Opinión

Preguntas incómodas

Facelas é un exercicio saudable que nos furtaron: desde cando fialo todo á destrución total de Europa e nada ás vías diplomáticas ou ao diálogo político se considera procurar a Paz? Quen decidiu que a UE se convertese nun proxecto expansionista subordinado ao brazo armado da política exterior intervencionista estadounidense, promotora de golpes de estado, e que alimenta a violencia fóra das súas fronteiras co fin de ampliarse manu militari? Que dirían os pais federalistas Altiero Spinelli e Jean Monnet? Por que valen menos as vidas dos (ruso)ucraínos de segunda asasinados diariamente na última década por pacíficas bombas proeuropeas que as dos ucraínos que habitan a parte controlada actualmente polo réxime ultra e xenófobo de Kiev, tamén masacrados desde febreiro de 2022? Por que moita poboación afectada e desprazada por este conflito de conflitos se refuxiou en Rusia? En que medida se defenden "valores democráticos" ou "a liberdade" financiando e inflando militarmente a un "réxime político híbrido" que dexenerara (ao nacer malparido) na guerra interna e logo contra unha superpotencia, na ilegalización de dezaseis partidos políticos e medios de comunicación, encarceramento de líderes opositores, prohibición do uso de idiomas, queima de libros, borrado da memoria da liberación contra a peste nazi-fascista do século XX ou que promove castigos medievais á disidencia, minorías étnicas e transeúntes? Quen decide que os novos freedom fighters na defensa da orde inxusta baseada en regras que case nunca se respectan serán vangardistas grupos paramilitares de lexitimada ideoloxía totalitaria subsumidos nas estruturas cívico-militares dun estado non-democrático? Por que mudaron os principios do respecto polo espírito dos acordos, dos tratados e da Carta das Nacións Unidas polo sintagma baleiro e cinicamente interesado dunha "orde baseada en regras"? Só son de inescusable cumprimento as resolucións da ONU que non afectan a Cuba, Palestina ou o Sahara Occidental?

Comentarios