Opinión

Vitoria

Pasou o nove de maio, data sinalada no almanaque das efemérides das fazañas colectivas: no espazo post-soviético o Día da Vitoria e da feliz fin da "Gran Guerra Patria" no 1945. Desde mediados dos oitenta o Día de Europa na UE, conmemorando así a Declaración Schuman de 1950 que propuxera a creación dunha comunidade franco-xermana ao obxecto de non repetir xamais os desastres da Segunda Guerra Mundial e que avogaba por unha Europa que promocionase e mantivese relacións pacíficas fundamentadas na posta en común da produción do carbón e o aceiro no canto da fabricación de municións. Recentemente Borrell testificou que isto último é agora o prioritario.

A condición de posibilidade da celebración da segunda fundaméntase ineludiblemente na primeira, onde grazas ás multinacionais forzas aliadas, logrouse derrotar ao monstruoso nazismo hitleriano e finiquitar o Holocausto. Hoxe a actual UE (asaltada pola OTAN, fundada por varios altos mandos nazis) alimenta de facto unha guerra entre pobos eslavos e de europeos occidentais e orientais da man do neo-banderismo supremacista e anti-ruso ucraíno, fomentando así a tolerancia do auxe neo-fascista no continente e non só: de Polonia ás repúblicas bálticas, de Hungría a Italia, de Francia ao Reino de España...

Algunhas estimacións oficiais falan do sacrificio de ata 27 millóns de cidadáns soviéticos na Fronte Oriental; na titánica empresa por derrotar conxuntamente o proxecto de dominación racial mundial (anti-ruso tamén) máis destrutivo da Historia, trocado nunha perfeccionada maquinaria de exterminio e extrema deshumanización nihilista.

No 2023 percíbese o interese por despoxar da Memoria ás xeracións actuais e futuras que, en xeral, coñecen a versión hollywoodiense e ao Soldado Ryan mais pouco do Mariscal Zhúkov: a Unión Europea destina o Fondo Europeo para a Paz ao envío de armas e diñeiro para a Guerra e desoe a un Secretario Xeral da ONU (Antonio Guterres) que clama pola perentoria necesidade dun "arsenal diplomático".