xoves 29/10/20

Aprender a contar

Pedro aprende a contar cos dedos como algunha vez, xa esquecida, o fixemos as demais. Agora, entre os adultos, son as máquinas as que contan os números e os acontecementos. Ás veces véxoo e paréceme que ten cen dedos, que os vai anoar sen querer, que se mancará se segue a movelos con ese afán. Decátome de que a destreza motora do pequeno acada os lugares a onde non chega a destreza matemática.  Algunha vez obsérvoo de lonxe, cultivando o encanto das discretas e podo ver como estende as mans e queda absorto nelas. Penso en que pensará e dáme a risa ao escoitalo dicir que non lle chegan os dedos. Entón colle lapis e ponos ao servizo da súa causa: o exército das contadas de Pedro é de mil cores.

Non sei como aprenderá, como lle ensinaremos, a contar as inxustizas, esas para as que non haberá dez dedos que lle cheguen. Serán moitos os lapis que invista no proceso. De feito, serán tantos, que probablemente acabará por ir rebaixando o limiar da tolerancia ao inxusto ata límites insospeitados.

O exceso. A superexposición ao dano, ao inxusto, acostuma a ollada. Nunca un pobre asumirá o estado de carestía coma quen non o é e, circunstancialmente, pasa por ela. A adaptación amósase coma un mecanismo de supervivencia validísimo nestes casos. Pero iso non é xusto. Non se trata de premiar o mellor adaptado ás circunstancias, trátase de que estas sexan quen de mudar para garantirnos que non se perpetúen situacións de desigualdade que menoscaben a dignidade das persoas.

As máquinas que contan números e acontecementos téñennos sometidas á tiranía do ruído. As luces tamén o son, por certo. Algunha música tamén o é, por certo. Todo canto interfire no pensamento diáfano é ruído e non ser capaz de discernir entre o que é inxusto ou non é un problema colectivo. A sociedade do ruído é un individuo que non pensa con nitidez.

Ás veces Pedro achégase sutilmente á calculadora. Nove dedos sóbranlle para chafallar unhas contas que nunca lle dan pero que el cre que si porque está educado na infalibilidade da tecnoloxía. Replícame o resultado. Sorrío. Collemos os lapis e pídeme que lle preste os meus dedos. Que difícil vai ser ensinarlle a combater as inxustizas.

comentarios