martes 31.03.2020

Iremos vendo

Como nota mental, como advertencia, como garantía de seguimento, cada ano, no seu comezo, penso na mesma expresión: Iremos vendo. Aí introdúcense centos de nós. Uns desfaranse a medida que pasen os días, aparecerán outros, quedarán intactos algúns e non todo dependerá da nosa pericia, do interese, do esforzo… pero algo, si.

Iremos vendo, por exemplo, que pasa con toda esa rapazada que prometeu que no segundo trimestre traballaría máis e que se esforzaría moitísimo para aprobar todas. Probablemente, de aprobar todas, rebaixaremos a intención a que nos quede só unha, logo só dúas… e logo xa, semanas antes da avaliación, veremos o que pasa na terceira. Ao final, o seu comportamento é similar ao noso, cando o primeiro día do ano andamos con listas de propósitos para levar a cabo. De cinco pasan a catro e de aí a dous e logo xa veremos.

Iremos vendo o que acontece no hospital de Verín co peche do paritorio. Por un lado está a advertencia da Xunta de Galicia ás embarazas e futuras embarazadas do lugar –e penso que, en certo modo, a todas as mulleres que se atenden en hospitais cunha situación semellante á de Verín. Lémbralles que non poden parir preto das súas casas e que deben percorrer ducias de quilómetros ata chegar a un lugar seguro para elas e as recén nacidas. De facelo no hospital de Verín, o que teñen por certo é que os servizos sanitarios as trasladarán por separado ao CHUO. O paradoxo de nacer nun hospital pero non poder ser atendido nel a causa do desmantelamento do mesmo. Quen merca a explicación dos ratios sanitarios de número mínimo de partos para garantir a pericia dos profesionais? Quen asume a responsabilidade do medo infundido a estas mulleres? Quen se fai cargo desa violencia?

Calma. Xa iremos vendo o que acontece polo camiño. Advertencia absolutamente delirante, incomprensible e que atenta claramente contra os dereitos das mulleres e dos nacidos, ou, incluso, dos non nacidos; Eses que lles preocupan tanto aos movementos provida, quen se dedican a regalar bonecos en forma de feto e a celebrar misas orando polas almas do non nacido e da embarazada. Canto mellor era, se cren en Deus, que orasen polas propias! Os mesmos que teñen entre eles xinecólogos que perante un aborto voluntario, ademais do latido do corazón do feto –se é que xa o ten–, deixan caer a ecografía diante dos ollos da xestante e logo preguntan con pouca elegancia: Estás segura? Por outro lado, está o iremos vendo do electorado galego. Pasar por alto o que están a facer con este hospital é negar o desprezo e a indiferenza que senten polo rural en xeral e polas mulleres en particular. Non se trata de ofrecer predicións apocalípticas, trátase de analizar o que leva acontecendo xa tantos anos dende unha dobre vía: o desleixo cara ao rural e o desmantelamento da sanidade pública –a privada? Ben, grazas.

Iremos vendo que acontece coas mulleres vítimas de violencia machista e cos plans educativos para erradicala –a violencia, non as mulleres. Con toda esta mala educación de base, cuns principios que renxen cunha sociedade respectuosa e solidaria, con isto de que nas redes sociais todos somos analistas políticos, líderes sindicais, referentes de opinión… Veremos como nos defendemos do termo feminazi, das constantes agresións verbais, da violencia institucional, da violencia social, da violencia…

Iremos vendo que acontece coa nova década, coa entrada de ano, con todos os bos e firmes propósitos. Coa decidida intención de conseguir que estas columnas sexan lidas ata o final. Coa ledicia das pequenas e das grandes marabillas cotiás. E con todas as cousas estupendas que, de seguro, pasarán.

Iremos vendo que acontece con Nòs –marabilla cotiá–, xusto nun momento en que o papel tende a desaparecer, a diminuír o seu consumo a favor da dixitalización dos xornais, das revistas… Nòs aparece neste formato como froito do camiño inverso: primeiro dixital, agora realidade física. Pois que importante é esa realidade física! Velo, tocalo, lelo –por suposto!– e ensinárllelo aos demais coma un premio. Mira! Chegou! Está aquí Nòs. É Nòs. Somos Nòs.

Iremos vendo
comentarios