Opinión

Lentes lilas para a sanidade

Preguntástesvos algunha vez se un paracetamol ten o mesmo efecto nunha muller e nun home? Se os síntomas diante dun infarto son os mesmos? Se se investigan coa mesma intensidade as patoloxías máis comúns nas mulleres que as dos homes?

A resposta a estas preguntas, e outras moitas que poderiamos facernos, é que NON; un non que pon ao descuberto que a medicina non está exenta dos prexuízos, estereotipos e preconceptos machistas existentes no resto da sociedade.

Os nesgos de xénero existentes na sanidade son de enorme dimensión, e teñen consecuencias negativas sobre a nosa saúde; pero estamos diante de unha realidade invisibilizada, e igual que outras desigualdades que sufrimos as mulleres non se percibe, pois non ocupa portadas.

A medicina leva séculos non só actuando como se o corpo das mulleres fose igual ao dos homes, senón tamén como se as condicións de vida fosen idénticas. Séculos nos que o patrón normativo en saúde foi o home, considerando que homes e mulleres responden igual a enfermidades e tratamentos, e que os factores de risco son tamén iguais.

As diferenzas de saúde das mulleres a respecto dos homes non se reducen ao biolóxico ou á saúde reprodutiva ou enfermidades xinecolóxicas; existen  tamén en doenzas con moitísima maior prevalencia nas mulleres,  e en doenzas comúns, que poden manifestarse con signos e síntomas diferentes.  Hai diferenzas no xeito de enfermar, de manifestar síntomas, de sentir dor,  de metabolizar  fármacos, na resposta inmunolóxica e en patoloxías que son específicas nosas...

A pesares desta realidade non hai unha abordaxe diferencial, existen nesgos de xénero no ámbito da investigación, da formación, e da diagnose, que culminan nunha atención deficitaria. Estes nesgos son causa de erros, ineficiencias e inequidade. Empezan na investigación e nos ensaios clínicos onde o prototipo foi historicamente home adulto en idade reprodutiva. As patoloxías máis investigadas e ás que se destina maior financiamento adoitan ser as que máis padecen os varóns en idade laboral, e as conclusións extrapólanse con total “normalidade” á poboación feminina.

Pola contra é escasa ou nula a investigación en enfermidades que afectan especificamente ou maiormente ás mulleres, como  fibromialxia ou  endometriose. A primeira  afecta entre 3% e 6% da poboación, e a endometriose entre 10  e 20% das mulleres en idade fértil. Nestas dúas patoloxías para ter diagnóstico debe agardarse unha media de oito a dez  anos, e non hai medicación específica.

Alguén dubida de que calquera doenza con ese nivel de afectación en homes tería sido obxecto de moita maior investigación?

A evidencia tamén mostra que moitas enfermidades maniféstanse cunha sintomatoloxía diferente en homes e mulleres. Un claro exemplo é o infarto agudo de miocardio, no que os síntomas nas mulleres non responden ao patrón tipo de dor torácica con irradiación ao brazo. Non ter iso presente pode levar a que os síntomas non sexan recoñecidos nin polas mulleres que o sofren nin por profesionais, e chegar tarde.

No lado contrario están os sobrediagnósticos, destacando as enfermidades mentais. Diante da mesma sintomatoloxía (síntomas físicos pouco específicos, dores musculares, cansazo ou cefaleas) é moi probábel que un home sexa derivado a consultas especializadas ou que se lle soliciten probas diagnósticas complexas, mentres que unha muller o máis probábel é que saia da consulta coa prescrición de analxésicos ou psicofármacos para tratar a depresión ou o estrés (85% dos psicofármacos adminístranse a mulleres).

Poderiamos seguir falando dos tremendos déficits na formación, na atención á saúde sexual e reprodutiva, nas pautas farmacolóxicas... totalmente presentes en pleno século XXI.

É preciso que o sistema sanitario poña lentes lilas, para que as nosas necesidades deixen de ser invisíbeis, para mudar o rumbo da desigualdade e inxustiza que sufrimos as mulleres.

Comentarios