Opinión

As mulleres de verdade teñen curvas

Comezaba o século XXI e con el, a adolescencia das nacidas a principios dos oitenta, debía diluírse. Canto menos, iso era o que pensabamos nós. Ou o que nos facían pensar. Ou o que a bioloxía determinaba. A pubertade xa quedara atrás e tiñamos que seguir dando pasos firmes nun terreo nunca antes tan crebadizo e inestable. Tocaba como tocan moitas cuestións que unha non sabe de onde veñen, pero son así e asúmense. É algo semellante a pasar do domingo ao luns. Un día estás na casa ben a gusto sen imposicións temporais, por exemplo, e ao seguinte es unha adulta normofuncional que cumpre con extrema pulcritude un horario cainita que pos en dúbida pero só ás veces, cando tes algo de tempo entre unha obriga e outra. Iso, o tempo entre obrigas, é moi perigoso porque por el, fíltranse as fendas do sistema, as dúbidas sobre a propia existencia, a necesidade de parar e a sensación de que nunca seremos como as demais: felices.

Como se produce o paso da adolescencia á idade adulta? Non o sei. Nin sequera sei se moitas de nós non quedaremos cun pé en cada lado e bandeamos do domingo ao luns indefinidamente. Se é así, non me culpo. Nin me desculpo tampouco.

Era o ano 2002 cando apareceu na carteleira unha película titulada Las mujeres de verdad tienes curvas. O filme estaba ben pero a min o que me acompañou ata hoxe foi o cartaz dunha campaña na procura da visibilidade dos trastornos das condutas alimentarias. Este empregaba o seu título canda o debuxo dunha muller espida cuxo corpo estaba lonxe de adaptarse aos canons de beleza de entón. Foi unha pequena revelación. Nunca o pensara así. Ata o momento, ninguén me dixera que non estar delgada tamén estaba ben, que non debía sentirme culpable se nalgún momento deixaba de selo, que seguiría sendo, en definitiva, unha muller de verdade. Chantei o cartaz na porta do frigorífico do piso de estudantes e alí estivo os anos que fixo falla.

Co paso do tempo, perdín levemente de vista a cuestión da imaxe que transmitimos sobre os corpos normativos. Iso que fai tanto dano ás adolescentes. Asimilei que o aumento da seguridade sobre o meu, viña acompañado dun cambio no xeito no que a sociedade ve a beleza como tal, dunha relaxación do canon. Nada máis lonxe da realidade.

O certo é que non foi casual ese "perder de vista" o tema senón que, deliberadamente, se apartou o foco da cuestión que, durante un tempo, preocupou a sociedade, alarmada polo crecente número de adolescentes con trastornos da conducta alimentaria.

Caín na trampa de pensar que o feito de que as novas do xornal e a televisión non estiveran facendo fincapé no asunto, era sinónimo de que o mesmo comezara a desaparecer. Ou diminuíra. Ou o grupo non apremaba tanto. Ou que primaba o dereito á saúde antes que á imaxe.

Uns días atrás, un par de mozas adolescentes contáronme que no seu centro tiñan programada unha excursión. De todas as actividades, unha chamou a miña atención: Irían bañarse ao río. Pensei na ledicia de voltar á vida de antes. Nas excursións, nas amigas, en planealo todo. Lonxe do control parental e das normas do instituto. Ese aire fresco que sempre entra pola porta do autobús que nos leva. Fíxome ilusión pensar na súa alegría. Nese paso adiante que supón tanto tras dous anos sen saír do centro, sen apenas actividades. Pero, de súpeto, o meu gozo nun pozo. Todo lles parecía moi ben agás ir bañarse ao río.

Non fun capaz de prever a causa. Pensei en que igual lles daba preguiza baixar ata alí. Incluso pensei se sería algunha especie de reticencia que temos a xente de costa a bañarnos en auga de río. Nada diso. Non querían amosar os seus corpos en bikini ao resto da clase. Vense gordas. Horribles.

Pensei en cuestións que están lonxe das súas preocupacións como na sorte que teñen de ser mozas que gozan de boa saúde. A min parécenme tan fermosas, tan cheas de vida, tan alegres, tan vitais! Elas, que me contaxian o xeito que teñen de ver o mundo por primeira vez, a maxia das descubertas, a ilusión polo porvir, estábanme lembrando que dá igual onde os medios de comunicación poñan o foco. A realidade é outra e vai por outro camiño. Imponse sempre. Transparenta.

Buscarei aquel cartaz de anos atrás e cando o atope engadirei: e as que non as teñen, tamén.

Comentarios