Opinión

Lapislázuli

Xa hai tempo coñecín a unha señora que me dixo que vendendo peixe pasara máis frío que de puta no Ensanche. Era catalá e lembrou a xelidez e a humidade ao ver unha foto de mulleres descalzas traballando nas conserveiras do Morrazo alá polos anos 20. A comparación, lonxe de ser odiosa, pareceume sarcástica e cruel, como a vida. Tivera, co tempo, unha cadea de peixarías que logo pasaron a mans alleas porque a descendencia procurou un futuro mellor do que nunca tiven noticias. Quizais medraron e o frío do Ensanche pasou a mellor vida ou pode que algunha vez maldiciran o día no que decidiron iso do futuro. Xogar a adiviñar debe de ser divertido cando se acerta.

O seu aspecto era o dunha señora ben parecida, cun gusto especial polas xoias pequenas pero traballadas. Ela falaba mirándome aos ollos mentres eu fitaba de esguello aqueles adobíos de ouro e pedras. Pensei no lapislázuli. Houbo un verán da miña adolescencia no que me convertín na raíña do Scatergories. Non foron poucas as veces en que aproveitei para gañar a partida con palabras que aprendera folleando o dicionario. Martín o d ́A Castellana, dono do xogo e único adversario, sufría como podía aquela competición. Ata que un día, xa canso, gritou:

—Por que inventas palabras? Inventar non vale.

Acababa de dicir lapislázuli. Pareceulle mal e, ademais, inverosímil. Tentei explicarlle que era unha pedra preciosa, pero non quixo escoitar. Esa tarde foi a última daquel verán no que xogamos debaixo da viña a pensar palabras –que diría eu– ou a inventalas –que diría o fillo d ́A Castellana–.

Se tivera que inventar palabras, creo que lapislázuli estaría lonxe do meu alcance. Demasiado longa, demasiado esdrúxula e evidente. Lapis azul. Algo así me pasa estes días con Bon. Se tivera que crear verbas para este lugar todo me parecería demasiado longo, lento, aciago. Alguén, na escuridade, creou unha distancia entre Nocedo e A Estrada que non se pode medir nin co suco extenso do meu peito. A morte non se ve vir, chega. E cando o fai trae consigo unha nova xeografía, descoñecida e imperturbable. Todo precisa ser nomeado por primeira e derradeira vez. Podo falar do territorio do noso pasado, María. Do noso pasado.

[Este artigo foi publicado no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza]

Comentarios