Opinión

A leoa que protexeu o legado de Castelao

O pasado 23 de decembro cumpríase o cincuenta aniversario do pasamento en Madrid de Virxinia Pereira Renda e a efemérides provocou actos de lembranza tanto na Estrada que a veu nacer, o 20 de outubro de 1884, como en Pontevedra, última cidade na que residiu antes do periplo que o golpe de Estado lle obrigaría a percorrer, primeiro na xeira que o seu home, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, realizaría para defender a causa republicana -na URSS, nos Estados Unidos e en Cuba-, e logo durante os anos de exilio que pasaron fundamentalmente en Bos Aires.

Deixaron Pontevedra en xullo de 1936, na viaxe que a Comisión en pro do Estatuto realizou a Madrid para entregar nas Cortes o texto plebiscitado o 28 de xuño. El xa non a volvería pisar nunca e ela faríao pasadas varias décadas, case tres.

No aniversario do seu pasamento, tanto o concello pontevedrés como a Asociación Cultural Vagalumes subliñaron a necesidade de reivindicar que, máis alá de ser a compañeira leal de Castelao, Virxinia Pereira foi unha importante defensora tanto dos ideais democráticos e republicanos como, e sobre todo, da causa galeguista.

Esa defensa queda especialmente patente nas cartas que escribiría, xa viúva, a Otero Pedraio, á súa muller, Josefina Bustamante, e tamén a outras personalidades da cultura galega como a actriz María Casares.

"É GALIZA isa NAZÓN GALEGA sempre asoballada, que dende todol-os tempos tamén, vén recramando sin desmaios os dereitos que tan inxustamente lle son negados", escribiulle á filla de Casares Quiroga en 1957.

As misivas amosan unha Virxinia retranqueira e intelixente que unha vez e outra deixa patente a súa férrea defensa do idioma:

"Segundo o decire e pensare de certos descastados 'intelixentes' (que son os de pior calaña) EL CASTELLANO ES MEJOR PARA ESCRIBIRLO Y ENTENDERLO, sin decatarse dos probes que coa súa 'sentencia' aínda lle dan máis xerarquía ao noso idioma", recolle a mesma misiva a Casares.

Nesta teima participou activamente en canta actividade realizaban os nacionalistas no exilio mais, por riba de todo, era unha firme combatente contra o fascismo e por iso non dubidou en amosarse moi crítica con quen deixase ver calquera tipo de achegamento ao réxime. A Fundación Penzol conserva unha carta a Otero Pedraio datada o 29 de setembro de 1967 na que relata o seu enfrontamento coa dirección do Centro Galego de Bos Aires, por recibir o embaixador e o cónsul do goberno franquista e sobre todo por colocar na sede a bandeira "de pus e sangue" como ela lle chamaba nas cartas á substituta da tricolor. Castelao mantivera a mesma aversión e por iso, a súa viúva non dubidou en afastarlle da tumba unha coroa de flores coa franxa rojigualda que depositara o mesmo goberno que os condenara ao exilio: "Mans amigas arrincaron esa porquería, que gracias a facerme eu responsable de semellante atropello, as cousas non pasaron a maiores", contou na carta.

No aniversario do pasamento, o Concello de Pontevedra editou un tríptico biográfico no que se recoñece a débeda, da cidade e de toda Galiza, coa muller responsábel de que o legado de Castelao fique no Museo de Pontevedra que el axudara a fundar, en consonancia co desexo do autor:

"A obra artística debe ser depositada toda ela no Museo, xa que a derradeira disposición do seu autor foi que pasara a ser patrimonio de Galiza, da súa Galiza eternamente soñada, i eternamente desexada. Isto pois hai que cumplilo, como lle digo a Valentín (Paz Andrade), hasta por enriba da mesma lei. Pra defender ise seu desexo, síntome con forzas de leona. Foi promesa especial que lle fixen ao meu Daniel", escribe Virxinia en 1951.

Foi a súa gran batalla na causa galeguista e antifeixista pois como ela mesma escribiu a Otero Pedraio, non poder haber mellor arma para a causa que o legado de Castelao, e non pode facerse apoloxía súa que non teña clara a ideoloxía que defendía:

"Parece que non esquecen ren, menos a parte política que se silenciou por cuanto é ahí onde a "porca torce o rabo" sin decatárense de que todo o arte do noso Castelao, dibuxos, escritos, conferencias, etc, son esencialmente política."

Comentarios