Opinión

Unha pantasma percorre o mundo

“...retornarán los libros las canciones
que quemaron las manos asesinas
renacerá mi pueblo de su ruina
y pagarán su culpa los traidores”

 

Yo pisaré las calles nuevamente, Pablo Milanés.

A historia dos pobos é unha teimosa loita polo seu dereito a vivir en paz, si, mais tamén con dignidade e en liberdade. As reviravoltas e caprichos da mesma torcen ese desexo habitualmente e, ás veces, esa historia semella guiada por un fío invisible que viaxa a través do tempo conectando o pasado traumático cos nosos días, coma un flashback. Dicíao Marx na súa famosa frase do “18 Brumario de Luis Bonaparte”: “a historia ocorre dúas veces: a primeira como traxedia e a segunda, como farsa”.

Cando o imperio decidiu poñer fin criminalmente á democracia popular de Chile nun 11 de setembro de 1973 aquelo tivo un impacto emocional moi negativo entre as ringleiras antifranquistas. Menos dun ano despois, pola contra, o Abril dos Cravos representaba a espranza de ver a fin definitiva das ditaduras militares na península ibérica. Eran tempos convulsos, nos cais  houbo que agardar a novembro de 1975 pra que o sanguinario sátrapa nacional-católico e fascista español Francisco Franco morrese entubado e cos mellores coidados no hospital de La Paz (manda carallo!) de Madrid. Comezaba abertamente un combate de anos que daba continuidade á resistencia republicana do interior, entre un antifranquismo feble e vagamente organizado e a España oficial, esa cárcere multisecular de pobos, que daría como síntese a “democracia ejemplar” que hoxe “compartimos” segundo a linguaxe persistente da oficialidade actual e que, mentres predica o “consenso” e o “abrazo del 78”, criminaliza a disidencia e a millóns de cidadáns mediante propaganda bélica. Iso tivo visos de posibilidade nalgúns lustros aperturistas logo da morte do ditador, mais hoxe vemos coma un espellismo aqueles pasos adiante.

Esas apelacións constantes, baleiradas de contido as máis das veces, contrastan coa práctica e a evidencia dos feitos: “indepes”, comunistas, “podemitas”…todos sediciosos e terroristas! Todo sistema político precisa dunha alteridade, dun outro ao que opoñerse para auto-afirmarse, reducíndoo a inimigo. “España” optou por non entenderse nunca a si propia, salvo en breves intentos e episodios históricos. Reforma, ou ruptura. Daqueles tempos de renuncias, estes lodos.

Aquilo era o comezo da mitificada Transición española: modelo de referencia en política comparada para a “transición” chilena do pinochetismo ao seu sistema na actualidade, no que tampouco foi posible rachar co pasado. Corenta e seis anos despois os tanques e os militares deixan outra vez a Santiago ensanguentada, disparando as súas armas contra o único inimigo ao que se enfrontou o exército transandino desde que expulsaron ao Rei español Amadeo de Saboya en 1870: chilenos indefensos que reclaman xustiza social son salvaxemente represaliados outra vez nesta peripecia do almanaque. Comezan a chegar informacións de violacións graves dos dereitos humanos, mais Sebastián Piñera forma parte do circo do neoliberalismo internacional e, por suposto, non falamos de Venezuela. As condenas do aparato mediático e da comunidade internacional tardarán algo máis en chegar, se é que chegan. Contabilízanse xa 15 asasinatos pola represión policial e militar. Botarase seguro en falta na nova década latinoamericana o proxecto de integración capitaneado por Hugo Chávez, agora que o continente semella entrar noutra noite escura desde Honduras ao Ecuador ou á Arxentina, pasando polo Brasil de Jair Bolsonaro e onde se percibe o cheiro da intervención máis ou menos explícita do Tío Sam.

Boa parte dese antifranquismo militante ao que me referín anteriormente concentrábase en Catalunya, terra aberta e brava na que milleiros de presos e presas políticas enchían os penais do réxime, o cal posibilitaba articular e dar unidade e coherencia á reivindicación popular de “Amnistía, Llibertat i Estatut d´Autonomía”. Mobilizacións masivas, barricadas nas rúas…Aquel berro de 1976 resoa agora novamente pois onte, coma hoxe, o catalanismo político en toda a súa pluralidade e amplitude extensa ligaba a loita pola democracia no seu país á democratización arredor de toda a “pell de brau”, recollendo o mellor das tradicións federalistas e solidariamente republicanas marcadas a lume na personalidade colectiva da nación mediterránea. A loita pola Autonomía en Catalunya significaba a loita pola Democracia en toda España, e viceversa. Seguía o fío daquel Defensar Madrid es defensar Catalunya! que rezaba aquel mítico cartel do bando republicano na Guerra Civil española, sabendo ben que a loita antifascista non tiña fronteiras e que o internacionalismo é a tenrura dos pobos. Aquela loita era a loita contra o fascismo en Europa enteira, e España o primeiro ensaio do teatro de operacións da inevitable II Guerra Mundial. Milicianos cataláns acudían en masa ao chamado. Preto de dez mil anarquistas, trostkystas, comunistas e socialistas camiñaban cara a capital da República naquel frío inverno de 1936 a “reírse de los bombardeos”, cara a capital do No Pasarán!. Naquel Madrid, que bien resistes! perdeu a vida o revolucionario anarco-sindicalista Buenaventura Durruti, que foi enterrado en Barcelona arroupado polas masas en pé de revolución. Unha cidade onde “a clase traballadora levaba as rendas”, en palabras daquela sorte de Kapuscinki dos 30´s, George Orwell, como testemuña (militante) directa.

Cando destes asuntos se trata eu non creo demasiado nas casualidades, e sospeito que o estado profundo español era perfectamente consciente de que no día exacto elixido para a publicación da aberrante senteza do Tribunal Supremo contra os líderes civís e políticos do “procès” cumpríanse xusto 110 anos do fusilamento de Francesc Ferrer i Guardia, pedagogo libertario e librepensador catalán elevado a heroe nacional e acusado de instigar a Semana Tráxica como tamén, por suposto, 79 anos da noite na que Lluís Companys agardaba o seu final entre unhas reixas do castelo de Montjuic. É posible que por todas estas cousas e causas que, sumadas ás do presente, atravesan a memoria colectiva dese pobo non sexa nunca boa idea humillar ás institucións e ao pobo de Catalunya. No subconsciente e na súa ánima profunda e rebelde aniña tamén aínda o recordo da derrota dos Segadors un 11 de setembro de 1714 a mans das tropas borbónicas…

Chile e Catalunya, Catalunya e Chile, xunguidas outra vez polo fío invisible e caprichoso da historia pois, se ben o que puidemos observar  nestes días pasados nas rúas de Barcelona non reviste a gravidade das imaxes e informacións que chegan de Santiago ou de Valparaíso, o nexo común é o mesmo: uns estados fortes, de tradición canalla, incapaces de incorporar as demandas sociais e políticas por canles democráticas e que recorren moi facilmente ao uso desmesurado do monopolio da forza para frear aspiracións populares lexítimas cando cuestionan determinadas simboloxías sacralizadas ou privilexios.

As cifras da represión desta pasada semana de “paixón turca” nas rúas de Barcelona (mais tamén noutras capitais catalás, ou Madrid, Valencia, Bilbao…) representan unha prolongación do castigo e a vinganza iniciada coa Doutrina do Shock aplicada o primeiro de outubro de 2017 e validada o 3-O polo monarca Felipe VI a conta do referendo de autodeterminación. O resultado: máis presos e presas políticas, 600 feridos, 200 arrestos, 4 persoas que perderon a visión dun ollo, atropelos con vehículos policiais, uso de munición prohibida…configuran (parte) dunha paisaxe intolerable. E digo “parte” porque o que puidemos comprobar coa pasividade das forzas policiais ante a violencia de carácter neofascista, xunto ao seu branqueamento equidistante nos medios de difusión masiva, da boa conta da crise de lexitimidade pola que atravesa un Estado bunkerizado, sen precedentes nas últimas décadas e facendo boa aquela lenda de Maio do 68: “a desorde son eles!”. Todo  isto para que o problema real (o conflito político de enorme envergadura que mantén aberto o Estado español co pobo e as institución de Catalunya) sexa aínda maior. A tal punto, non representa xa somentes un “problema catalán” se non, ao contrario, un compendio de “problemas españois” aos que o Réxime do 78 non sabe dar solución e saída dialogada (desde cando, e a conto de qué, non se lle colle o teléfono ao President dunha institución que data do século XIV?) e democrática: unha Catalunya ingobernable asegura unha España ingobernable ad aeternum, a non ser que se instaure unha suspensión formal da “democracia” e dos dereitos fundamentais en todo o Reino. A “rebelión catalá” leva dez anos dando mostras de pacifismo e civismo coas maiores mobilizacións de Europa Occidental en décadas, e está sendo unha trincheira e un exemplo (máis alá dos erros e excesos dos seus líderes, que os houbo) de como encarreirar as frustracións colectivas na multi-crise e perda de soberanía/s no espazo europeo. E non o fai a través dun movemento de ultradereita, coma outras sociedades do continente.

Aínda que o pinten de “problema de orden público” ou “de convivencia” todo o mundo sabe que a disposición do Estado e o sistema político español en Catalunya é unha grave crise de consentimento que vén de lonxe e que vai evoluíndo de “crise de Réxime” a perigoso “enquistamento”, preludio certo de “fracaso”. Ante ista realidade contrastable só acerta a responder con tácticas autoritarias pola vía xudicial-policial coa axuda inestimable do terrorismo mediático. Isto último merece capítulo á parte, posto que algún día haberá que pararse a pensar sobre o papel pouco profesional dos medios de comunicación maioritarios e a súa responsabilidade civil na creación do clima de xibarización e infantilización política ao que asistimos: espectacularización, falta manifesta de honestidade e de imparcialidade, fake news…promoven que candidatos coma Albert Rivera se presenten co ánimo declarado de meter a líderes políticos democráticos e a xente no cárcere. E aló foi Montesquieu! Inda que logo da sentenza do Tribunal Supremo, xa o sabiamos…Ou que xornalistas retransmitan en directo os previsibles disturbios de Barcelona dando a entender que pouco menos que están presenciando a Batalla de Stalingrado mentres se queixan de que “un manifestante me pegó un chicle en el pelo!” (directo en La Sexta). A función idiotizante destas ferramentas de propaganda e desinformación masiva ten a súa parte alícuota de responsabilidade no auxe autoritario nas actuais sociedades occidentais. O caso español é paradigmático pola composición da súa propiedade e, aínda que tamén vén de lonxe, algún día terá que limitalo ou frealo alguén.

Unha pantasma percorre o mundo, e non é precisamente a do comunismo. A chegada de Trump á Casa Branca está concorrendo, na práctica, cun retroceso severo dos valores democráticos no mundo e cunha alucinante falta de respecto polos dereitos humanos fundamentais. En Chile esa pantasma adquire forma corpórea en Sebastián Piñera, mentres Erdogan masacra ao pobo kurdo e Lenin Moreno desata a represión no Ecuador. A Monarquía española, no escenario europeo e non traspasando ata o de agora algúns límites, colleuna co seu principal inimigo atávico: o pobo catalán. Ningunha obediencia ao Poder cando este troca ou da síntomas de derivar (en) despótico. Os balcóns das rúas Santiago de Chile entoan nestes días a Víctor Jara en sinal de resistencia e, ao mesmo tempo, L´estaca de Llach resoa nas manifestacións de Barcelona, de Valencia ou de Madrid…

Ao valente bombeiro e sindicalista galego Miguel Uclés, agredido en Madrid por un grupo de fascistas españois mentres reivindicaba dereitos para o colectivo dos bombeiros vigueses, ao ladrido de: “independentista!”

Comentarios