Opinión

Ruído

É difícil elaborar un argumentario equilibrado nestes días de ruído constante. Todo son interferencias e altisonancias. Procurar o lugar desde o que observar tamén se converte en tarefa complexa. Permanecer calada, asfixia.

En pouco tempo pasamos dunha severa preocupación pola saúde a unha profunda preocupación pola economía. Algúns, é certo, sempre tiveron a segunda e non tanto a primeira. Ser inmortal outorga vantaxes como a de saberse inmune dunha pandemia. Pasamos da preocupación polas residencias de anciáns –vergoñentísima e punible acción neste eido– á teima da ocupación nas praias. Da dos nenos e adolescentes sen clase a da distancia nas terrazas dos bares. Da dos hospitais saturados a das declaracións de Ayuso. Dos aplausos para os sanitarios e traballadores do sector primario ás caceroladas instigadas por cretinos que, como tal, axiña se expanden, de feito, poderiamos dicir que os balcóns son o novo Twitter.

No medio de todos estes cambios repentinos está o ruído. Estrondo tras estrondo, imos desprazando o verdadeiramente importante a prol da urxencia da economía do instante. Quizais un debate no seo da sociedade sobre cal é o modelo que nos convén a longo prazo en termos económicos, sería máis necesario ca nunca. Mais pretendemos que a maquinaria siga funcionando co disimulo do pleno rendemento. Borrar as pegadas do que aconteceu canto antes só é ruído, interferencia, imposibilidade de reflexión.

Hai quen no ruído se manexa moi ben. De feito, son os que sempre estiveron calados, aparentemente. Non é así porque os grandes medios de comunicación son seus e, polo tanto, nada lles preocupa máis que transmitir, que lanzar constantemente consignas e mensaxes. Non obstante, eles, en si, son unha especie de seres hetéreos que todos sabemos que existen pero non coñecemos. O poder non ten rostro visible, as súas accións falan pola súa boca. Os seus medios propagandísticos refírense a esta calidade co nome de discreción. Na serie de debuxos Inspector Gadget, do doutor Gang nunca coñecemos a cara, coa do gato iamos tirando. O doutor era discreto e o gato, que podería chamarse Fifí, ou Pititi, ou Chiquitín pero chamábase Madcat, tiña que dar a cara.

Hai uns meses rin cunha canción que se titulaba algo así como Todos mis amigos se llaman Cayetano. A letra podemos intuíla sen necesidade de escoitala. Cando algo é tremendamente absurdo adoito rir en lugar de anoxarme. Pero xa non o fago. Nada.

Estes grupos sociais discretos e sempre elegantes non alzaban nunca a voz porque tiñan quen o fixeran por eles, porque sabíanse coa tixola polo mango. Pero, ao parecer, agora decidiron saír. Érguense en armas: cazos e culleres de prata contra o feminismo, contra os nacionalismos periféricos, contra os piollos, o espolio, a ditadura da esquerda, a falla de liberdade, o mal gusto da clase obreira, a censura e os pobres.

A eles o que máis lles repugnan son os pobres. Aos que viven nas rúas non lles fan vez. Eses xa están desactivados completamente. A eles os que lles arrepían son os outros, os que aínda erguen a voz a pesar do ruído incesante que verten, día tras día, na nosa sociedade. Aínda así, somos un ben necesario. Somos a base da súa pirámide.

Levan décadas dominándoo todo. Son a sombra que exerce. Son a meritocracia das relacións interpersoais, son os grandes triunfadores antes dos 30 anos, os creadores de imperios antes dos 40… Sempre coa suor da súa fronte. Pero tamén, en certa medida, coa nosa conivencia. Como pode un país con centos de miles de persoas en situación de pobreza lexitimar o seu discurso? Como un país que ten ducias de eufemismos para a palabra famento permite que volte o termo maleante a circular nos medios de comunicación? Desde cando pasar fame é unha decisión persoal? Desde cando lexitimamos este discurso? E por que?

Eles que calaron coa Gürtel, coa Púnica, coa corrupción da monarquía ou cos recortes, saen agora a pedir xustiza, que é o mesmo que pedir unha intervención das forzas de seguridade, un estado de sitio contra o goberno elixido democraticamente polos cidadáns do país cuxa bandeira levan enriba de máscaras, colos de camisas, pulseiras...

Ten pouca gracia a Revolución dos Cayetanos. Son os fillos ideolóxicos da ditadura e veñen pola liberdade de todos. Buscan as voces amigas que exerzan o rol de altofalantes. Esparexer veleno.

Ideas non queren, diso xa teñen.

Comentarios