Opinión

Un monllo de maneiras de iniciar o proceso de marxinalización dun lugar e un café con leite, por favor!

U n farol roto non é o mesmo que un farol estragado. Unha beiravía non é o mesmo que unha beirarrúa. Un xardín non é o mesmo que un tarro. Un parque non é o mesmo que unha randeeira. Un servizo de transporte público non é un autobús cada dúas horas e un lugar das aforas non é en nada similar a un lugar do centro.

No centro todo está á man e queda á altura da vista. O centro do mapa, o centro do círculo ou o centro do volcán. A centrifugadora. A lavadora expulsa con violencia as gotas de auga cara a fóra. A periferia é ese lugar heteroxéneo onde adoitamos caer os violentados. Pero, como case todo, é unha construción social produto da engrenaxe dun sistema de ordenamento económico e, por ende, político. Os habitantes das periferias foron, durante moito tempo, algo parecido aos residuos sólidos urbanos. Estaban aí e semellaban pouco esixentes. Obviamente, non era así, só que desde a periferia os gritos tardan máis en chegar.

O problema xorde cando o centro medra tanto que precisa da periferia, cando asume que debe fagocitar as marxes para ser núcleo e aí, os expulsados volven ser territorio de conquista, motivo de conflito, individuos de interese, protagonistas. Aí comeza a expulsión novamente, o acoso. Os altofalantes que lles foran negados durante anos son entregados agora a manchea. Métenllos pola boca a todo aquel que atravese a rúa. Queremos saber cales son os problemas dos veciños, que lles acontece, de que carecen…

O mesmo pé que os oprime parece converterse na man amiga. Os problemas fanse visibles, dáselles entidade de reais ao pasar polo filtro catódico mais dita visibilización non ten nada de solución, senón de táctica eficaz para convencernos da necesidade de actuar en lugares potencialmente perigosos, cheos de ameazas, inseguros. Comeza a fin do proceso de marxinalización, ou como diría unha xornalista en horario de máxima audiencia: hai que buscarlles un lugar pero fóra de aí, dá mala imaxe. Esa zona é a porta de entrada á cidade, que van pensar de nós os visitantes?

Que van pensar de nós? E nós? Que imos pensar nós sobre nós mesmas? Que opinión nos merece o que acontece coa xentrificación? Porque isto vai de moitas cousas pero desa tamén. Porque disto fálase nas cidades pero pouco nas zonas rurais de costa onde unha praia se converte nunha maldición, onde aprendes a odiar unha paisaxe a que culpas de non poder vivir dignamente, onde as persoas que queren seguir habitando o lugar onde naceron están castigados contra a parede da montaña. O mar non é para nós agás para traballalo mentres nos deixen os poderes fácticos e a contaminación. Iso tamén é centrifugación. Esas tamén son as gotas expulsadas do secado.

Un farol roto non é o mesmo que un farol estragado. O primeiro vese de día, o segundo de noite. Ambos dan a idea do interese que esperta ese lugar en quen o xestiona. O segundo amáñase axiña, o primeiro esixe outro tipo de vontade. Unha beiravía bota a un lado a quen quere desprazarse con certa seguridade pola súa contorna. Unha beirarrúa convida a unha vida a pé, menos sedentaria. É unión. Normaliza. 

Tamén normaliza un lugar a existencia de espazos de lecer coidados. Se un parque do centro non se concibe cos aparellos rotos, por que somos tolerantes con esta situación nun lugar con menor impacto crítico? É dicir, xustifica o número de usuarios que un parque estea impracticable? 

Os habitantes das periferias foron, durante moito tempo, algo parecido aos residuos sólidos urbanos

E a limpeza? Que maior efecto marxinalizador hai que a falta de salubridade dun lugar? Non serve convencer os seus habitantes de que pouco máis merecen, de que eles non son parte implicada na conservación senón culpables da situación. Non serve porque estigmatiza: lixo sobre lixo fai capa.

E hai outros monllos de maneiras de marxinalizar, que non só marxinar, un lugar. De transformar nunha arañeira, espazos habitables para quen asumiron que xa formaban parte da periferia e, en ningún caso, do centro.

Pola contra, temos a obriga de non tratar este tema desde a trivialidade dos matinais da televisión senón desde a preocupación, pero sobre todo desde o pulo da acción, que nos debería xerar saber que o lugar que ocupamos non flutúa en función do azar senón doutras miserias máis graves, previsibles e mudables. 

Hai temas que esixen algo máis de rigor que a escoita despreocupada mentres tomamos un café con leite. Por favor.

Comentarios