Opinión

Vinte anos sen Vidal Bolaño

"Non existe un pobo con alma sen poetas que o canten, sen creadores que busquen ser a expresión do seu ser e estar no mundo. Os dramaturgos son algúns deses poetas". Roberto Vidal Bolaño encabezaba así o anteproxecto dun espazo de creación e promoción teatral ao servizo das novas autorías, na súa teima de que Galicia tivese un teatro de seu, aló polo virar do século. Pero non houbo tempo, o dramaturgo finaba o 11 de setembro do 2002. Tiña 52 anos e estaba na plenitude da creación: aí ficaban Animaliños, Integral, a dirección no CDG da Rosalía de Pedrayo, Mar revolto, A burla do galo para o CDG, dirixido por Xan Cejudo, Criaturas, a dirección do Xelmírez de Cortezón, tamén co CDG, Doentes, Sen ir máis lonxe e a adaptación de Os Papalagui. E, como arriba sinalaba, todo ese mundo nun virar de século, entre 1998 e o 2002.

Preocupado por un teatro que fose do aquí, ligado a una tradición que só podía proceder do popular, funda Teatro Antroido no 75. Eran os inicios ligados a Ribadavia e o Premio Abrente (Laudamuco, señor de ningures e Bailadela da morte ditosa), a creación das compañías independentes. Roberto foi dos primeiros en reclamar a profesionalización do sector, a necesidade dun Teatro Nacional que foi chamado Centro Dramático Galego e que o vetou na segunda montaxe debido ás críticas que el verterá sobre o Conselleiro de Cultura da altura. Se non veto foi censura, cando ganou o Premio Camiño de Santiago en 1994 con As actas escuras, e o texto nin foi estreado nin publicado como correspondía ao premiado. Presentouse a máis premios, aos que había, reclamando que autores veteranos coma el ou Manuel Lourenzo se vían obrigados a facelo se querían ver publicadas as obras ou financiamento que axudase a montalas, cando non para seguir escribindo.

E volveu erguer outra compañía, Teatro do Aquí. Velaí o nome, de novo a teima "do aquí, de agora", para un tempo e un público concretos. E de novo Premio Álvaro Cunqueiro para Saxo Tenor, Premio Rafael Dieste para Días sen gloria. E a escrita vai mudando, porque o país muda e a escena con el.

Como ben apuntou Camilo Franco, "a distancia percorrida polo teatro de R.V.B. cobre, en primeiro termo, o camiño feito polo teatro galego, e non menos importante, a transformación da sociedade galega entendida como tal durante medio século, desde a cultura popular ao teatro de autor, desde as historias de lareira ao cine. Esa transformación que vai da aldea ao barrio".

Os personaxes que xorden da escrita dramática de Bolaño son complexos nas súas varias caras, con gran capacidade de empatizar co lector-espectador, mesmo co risco de que nos descubramos no debuxo dun personaxe fascista ou racista. Os seus personaxes dan conta da idea de xustiza social, confrontados cunha realidade hostil como é a Ester de Rastros, ou abafados por ela en roles lumpe-proletarios.

A súa obra mantén unha vixencia intacta no contexto actual. Porque perviven as fendas que instalan o esquecemento por riba da memoria roubada, cando non reinventada a prol dos gañadores, porque persiste a loita de clases e a non a loita dos desclasados, porque persisten os totalitarismos macroeconómicos e ideolóxicos, porque seguen a non se deixar domear homes e mulleres que no camiño da derrota levan canda si a dignidade.

"Coido que escribín por demasiadas razóns diferentes. Ás veces incluso contrapostas. Porque si, por hixiene mental, para cambiar o mundo, para contribuír á liberación nacional popular das clases traballadoras e das camadas populares galegas... En realidade escribo polo que está ao meu alcance, de entre canto de verdade me importa; por non estar calado, por amolar, para que non todo sexan musicais americanos ou clásicos, para que non duren tanto certos silencios e non me atorde o barullo dunha única voz resoando día e noite na mesma mesquiña e empobrecedora dirección. Se ademais creo algo de beleza, que o dubido, mellor".

O 11 de setembro fará 20 anos da morte de Roberto Vidal Bolaño, cómpre volver aos teatros e vivir a súa obra. Ou cando menos, cómprenos lela, Edicións Positivas publicou a súa obra completa.

Comentarios