Opinión

Verán

A Mariña gústalle tanto o verán que se ergue cedo para poder desfrutalo. Almorza con calma, ve a televisión e xoga coa tablet. Pola tarde se ten quen a leve, vai á praia e atópase cos seus amigos e as súas amigas. Por unha banda, están as amizades de todo o ano e, pola outra, aquelas que se converten en imprescindibles de xuño a setembro. Todas son fundamentais e non só organiza quendas para ir cada día cun grupo senón que, ás veces, xúntaos no mesmo lugar. Son unha boa recua deles. Cando rin, Mariña non pode evitar fixarse en se, como a ela, tamén lles faltan dentes.

A tarde pasa tranquila entre horas estiradas, esa cadencia temporal propia da infancia que os adultos non sabemos explicar. Un verán era un mundo de tempo: días e días entregados ao lecer, ao fastío, ao pasmo… Ese ritmo que non regresa.

Cando van á auga sempre levan algún inchable con forma de animal salvaxe ou de aperitivo. O favorito de Mariña é un que imita unha botella de refresco con chapa e todo. Unha vez quixeron mercar uns remos para poder chegar máis lonxe no mar pero os maiores non lles deixaron porque era perigoso e Mariña pensou que co medo nunca chegarían a ningún lado, como tantas veces escoitara dicir na casa pero a frustración duraba o que lles levaba o camiño á praia. Unha vez alí, nada importaba máis que pasalo ben, desfrutar e nadar a tarde.

Para Mariña, cada verán é unha aventura, unha présa de achádegos valiosos que reterá na memoria e que algún día, xa adulta, refará para entenderse, para explicar o mundo.

Este verán volverá ser distinto ao igual que o foi o curso. Faremos un esforzo por normalizar unha situación que pouco ten de cotiá e menos aínda de desexable. As nenas deben saír e desfrutar, observar, xogar, vivir no seu tempo detido da infancia. Debemos darlles un verán merecido, cargado de remos cos que poidan chegar lonxe, sen medo, con ledicia, moitísima ledicia.

As nenas e os nenos, o alumnado adolescente, demostraron ser quen de adaptarse a unha situación complexa e inesperada na que pasaron de ser actores secundarios a ser os protagonistas por dereito propio, porque souberon estar como e onde lles pedimos esta sociedade adulta pero tan xorda ás veces. E claro que houbo excepcións pero non podemos xulgar a parte polo todo.

Mariña érguese cedo porque precisa vivir o verán intensamente e desfrutar de todo o tempo que ten para non facer nada. O dereito á preguiza debería estar recollido nalgún código para darnos status legal a quen entendemos que pasmar é igual de necesario que manterse activo.

Nestes días ofrécensenos ducias de imaxes de mozos facendo botellón nas rúas e nos parques, macroquedadas, festas ilegais... Por suposto que non é defendible nin xustificable este comportamento, de feito, non o é tampouco cando non estamos nun proceso pandémico.

Os espazos públicos deben estar pensados para ser ocupados polas persoas co maior grado de comodidade e seguridade posible. Tomar conciencia de que os espazos públicos son de todos non é difícil, o complicado é entender que participamos deles como parte dunha comunidade e non desde a individualidade. Non é a miña condición de individuo a que me outorga o dereito a desfrutar dun parque senón a de membro dun colectivo. Isto temos que entendelo todos. Os mozos, tamén. A Covid-19 non fai desaparecer comportamentos incívicos que se reproducen unha vez que se volven dar determinadas condicións como son a fin do toque de queda ou a chegada do tempo de verán.

Souberon facelo ben e adaptarse á incerteza do momento. Sorriron cando tocou e amosaron preocupación profunda cando entenderon o que estaba a pasar. Traballaron, sacaron adiante os estudos, seguiron sendo creativos e sorprendentes, esforzados e solidarios. Conseguiron transmitir que isto era transitorio cando os demais perdiamos as esperanzas con palabras de ánimo que só sabe pronunciar quen ten o futuro en mente. Conseguírono. Nós tamén o fixemos.

Agora tócalles desfrutar do verán tanto como Mariña, axudarnos a vivir unha nova normalidade, procurar espazos de diálogo e de escoita para que poidan expresar libremente non só os seus medos, as súas dúbidas, senón tamén as súas necesidades.

Teñen que descansar e desfrutar pero temos que entender que o contexto non é o habitual e, polo tanto, repetir patróns de comportamento prepandémicos podería levarnos a unha situación tan indesexable coma innecesaria: a de pasmar por obrigación.

Comentarios