Opinión

Fragrancias

Está nas nosas mans proporcionarlles ferramentas válidas e xustas que os guíen e axuden a medrar intelectualmente

Cos exames finalizados, podemos permitirnos respirar máis amodo, incluso, por momentos, falar doutros asuntos que non sexan notas, materia ou recuperacións. C. está sentado ao meu carón. Véxoo de esguello e pénsome coa súa idade. É maduro, resolto e intelixente.

Repasei os meus medos con doce anos e sorrín pola inocencia de quen cre que, por exemplo, que desexar bicar a un mozo é pecado. C. de maior quere ser rico e ten pensado enfilar os seus pasos académicos cara a calquera profesión que lle vaia reportar importantes beneficios económicos. A súa seguridade xógame en contra. Con esa idade nunca tería pensado na riqueza. Os nosos soños eran outros. Para nós os cartos era coma se non existiran, algo así coma se o futuro estivera feitos dun éxito calmado, inmaterial; de obxectivos pacíficos, neutros, pouco brillantes. 

C. fala con P. Explícalle como debe camiñar polo corredor do instituto para que non se rían del. Ergueito e sen mirar para ninguén. Vamos, con chularía. Fai como que non che importan, dille. P. érguese da cadeira e pídelle que exemplifique. Penso que debería mandalos sentar e calar pero realmente non quero facelo. Atendería ao que agardan de min os pais pero non os rapaces. Desobedezo. Desde que son maior levo bastante ben a loita contra o pecado. Fago como que non me importan.

Estas semanas atrás foron duras. Afogan entre tarefas e exames. Non me gusta velos así. En algún intre destes días, todos perdemos as formas. Ben erguen a voz de máis, ben choran, ben me acusan de ser a culpable dalgún fracaso. Aparece a palabra trampa. Ese baúl no que caben todas as frustracións propias e alleas, todas as circunstancias que rodean a un suspenso, todo o que queda fóra do centro, da norma, do cuantificable. Procuro entender ao sistema, ás veces, sorpréndome facéndolle as beiras, xustificando o seu proceder. Así é máis sinxelo. Non hai contradición, só seguidismo. Pero logo véxoos a eles e nada me consola. O camiño da aprendizaxe non debería ser o do sufrimento e, moito menos, o da negación do desfrute de adquirir coñecementos, os mesmos que nos permitirán manexarnos con habilidade nunha sociedade que precisa mudar. 

Educar na cultura do esforzo é necesario sobre todo nun contexto líquido e pouco estable. Pero, de que esforzo estamos a falar? En que consiste? Onde está a liña que separa o útil do absurdo? Baixar o nivel académico é a solución? Subilo? Conformarse? 

Atesourar coñecementos é importante e iso esixe esforzo e dedicación. Nin podemos nin debemos evitarlles o traballo pero está nas nosas mans proporcionarlles ferramentas válidas e xustas que os guíen e axuden a medrar intelectualmente, que lles permitan atopar no saber certa satisfacción e utilidade. Non se trata de rebaixar o limiar de esixencia, senón de dotalos de todo canto precisen para chegar ata el.

C. Fala moi ben. Le moito e iso nótaselle na lingua. Ben sei que unha cousa non sempre está relacionada coa outra. Aurora escribe con bo tino, incluso imprimiu os seus textos para facer unha plaquette. 3 euros dedicada pola autora. A portada de floriñas fucsias é preciosa e os textos son agradables, coherentes e diversos. A miña necidade fíxome soltarlle que estaba convencida de que lía moito para chegar a ese grado de pericia. Riuse. Confesou que nin un só libro lera dos que lle mandaban no instituto, que ela facía os controis de lectura de oídas e que nin tan mal lle resultara. Fóra de aí, nunca se lle dera por coller un libro por pracer. Se non lle gusta, fai ben. A Aurora pásalle coma min de adulta, o dos pecados nin arre nin xo.

C. e P. xa están sentados de novo e traballan nas súas libretas. Falan en voz baixa. P. Achégase ao pescozo de C. e contéstalle que non moito. C. cóntalle que ten tres colonias: a de piscina, a do insti e a dos domingos. P. confésalle que el só ten unha pero que para ir a clase non a bota por falta de tempo. É do Clube da Santa Cama e sabe que un minuto durmindo é un minuto roubado á escravitude. C. explícalle a P. que botar colonia é un xesto de respecto. Sorpréndeme a afirmación.

Pregunto e C. proporcióname a primeira lección do día: porque busca ser agradecido con quen se achegue a falarlle. Sorrimos de novo. Na lousa, un corazón vermello atravesado por unha frecha dáme as grazas. Eles a min. Elas. Que absurdo.

Comentarios