Opinión

O común

Non dá rematado o verán. Encol da mesa de fóra hai un xornal que na súa capa destaca que este foi o mellor xullo dos últimos anos porque non choveu ningún día. Abro pola páxina onde está a nova e, efectivamente, esa é a información que nos queren transmitir: ledicia e optimismo. Pecho o xornal. Pregunto quen o mercou e lémbranme que non se debe matar o mensaxeiro. Certo. Non se debe.

Queda todo agosto. As praias están imposibles. Tódolos anos o están pero este algo máis. Os coches seguen estacionando nos vaos, nas cancelas, nos portais das casas. As ambulancias seguen perpetuando o son da sirena para poder circular. Os veciños seguen tendo que saír con moita antelación para poder chegar ao seu destino. As leiras seguen aparecendo cheas de tendas de campaña alleas –algo de trincheira ten todo isto. As colas para mercar o pan seguen sendo demasiado extensas. O amor pola nosa paisaxe foxe por momentos. Aínda así, está a ser o mellor xullo desde hai moito tempo.

As praias son para o verán excepto para os que vivimos á súa beira. Neste caso son, sobre todo, para o outono e o inverno.

Non é só a calma a que desaparece senón que o fai a vida diaria. A nova normalidade non difire en nada da anterior. As dúas son horribles aínda que engadindo á segunda máscaras polo chan, algún guante xa comesto e toalliñas. Moitísimas toalliñas ao bordo da estrada. Tamén envoltorios de comida rápida. E botellas de auga. E panos de papel. E tíckets. E bolsas. E uns carteis que puxo alguén chantados no camiño que poñen: Non nos deixes o lixo aquí. Lévao contigo.

Todo cansa. Que leven o lixo con eles pero sobre todo que se leven a si mesmos e non volvan. Que non volvan se é para encher os colectores do lixo coas podas dos seus setos, nin de terróns enormes, nin de malla metálica que lles sobrou do peche ilegal, nin de mobles vellos, nin de televisores, cortacéspedes, fritidoras, carretillas… nin de xeradores eléctricos. Tirar ao lixo un xerador eléctrico con ducias de metros de cable nun lugar de especial protección, entre os piñeiros, na herba! Así, non.

Tampouco aparcar onde conveña segundo destino, rodas dianteiras sobre a area se se presta a ocasión. Tampouco a moda de amarrar hamacas nas árbores. Tampouco os barcos entrando ata a orela porque non hai sinais de balizamento. Tampouco as churrascadas no medio do monte improvisando un asador. Tampouco todo o que nos pete que parece que saímos do confinamento á toa.

O público sempre é un lugar difícil de xestionar. O que é de todos parece que non é de ninguén e que non rexe norma algunha sobre el. Podemos explotar un espazo tanto como nos dea a gana e logo deixalo no esquecemento ata que o precisemos de novo. Os espazos públicos son á sociedade o que os amigos aos egoístas: un ben de consumo necesario.

Hai quen pensa que cando se vai dos lugares nos que estivo se apagan as luces ata que regrese de novo e as acenda. Nada pasa mentres el ou ela non ve. Logo, cando regresa, quere todo no seu lugar, disposto para o desfrute. Non é xusto para os veciños ter que vivir estas situación. Nin sequera falo da xente moza que sofre as consecuencias da especulación, a imposibilidade de conseguir un alugueiro a un prezo razoable ou por un ano de xeito ininterrompido, dos que se teñen que ir do seu lugar de orixe para zonas máis afastadas da costa porque as segundas residencias limitan o acceso á vivenda. Nin sequera este debate, que se debe dar, por suposto que se debe. Só falo do común, do que é de todos, da necesidade de concienciar sobre os espazos abertos, as zonas de esparexemento, do seu coidado, da responsabilidade necesaria e compartida. O común é pedagóxico porque todo canto nos rodea o é. Que queremos aprender? Que queremos ensinar?

As praias, os montes, as prazas, os parques, os camiños, os lagos ou os sendeiros son lugares coa luz sempre acesa: dá igual que alguén a apague, sempre está aí para outro.

Que longo se está a facer este verán! O mellor xullo dos últimos anos. Non choveu nin un só día. A temperatura da auga do mar acada marcas históricas. Que marabilla! E aínda menos mal porque se chove afúndese o turismo. As vacas que pasen sede e fame que para as que quedan…malo será!

O común é pedagóxico. A educación pública é un ben común. Ogallá en setembro remate o verán. Ogallá a rapazada regrese á escola, aos institutos. Mais creo que aí alguén baixou o machete da electricidade.

Comentarios