Opinión

Oskar Lafontaine

O histórico referente da esquerda xermana Oskar Lafontaine conta cunha traxectoria frenética que viviu a posguerra e Guerra Fría, a reunificación e o vórtice do comezo do milenio até hoxe. É un (heterodoxo) socialdemócrata clásico de principios radicais e acreditada loita pacifista ao desempeñar un activismo militante contra as guerras e a proliferación nuclear.

Vén de publicar un pequeno ensaio, que poderiamos cualificar como panfletario (xa un best seller), baixo título dunha rotunda declaración de intencións: Americanos, é hora de irse! Alegato pola autoafirmación de Europa.

Nel acusa os EUA de asaltar a UE a través da OTAN e de botar abaixo décadas de Ostopolitik e distensión en favor dunha temeraria confrontación híbrida e multidimensional que podería desembocar nunha guerra atómica en chan europeo. Non comprende a actitude servil da coalición semáforo de Olaf Scholz, nin mesmo diante da flagrante sabotaxe contra infraestrutura crítica (Nord Stream) ruso-xermana: na práctica unha silenciada declaración de guerra económica de Washington a Berlín, pois o perenne interese vital dos EUA, aplicando o divide et impera, é evitar a colaboración entre a punteira tecnoloxía teutona e as materias primas rusas.

Non serían quen de rivalizar cun desenvolvido e colaborativo continente euro-asiático. Esa obsesión roldou sempre as mentes e plumas de Kissinger e Brzezinski, xeoestrategas de cabeceira dos gobernantes, axencias de intelixencia e militares estadounidenses do último medio século.

Como calquera cidadán crítico e non-abducido pola intensa propaganda, está impresionado coa lobotomización e militarización da prensa occidental e, por suposto, identifica a súa orixe tralos intereses do eixo Washington-Londres-Varsovia, padriños do neo-nazismo paramilitar e institucional ucraíno. Para evitar un hipotético final apocalíptico os estados europeos deberían retomar a soberanía e restaurar a (hoxe rota) colaboración franco-xermana, ademais de ensinarlle aos ianquis a porta de saída.