematan en urxencias, ingresadas; diagnósticos tardíos, un deterioro constante da calidade asistencial, con profesionais exhaustas e desmotivadas.

Diante desta situación, a estratexia do PP é repetir o mantra de "non hai médicos".

Como se as e os profesionais desaparecesen da noite para a mañá, levados por un tsunami. Non hai profesionais, non hai médicos, non hai pediatras, non hai enfermeiras como consecuencia de políticas que buscaban chegar a esta situación de deterioro da Atención Primaria.

Antonio Gramsci, coa súa enorme intelixencia e capacidade de entender o que acontecía, escribiu a principios do pasado século "a realidade está definida con palabras. Polo tanto, o que controla as palabras controla a realidade".

Efectivamente, o PP pon todo o empeño, non en solucionar os problemas, senón en controlar a realidade a través do relato, para facer efectivo o seu plan clarísimo de empuxarnos cara á sanidade privada, directamente ou pola vía de contratar un seguro; non por escolla senón por pura necesidade, ao non conseguir asistencia na rede pública.

A situación actual non é froito da casualidade ou dunha situación sobrevida; moi ao contrario, é o resultado dunha voadura programada, deseñada no centro de control do capitalismo desde hai tempo, nun obxectivo claro de mercantilizar a sanidade, converténdoa en nicho de negocio.

O dereito á sanidade pública conquistouse coa loita social e cristalizou na segunda metade do século XX. Diversos estados europeos foron creando sistemas sanitarios baseados na financiación pública, de acceso universal, con independencia dos ingresos ou lugar de residencia.

Case ao mesmo tempo que se instalaban no estado español as bases dese modelo, na década dos anos oitenta, poñíase no punto de mira das grandes empresas do sector, aseguradoras, tecnolóxicas, farmacéuticas, hospitalarias... A razón é sinxela, nunha fase de estancamento capitalista, de redución de beneficios, a atención sanitaria é claramente un ecosistema perfecto para convertela en negocio.

Puxeron en marcha unha estratexia, pinga a pinga, cara a redución progresiva da capacidade asistencial, conscientes de que o sistema sanitario público e privado son vasos comunicantes. Para que a sanidade privada se poida lucrar hai que debilitar e desprestixiar a sanidade pública. A maioría da poboación non acudirá á sanidade privada nin fará seguros se recibe atención en tempo e forma na pública.

Para acadar o obxectivo son precisos gobernos executores, colaboradores, sendo unha peza máis na maquinaria perfectamente engraxada. O PP en Galiza leva anos cumprindo o papel á perfección, encabezando a ofensiva do neoliberalismo, permitindo que as multinacionais da saúde e grupos de capital-risco teñan parasitado o noso sistema público de saúde; conseguindo a transferencia de financiamento público estábel e a captación dos recursos da poboación ou ben directamente pola prestación de servizos ou pola vía do aseguramento. E tamén teñen unha posición preeminente na toma de decisións.

Rebelarse contra esta situación é imprescindíbel, e unha auténtica necesidade; porque unha sanidade pública e de calidade iguálanos diante da necesidade de asistencia, sen depender da capacidade económica que teñamos.

Non podemos aceptar a substitución da tarxeta sanitaria pola tarxeta bancaria.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios