Opinión

Fai(nos) falla paixón

Corría o ano 1986 cando falecía Simone de Beauvoir, cando a banda terrorista Sendero Luminoso asasinaba, nun ataque selectivo coñecido como a Noite das Gardenias, a persoas homosexuais en Tarapoto (Perú), cando Stephen King publicaba a novela de terror It e cando EEUU detonaba en Nevada e a máis de cincocentos metros baixo terra a bomba atómica Charleston. 

Sucederon nese ano moitas cousas pero se paramos a historizar hai unha que resulta especialmente relevante para as mulleres: o éxito da científica italiana Rita Levi-Montalcini, galardoada co Premio Nobel de Medicina. 

Rita descubrira, traballando na clandestinidade, o primeiro factor de crecemento coñecido no sistema nervioso. Ser científica e muller foi complexo para ela pois durante o réxime de Mussolini a súa carreira estivo a piques de truncarse debido ás orixes sefardís da súa familia, que a puxeron no punto de mira do manifesto della razza fascista.  

A científica parecía ser quen de enfrontarse coa mesma paixón á crueldade fascista que ao sentimento de soidade que lle producía ser distinta. Rita era unha muller apaixonada, algo que lle permitiu publicar, con 95 anos, Atrévete a saber, unha obra na que insistiu en que o único xeito de rematar cos prexuízos é a través do coñecemento. 

O noso camiño, como feministas, de calquera idade e procedencia, é un camiño de encontros e desencontros, de aprendizaxes e desaprendizaxes e de berrar detrás dunha faixa para facer ver a opresión pero, ante todo, de pensar criticamente no que berramos xa que detrás de cada berro hai unha vindicación, forte e delicada á vez, que como unha bolboreta de ferro pasa ao noso carón afectándonos directamente cando nos é familiar e afectando a outras mulleres que temos lonxe noutras ocasións. 

Isto debe lembrarnos que o feminismo non é homoxéneo nin monolítico pero tamén que non calquera afirmación se converte en feminista por arte de maxia ou porque quen a pronuncie se defina como tal, non negando isto en absoluto a súa diversidade. 

Cando penso no poema Por quén soan as campás de John Donne, vexo que nos fala inconscientemente desta globalización, explicando que ningunha persoa é unha illa por si mesma, que cada persoa é peza dun continente e se o mar leva unha porción de terra todo o continente diminúe; iso é o que acontece con nós: nunca debemos formularnos por quen soan as campás porque no caso das mulleres, soan por todas nós, independentemente da distancia física, política ou social á que nos atopemos. 

Probablemente esa sexa a clave da axenda feminista: pensar en que todo nos afecta a todas, pensar que como calquera outro tipo de axenda, a feminista xurde dunha realidade social concreta, que clama xustiza nun momento dado pero en todos os lugares á vez.  

Fronte a todo prognóstico, en sociedades como a nosa, aparentemente comprometidas coa igualdade os datos sobre prostitución aumentan á custa de mulleres que cada día máis novas son traídas de países desestruturados para o uso e goce de varóns occidentais. Fronte a esta realidade hai un reto da axenda feminista baseado en tres puntos clave: deixar de difundir a mensaxe de que a prostitución é un traballo como calquera outro, definir de xeito claro o que é a prostitución e, por último, escoitalas a elas, ás mulleres inmersas no mundo da prostitución e facelo coa mirada limpa e horizontalidade, sen estar sentadas no noso trono de privilexios.

No feminismo vivimos no intre de marcar postura e de invocar ás referentes de cada unha respectando ás referentes de todas para poder outorgar á nosa axenda dun sentido práctico valioso, apaixonado, máis aló do berro oco. 

Agora que o feminismo é unha realidade global como o é a nosa opresión debemos articular obxectivos con lóxica e perspectiva vindicativa global dentro da cal manter sempre presente e sen diluír as nosas axendas particulares. 

Unha vez academos de novo a paixón non podemos deixar de ser xustas coas nosas referentes pois todo o que somos e tamén todo o que aínda non somos é o resultado da experiencia que elas nos deron e da que non nos puideron dar. 

Comentarios