Opinión

Desesperanza

María chegou a min con catorce anos e sen ganas de vivir. Lembro como arrastraba os pés e estes, lonxe da metáfora, gastaban as zapatillas máis pola punta ca polo talón. Era guapa, María. Nin riquiña, nin feitiña: guapa. Posuía esa beleza exótica que, por tal, tanto nos atrae.

O seu cabelo lánguido sobre os ollos, permitíalle pasar desapercibida cando o mundo se lle antollaba tedioso e excesivamente lento.

Insistía moito na idea de aburrimento. Quería saber máis sobre el, en que consistía realmente esa sensación. Preguntábase por que o experimentaba tan a miúdo a pesar de estar rodeada de estímulos para a diversión, de recursos destinados ao entretemento. Era curiosa e eu quixen ver aí un motivo para a resistencia.

Comecei a recomendarlle libros e revistas. A ela estas últimas gustábanlle especialmente. O seu estado de ánimo amosaba debilidade pola imaxe antes que polo texto. Foi por pouco tempo. Axiña empezou a ler libros e todo, en certo senso, fluíu. Gustábanlle as novelas de misterio, os libros de divulgación, os de receitas, os cómics, algún clásico… e a poesía.

A lectura permitíalle estar dentro e fóra do seu entorno á vez, dáballe espazo, non era esixente cos seus tempos, non era violenta nin voraz coas súas enerxías. Permitíalle estar alí onde quixera, ao seu compás.

Lembrarme dela fíxome pensar no ritmo que a sociedade, é dicir, todos os axentes implicados, lle imprimimos ao estudantado durante o curso. Érguense cedo e pasan toda a mañá nun centro educativo. Pola tarde actividades pautadas, desas que fan rutina, de luns a venres. Logo atender ás tarefas do instituto, o classroom, os deberes, o abalar. Enfrontarse á foto que non carga, a entrega que non chega a tempo, ás doce da noite como hora límite, os pelos de punta, mamá que suspendo se non o envío, a lámina de debuxo cunhas marxes de 1.5cm, a composición histórica, practicar o listening de inglés, a calculadora que pon o resultado en forma de fracción, os deberes de galego que vaia por deus xa non debía de darse galego na escola, pasar os apuntamentos a limpo, facer un resumo para lingua, os exercicios da profe da academia, botarlle unha ollada á literatura, apuntar as valencias no corrector, xa veremos cando sacamos tempo para tecnoloxía… e estudar para os exames.

Non cabe dúbida de que a súa idade, que foi a nosa algunha vez, os niveis de enerxía son elevadísimos e que axiña recargan unha batería que parece que nunca se esgota, pero isto non debe ser un pretexto para que non respectemos os seus tempos e o dereito que teñen a dispoñer das horas libres para organizalas como queiran, con máis ou menos fortuna, sen dúbida, pero tomando decisións e asumindo consecuencias que lles ensinarán cando si e cando non.

Esta hiperactividade programada está levando ás e aos adolescentes a un esgotamento absoluto e a certa sensación de absurdo que só conduce ao desleixo pola aprendizaxe. Pasar o día facendo cousas por obriga non pode máis que extenualos e, iso si, adestralos para ser futuros adultos que só pensen en ser produtivos, rendibles, aptos.

O outro día, un rapaz dicíame que afortunadamente no instituto o pasa ben porque senón sería unha perda de tempo estar alí. Segundo el, axiña esquece a metade do que aprende e que a outra metade tampouco lle interesa demasiado. Outras dinme que imos vivir unha terceira guerra mundial, que tamén o da Covid parecía imposible ata que non o foi. Falan moito da guerra ultimamente. Teñen o tema na boca porque o teñen na mente. E a degradación do planeta. E a carestía de recursos. Porque eles van herdar un lugar peor do que atoparon ao chegar e teñen dereito a botarnos na cara todo canto mal fixemos nun mundo globalizado a medias, nunha Europa do capital caníbal. Porque non fomos quen de conseguir dignidade para o sur do planeta, agora que cada vez estamos máis preto de sufrir as súas condicións de vida. E non nos estará mal de todo porque nós tivemos un privilexio negado ás novas xeración: poder poñer remedio a tempo.

María chegou un día e díxonos que lle fallaban as forzas. Estaba esgotada. Cansa. Sumamente triste. Aburrida a pesar de todo. Marchou a curarse un tempo.

Penso na súa desesperanza, nos privilexios. Que polo menos, lles deixen o tempo. Só iso.

Comentarios