Opinión

17M: vida para o galego

Este 17 de maio Queremos galego voltounos a convocar a unha manifestación polo galego. Baixo o lema O idioma é a vida a xente encheu a praza da Quintana. Este ano foi diferente. Por un lado, celebramos o centenario das Irmandades da Fala; por outro lado, o autor homenaxeado co Día das Letras Galegas era Manuel María, unha persoa que participou activamente das reivindicacións en defensa da lingua. Un autor coñecido e recoñecido, un autor querido. Isto viuse na alegría da xente e no carácter festivo da manifestación.

O acto final foi moi lindo porque rebordou emoción, sentimento e dignidade por termos unha lingua propia. Emoción ao escoitarmos recitar o poema A fala, as palabras de Saleta e a voz gravada de Manuel María. Sentimento ao bailarmos coas actuacións musicais ou ao cantarmos O carro con Mini e Mero.

O acto final foi moi lindo porque rebordou emoción, sentimento e dignidade por termos unha lingua propia

Dignidade ao sermos miles de persoas que queremos vivir en galego, que non nos resignamos e que conseguimos avances para o galego. Miles de persoas que lle dicimos a Feijóo, entre outras cousas, que o decretazo está morto.

Todo isto nun ambiente de unión de persoas que con diferentes  ideoloxías e condicións defenden o galego o 17 de maio e os 365 días do ano.

Comentarios