Opinión

Apenas un cordel

Ter máis de dous furados nas orellas era, ademais de toda unha declaración de intencións, unha revolución. A adolescencia a finais dos 90 tamén foi dura e traballada, tamén revolta contra as normas, tamén construída a base de dúbidas e teimas. De porfías. 

Para moitos proxenitores, un pendente máis aló do que nos tocaba ás mulleres por dita condición, era algo así coma un camiño de non retorno. Non sabiamos moi ben a onde, pero sempre vinculado ao exceso, aos malos pasos. Na miña adolescencia, marcaron un antes e un despois, sobre todo nos rapaces. Loitar contra a fin do servizo militar mentres colgabas, no mellor dos casos, un aro das orellas era unha afrenta á familia e ao contorno no que se medraba lonxe aínda das redes sociais, da sobredose de información, da falta de capacidade para manexala e dos influencers. Por certo, estes últimos prometían ser o escaparate das múltiples posibilidades que o mundo global nos ofrecía. Parecía que nos instruirían na heteroxeneidade no vestir e no vivir.

Nada máis lonxe da realidade: a súa influencia consiste non xa en que parezamos todas iguais, senón todas a mesma.  A mesma chaqueta, o mesmo perfume, o mesmo café ou o mesmo almorzo.

A tendencia é o que ten, que nos indica cara a onde estamos escorando e, neste caso, dentro dos obxectivos das grandes marcas está que pensemos que o facemos libremente. Debe de ser complexa a maquinaria que hai detrás de todo isto ao igual que o serán os estudos que manexan sobre a psique humana e os comportamentos en grupo, dentro do grupo e para seguir no grupo. Saben ben que o primus inter pares manda nunha sociedade cada vez máis necesitada da aceptación dos iguais. 

O deseño é arte. A moda, tamén. Patrón, tecidos, o papel do vento no xogo da saia, no fluír dunha chaqueta que cae sobre as cadeiras. É arte un reloxo que move as súas agullas só a calor do pulso ou unhas puntadas que, invisibles, unen teas e conceptos.

Pero, quen coserá a última moda entre os adolescentes, esa que consiste en levar un lazo no pulso coa bandeira de España? Que está a pasar nunha sociedade onde un rapaz se sente lexitimado para gritar na aula consignas fascistas ou para levantar o brazo mentres ri desafiante vendo a incomodidade dos demais? Será unha actitude propia de quen non sabe o que significan? Será a constatación de que as modas son cíclicas e, polo tanto, regresan coa furia coa que se van? Está de moda ser fascista? Cales serán as consecuencias? De que saúde goza unha sociedade que permite, de selo, unha moda deste nivel? Por que estamos a ser tan permeables? En que chanzo da escaleira da democracia decidimos baixarnos?

Os pequenos xestos, todo canto parece inofensivo, acaban por se converter en fendas para a sombra. 

Escoitar entrevistas vergoñentas a líderes políticos, amparar argumentacións delitivas na liberdade de expresión, lexitimar discursos de odio, rir polas ocorrencias bañadas en delirios de grandeza dos militares xubilados, fomentar bulos, seguilos propagando, entender que se pode empregar un mote para dirixirse ao vicepresidente dun goberno…Pensar que nada diso vai pasar factura é pensar pouco e mal.

Unha pulseira de fío non é nada. Apenas un cordel que se amarra. Apenas tamén un mozo que xustifica que suspendeu a materia de lingua galega por levala posta e xa se sabe como son os profesores de galego. Apenas uns pais que poñen en dúbida ese argumento pero deixan un espazo á posibilidade de que sexa así. Apenas un convencemento silencioso de que alguén nos tiña que parar os pés ás feministas porque estivo ben pero xa abonda ou de que é necesario restablecer a orde normal das cousas porque cada día hai máis vicio e un pouco está ben pero non podemos continuar ou que fascismo é unha palabra moi grande para o que entendemos que debe ser unha sociedade de progreso pero razón nalgunhas cousas teñen… A violencia como medio para conseguir o poder. Porque xa non cabe o disimulo, non o precisan. Cando peor soe, mellor. A telerrealidade, a políticorrealidade, o espectáculo. 

Un aro de prata na orella dereita que me lembra que o día que cumprín a maioría de idade estaba rodeada das persoas ás que sigo querendo tanto. O símbolo da amizade que se resiste a desaparecer como si o fixeron os buratos que me fixeron en ambos lóbulos ao nacer porque, como en todo, hai modas que si e hainas que non. Incluso algunhas son lousas pesadas das que convén desprenderse. Se se pode.

Comentarios