Opinión

Setembro

Moitas persoas, entre as que me inclúo, sentimos que o ano realmente comeza co curso académico. Non só porque esteamos vinculadas a el profesionalmente, senón porque hai algo de fin de ciclo coa morte do verán. Todo canto se descolocou en xullo e agosto volve ao seu lugar. Ordenámonos. Procuramos o equilibrio da monotonía. A rutina non está nada mal cando está todo ben.

O novo ano trae fotografías amarelas, violáceas case moradas, contadores a cero, propostas firmes de mellora, ledicia polo silencio, proxectos, o profundo desexo dun presente mellor. Outubro soa moi ben en tódalas bocas. Proporíalle a calquera que o convertese en nome propio. Setembro tamén pero é mes e porta de entrada. Aínda nos resarcimos dos plans que quedaron pendentes, aínda damos os nove baños na praia, aínda disimulamos que vai frío máis aló das sete, aínda é cedo para o chocolate quente, aínda facemos que é verán e sustentamos a nosa insistencia en datos científicos, no coñecemento certo.

No ano da incerteza, setembro é unha estación de tren inhóspita, un movemento adireccional, un día de choiva pola mañá e sol a última hora da tarde. Non sabemos cara a onde tirar. Alguén propón que o mellor é adiar a vida ata novo aviso, ata que sopre un vento favorable, ata intuír sinais ventureiras. Apuramos o verán porque igual nese transo aparece algo que nos salve ou, canto menos, que nos acomode a esta situación que padecemos.

Pasa o verán. Envellecemos. A pirámide invertida leva décadas así. En forma de campá. Supoño que rezar non funciona.

Non sabemos por canto tempo voltarán os pequenos e as pequenas á escola, que acontecerá con eles, cos pais e as nais conciliadoras, cos avós e as avoas que curso tras curso, conseguen rebaixar o nivel de auga ao pescozo dos seus fillos. Pero tamén están quen se afogan e, coma sempre, case ninguén dirixe cara a aí a ollada. Son perdedoras e as perdedoras non brillan.

As persoas con vidas plácidas teñen algo de resplandecente. Chaman a atención. Fano, seguramente, porque os demais nos preguntamos cal é o segredo do seu éxito, que nos falta a nós, cal é o noso defecto, por que se nos castiga. Buscamos unha resposta que sexa, a un tempo, bálsamo e motivación. Pulo.

Pasa o verán. Envellecemos. A pirámide invertida leva décadas así. En forma de campá. Supoño que rezar non funciona.

Que aconteceu nas residencias da terceira idade deste país avellentado por inacción? Que está a acontecer agora? Anaco de primavera e todo o verán para tomar medidas baseadas en decisións xustas, honestas e comprometidas cunha sociedade en estado de agarda, coas persoas que resplandecen e coas que non. Pero o verán é para desconectar. Páxina en branco. Coa segunda vaga de contaxios, as residencias volven estar no punto de mira do virus. Vemos de esguello. Os anciáns son grises, tristes, apagados, enfermos, con patoloxías previas… Por iso alguén decide restrinxir as visitas: ese método de prevención ancestral.

Repetilo mil veces non o converterá en verdade pero en mentira tampouco: estamos a ser cómplices do que acontece nas residencias. Falamos a media voz, denunciamos de xeito case imperceptible. Non somos altofalantes, somos queixa miúda. Os medios de comunicación ao servizo do silencio. Así descansan a conciencia e o inimigo.

Non todos os usuarios das residencias teñen un entorno afectivo externo que faga un seguimento habitual do seu coidado.

Ditos medios soltan datos e asistimos asustados ao circo da confusión. Nalgún intre chegamos a pensar que mentres lles pase a eles está todo en orde. Parece que o barco afunde por exceso de carga. Dentro dos males escollemos o supostamente menor. Parecemos convencidos de que o virus é un monstro que precisa vítimas para calmarse. Dámoslle de comer anciáns. Que se entreteña así mentres procuramos unha solución eficaz.

Non todos os usuarios das residencias teñen un entorno afectivo externo que faga un seguimento habitual do seu coidado. Esta situación non debería, mais vai, en detrimento do seu benestar biopsicosocial quedando exento de toda garantía o dereito á integridade física e moral recollido, por certo, na Constitución.

Que iamos saír sendo mellores persoas desta situación sempre soou a falacia e absurdo. Haberá quen o conseguiu pero todo parece indicar que non aprendemos nada ou o suficientemente pouco como para pasar á historia por ser a sociedade chave dun lugar máis habitable.

Que comece o curso. Que comece o ano. Que alguén nos entreteña co seu resplandor.

Comentarios