Opinión

Os males da cabeza

Carme pasa soa todas as hora do día. Tódolos días da semana. Creo que está perdendo habilidades comunicativas e é por iso que cada vez cústalle máis manter unha conversa. Non é que non poña atención senón que é como se esquecera levar o ritmo dun diálogo distendido. Carme limítase ao xogo pregunta-resposta. Sabe o que di, con quen fala. Está situada e lúcida pero, en certo modo, poderiamos dicir que desentrenada. Todas as horas do día e tódolos días da semana en silencio. Só conta coa interferencia do televisor e da radio. Pouca cousa. Non lle atraen moito porque non sabe moi ben do que se fala. Cústalle manter o pulso da actualidade por iso só lle gustan os concursos e a media voz, sempre.

Como fisicamente está ben, ninguén lle vén axudar coas cousas da casa nin a chaman de vez en cando para ver como está. Realmente, non saben que Carme existe porque como ela di, ao non dar traballo, non contas. Intúo que aínda que se cumprisen as condicións para formar parte desa listaxe, ela habíase revolver e negar a necesidade ata que non fose unha cuestión urxente, vital.

Fai uns meses, un sesudo explicador, púxolle nome ao que vén padecendo Carme: principio de alzhéimer, tamén coñecido como írselle a cabeza. Así, sen máis, o seu diagnóstico barato, de panfleto, determinou que a súa soidade era alzhéimer. E como a quen quere ter a razón, o que lle sobran son motivos, non houbo modo ningún de convencelo de que non era esa a causa do seu mal. Son moitas todas as horas dun mes. Demasiadas para que unha anciá, por moi ben que estea fisicamente, non acabe adoecendo do psicolóxico. Non só non ter con quen intercambiar opinións, consellos, o día a día, senón non ter motivos para erguerse, perder a ansia por saber das cousas que nos rodean, do que acontece, facer cábalas, intrigar cos veciños, rir. A quen lle sorrí unha persoa que vive en soidade? Río comigho, di. 

A pandemia veu empeorar a situación de illamento dunha parte da poboación xa de por si sumida en condicións pouco desexables desde o punto de vista psicolóxico e social ou o que é o mesmo: abandonados por quen deben procurar o seu benestar e coidados e non só me refiro ás institucións nas súas diversas modalidades -que cansazo sempre as institucións, que preguiza dan, que lonxanía, que desconfianza, que case todo ou case nada.

O seu contorno, a súa rede de apoio natural, poderiamos denominala así, desapareceu. Os seus provedores de afectos, os seus receptores de afectos, decidiron illala, deixala pouco a pouco soa, en silencio. Incluso hai quen se toma a liberdade de diagnosticala desde a máis absoluta ignorancia que neste caso, ademais, arrecende a inmoralidade. Porque ser ignorante, en ocasións, é circunstancial pero noutras, en moitas outras, é inmoral. Tódalas horas do día. Tódolos meses do ano.

Vacinar unha anciá illada ten un mérito cuestionable. Sálvana só dunha parte, non da totalidade. Inocúlanlle a ilusión de que forma parte do grupo, do común. A mentira de que é coma aquelas que viven rodeadas de xente, das que non podemos tirar a máscara durante horas, das que rimos coas ocorrencias dos demais, das que escoitamos deliciosas anécdotas, profundos pesares, das que compartimos rexoubas, ansias vivas… Palabras! 

Non se trata pois, de que non se vacine a quen, como Carme, pasa soa tanto tempo. Carme é unha persoa de risco coma calquera outra da súa idade, mais ninguén parece preocuparse de que o seu posible contaxiador é tan circunstancial que pasa por que se poña enferma e teña que ir ao médico ou por quen lle trae a compra do mes.

Vivir soa por elección está ben. Penalizar a quen non tivo descendecia, familia ou non ten unha relación fluída con ela, é absolutamente reprobábel. Castigar dúas veces.

Sabemos que o problema vai máis alá e que as casuísticas son case ilimitadas pero o básico, o fundamental, é non obrigalas ao silencio.

Non unha vez máis. Non coa nosa conivencia.

Poñer os coidados no centro. Poñer a saúde mental no centro. Non darlle como única opción ás persoas maiores que viven soas, as residencias. Sacalas do seu contorno natural, porque así se pode definir o lugar no que alguén pasou cincuenta, sesenta, setenta anos da súa vida; sacalas de aí nunca pode ser o único camiño que poida percorrer quen ten como doenza a soidade, quen precisa seguir estando no mundo, formar parte do pulso diario da vida corrente.

Comentarios