Opinión

Ser Occidental

A idade global na que vivimos esixe, como indicaba fai anos Amelia Valcárcel, que repensemos o humanismo como matriz do universal xa que é, dende a Ilustración, o que nos acompaña e o que da fundamento á ética e aos principios de Occidente. 

O humanismo foi, e tamén é, a fantástica oportunidade para a civilización de xuntar política e ética sendo posible que vaiamos ata o fondo de cada asunto que nos concirne e nos decatemos de que Occidente é o nome co que nos bautizaron nunha figurada cerimonia na que comezamos a crer no noso sistema como indiscutible e en Europa como nunha matria permanentemente encinta de verdades absolutas. 

Pero América tamén é Occidente, e parte do Sur de África, e Australia. Ata non fai moitas décadas o importante para as teorías xeopolíticas era dividir o mundo en Norte e Sur sendo a nosa casa, Europa, e sobre todo, para as persoas que non van ata ese fondo dos asuntos, a primeira na que sae o sol e a primeira na que se pon o mesmo. 

O noso mundo é o mundo das sociedades educadas, industriais, supostamente ricas en estado de benestar, democráticas;  e o resto, o que queda fóra, o que non sabemos nin situar no mapa, é o raro, o que está mal, o que no noso imaxinario é escuro porque a relixión é o substrato duro das súas vidas e porque non pensan en Deus como o facemos aquí, no noso Occidente con superioridade autoatribuída, porque non pensan en Deus como o pensaron Nietzsche e Marx: ou ben como un Deus que morreu ou como un Deus que é o noso opio. 

Na nosa sociedade ilusa aínda pensamos que as democracias non buscan o padroado de Deus, ser occidental é perseguir un modo de vida aparentemente libre pero mecánico, repleto de innovacións pero clásico, creativo pero non moito xa que en Occidente a maquinaria do noso modo de vida se deixa de funcionar ou intenta facelo dun xeito alternativo corre o risco de romper. 

¿Que gardamos dentro para seguir camiñando sempre sen reflexionar demasiado? Gardamos cousas, moitas, porque en Occidente sabemos moito e porque pensamos que todo indicio de civilización naceu aquí, na matria preñada de verdades absolutas. 

Ser occidental é recibir unha cuantiosa herdanza inmaterial de coñecementos e crer, ante todo, que somos unha sociedade libre, colorida e harmoniosa, como unha colcha de patchwork na que as convivencias pacíficas están ben aseguradas. 

A realidade é outra: relixión e sistema político, relixión e ciencia… relixión, herdanza xudeo-cristiá, iso aínda impregna todo o noso sistema de valores, todo o noso sistema discursivo, todo o currículum oculto na ensinanza, todo o noso comportamento. Vivimos no sono inconsciente dunha utopía de innovacións sociomorais que en realidade non son tal. 

O problema é o que queda fóra, o que nos asusta porque non é daquí e así, os/as que chegan á matria Europa teñen que firmar un contrato inexplícito cos nosos principios aceptando así a pertenza a este lugar e debendo esquecer todo o que deixan atrás porque claro, é inválido, non é operativo, é perigoso… 

Na última semana observamos con estupor como aos talibáns, e non nos enganemos, tamén como a esa parte de Occidente que aínda non repensou o humanismo, lles desestabiliza enormemente a liberdade (sobre todo a feminina) e prefiren a tiranía e a ditadura antes que aceptar ás mulleres como seres humanas e cidadás do mundo. 

Das mulleres depende, dende a aparición mesma das relixións monoteístas, a autoestima e a identidade do grupo e por iso se centran en nós, en como debemos comportarnos porque depositaron en nós o concepto de decencia.

Teñen peso neses intentos de control dos varóns sobre as mulleres a propaganda salafista, a financiación (e quen financia) aos talibáns, os líderes relixiosos fundamentalistas e tamén o rexeitamento da integración de identidades que enfaticen o individualismo da muller porque resultan perigosas xa que perderíamos esa representación da decencia do grupo ou comezar a pensar na nosa liberdade.  

O feminismo supón antropoloxías non androcéntricas, entende o humanismo porque é en si mesmo un humanismo, é rico en canto ao seu nivel teórico-explicativo e non soamente busca entender o mundo, como o fai a xeopolítica actual, busca transformacións profundas en todos os mundos que hai dentro do mundo.  

Onde as mulleres temos cidadanía hai paz, onde carecemos dela existe, por sorte, a rebeldía. 

Comentarios