mércores 05/05/21

Rebeldes

Unha nova clandestinidade comeza a facerse oco entre a sociedade actual e non é outra que a de saltar o peche perimetral. É sinxelo saber quen o está a facer, sobre todo cando se vive en lugares pequenos, orfos no inverno do balbordo circulatorio do verán. Os veciños coñécense e saben que coches si e cales non pertencen ao seu domino.

A norma é un lugar estraño de transitar cando nada pareceu mudar na paisaxe que se nos amosa prohibida. A norma é difícil de asumir cando non nos compete no plano máis persoal, no íntimo. É máis sinxelo lexislar para outros, organizar a vida de outros, gobernicarlla.

Gobernicar é algo así como querer mandar nos demais sen moito senso e con moitas présas, como etéreo para quen o exerce e moi pesado para quen o sofre. Neste país somos moito de gobernicar pero non só no plano máis cotiá e miúdo, senón tamén o fai quen debería gobernar. Gobernican sen gardar sequera as formas, sen disimulo. Tamén é certo que adoitamos poñer pouca resistencia. E así a pureza das ideas boa libre e sen plomada e aparecen fantásticas ocorrencias, brillantes conclusións e sesudas reflexións sobre como organizar a vida dos cidadáns.

A clandestinidade adoita amosarse coma un acto á marxe da lei que ten moito de atractivo. O poder do prohibido, a erótica da rebeldía… Unha relación clandestina, unha festa , saltar o peche perimetral ou, incluso, pousar a man na pegatina do poste da luz xusto onde pon: Non tocar. Perigo de morte. Pero unha toca porque hai algo no vermello da advertencia que nos interpela e xogarse a vida, ás veces, tampouco é cuestión de darlle voltas. O que acontece é que ten pouco de atraente vivir na clandestinidade de quen salta o valado de Melilla, de quen se agocha da persecución política ou de quen decide abortar. En todos os casos é unha cuestión de supervivencia, con algo de rebeldía implícita, pero supervivencia.

Na Arxentina a aprobación da lei do aborto, supuxo unha profunda e honesta celebración por parte de centos de colectivos e de mulleres a título particular, fóra das súas fronteiras. Nese país, a loita estivo nas rúas de xeito continuado. Como alguén pode ver as imaxes das mobilizacións polas rúas de Bos Aires sen arreguizarse? Como se pode reducir ao absurdo unha petición de longo percorrido no país, de profunda reflexión e argumentación por parte das súas mulleres? Supoño que esta celebración tan gozosa foi froito da capacidade de empatía que temos para coas nosas iguais e que festexamos o seu éxito coma se fose algo noso. Compartimos que non hai dereito máis lexítimo que aquel que nos permite decidir e que derroca leis que nos penalizan por ser mulleres, que nos infantilizan nun intento de facernos pasar por menores de idade intelectualmente e que censuran a nosa voz facéndoa desaparecer ou, o que é peor, converténdoa en motivo de chanza aludindo para tal a condición de feministas das peticionarias.

Realmente algo do seu éxito, si é noso. Éo en canto que unha lei que defende os dereitos das mulleres é un fito para todas, independentemente de en que parte do mundo aconteza. O seu avance pode supoñer o noso non retroceso.

A clandestinidade á que se vían forzadas anulaba calquera posibilidade de garantías sanitarias. Tanto é así que unha percha de colgar a roupa foi a imaxe escollida para lembrar aos senadores no ano 2018 -antes da falida votación a favor da legalización- como de perigosa era a práctica abortiva. Así pois, explicaron que a asa da percha era empregada como elemento cortante da bolsa amniótica. Elas escolleron o símbolo pero os senadores miraron cara a outro lado mentres practicaban a hipocrisía do poder: Negarlle ás demais persoas aqueles dereitos que eles, previo pago, converten en privilexios.

Hai moito de rebeldía nas mulleres clandestinas da marea verde, lonxe da idea romántica e da banalización das loitas pola vida. Hai moito de exemplo e compromiso coa necesidade de mudar unha sociedade baseada nun ideario nada proclive á igualdade e ao respecto polas decisións das mulleres.

Un paso máis na loita. A lei está aprobada. Nobreza, neste caso, non obriga. Cada quen a súa conciencia, a súa decisión, a súa planificación. O corpo das mulleres non é territorio delitivo. Aínda que lexislen para que si o pareza. NON. Parabéns Arxentina! O voso avance, o noso máis complexo retroceso.

comentarios