Opinión

Non vale choromicar: máis libres e menos rabaño

Durante a campaña electoral do ano 2016 en EEUU un tal Matt Skiber recrutou a moitos e moitas manifestantes para as marchas a favor de Trump e tamén contratou anuncios en diversas redes sociais que mostraban a candidata Hillary Clinton dándolle a man a líderes antidemocráticos. Skiber tiña moitos seguidores e seguidoras que vivían a súa vida virtual compartindo os contidos que este home fabricaba. O curioso é que Matt Skiber nunca existiu, ese activista entregado á causa de Trump era unha das centos de contas falsas creadas pola gran maquinaria de fake news do Proxecto Lakhta, que cun presuposto mensual de máis dun millón de dólares traballaba dende Rusia para sementar o xoio e a desinformación. 

Este “fronte de combate ideolóxico” foi especialmente agresivo en redes como Twitter, Instagram ou Facebook dende onde intoxicou millóns de votantes. 

Somos cidadanía e, como tal, persoas validadas como membros dun territorio e dunha nación. É a nosa categoría de cidadáns e cidadás a que nos outorga dereitos e obrigas que regulan os sistemas políticos de cada territorio. 

O noso soño do eterno estado de benestar foi interrompido abruptamente durante a pandemia 

En relación á nosa condición de cidadanía dicían, durante a Revolución Francesa, que para que esta puidese articularse con éxito era necesaria a alfabetización, e hoxe, en pleno século XXI ademais da alfabetización tradicional é preciso ter unha mínima alfabetización dixital que permita que sexamos libres en contornos democráticos protexidos.

Dende a crise financeira de 2008 Europa vive nun escenario de tensión política que non deixou de medrar: o noso soño do eterno estado de benestar foi interrompido abruptamente durante a pandemia e os valores democráticos de todo o planeta están ameazados pola falta de veracidade informativa e polos contidos maliciosos nas redes que buscan utilizar dita desinformación como arma contra a estabilidade política. Como dicía Roosevelt, unha gran democracia debe progresar ou pronto deixará de ser grande ou deixará de ser democracia.

Namentres isto sucede os medios de comunicación que teñen bos sistemas de verificación da información atravesan graves problemas de financiamento e as redes sociais están repletas de soldados ideolóxicos que a través dos diferentes algoritmos seleccionan e móstrannos o contido que queremos ver, escoitar e ler.

O pluralismo político e ideolóxico é case unha utopía nun mundo polarizado, unha utopía propia de intelectuais e frikis (que para algunhas persoas veñen sendo o mesmo), a democracia, deste xeito, vaise debilitando dende dentro, dende as nosas mentes que rematan por subir ao podio a un número crecente de líderes que poderían ser, noutros tempos, simples papanatas un pouco ilustrados. 

O pluralismo político e ideolóxico é case unha utopía nun mundo polarizado, unha utopía propia de intelectuais 

Temos regulación sobre os contidos nas redes sociais pero fan falla tamén códigos éticos para aplicarnos a nós mesmas, dando exemplo nas redes xa que canto maior é a difusión maior debe ser tamén a responsabilidade pois é necesario evitar discursos baleiros, mentiras e demagoxia que soamente levan cara a hostilidade ideolóxica. 

Un ecosistema informativo equilibrado precisa de medios independentes, plurais e viables economicamente. Se pensamos no sucedido durante a pandemia podemos reparar, a simple vista, en que os poderes públicos restrinxiron a entrada dos medios de comunicación en residencias de maiores e hospitais, aínda con todas as garantías de seguridade sanitaria; é esta limitación aceptable en países democráticos?

Entre este tipo de limitacións e as denominadas fake news, que son as novas armas de destrución masiva, a democracia agoniza e os últimos gobernos sementaron isto con sucesivas reformas educativas nas que cada vez hai un menor número de horas dedicadas aos saberes humanísticos e éticos básicos que adestran a conciencia crítica, pois unha cidadanía ben informada pode autogobernarse e deixa, automaticamente, de subir, a ese podio imaxinario, a líderes que non son tal. 

Non vale choromicar, temos toda a información na nosa man para ser máis libres e menos rabaño…

Comentarios