Opinión

Modelo OTAN

Vivimos nun "réxime de guerra": aínda que as hostilidades se libren a milleiros de quilómetros o condicionante afecta á política xeral no continente e á esfera pública e publicada, especialmente a través dunha prensa masiva militarizada. Nos anos dez cuestionar o dogma austeritario fora unha ardua batalla ideolóxico-política no seo da UE. Hoxe a cuestión é substancialmente máis difícil, ao incorporar o euro-patriotismo militarista: a OTAN interveuna e inaugurou no Cume de Madrid unha guerra híbrida global (Guerra Fría 2.0) que ten e terá repercusións socio-políticas intensas baixo distintas expresións.

Por unha banda, porque é un tabú público opoñerse ao dogma anti-ruso da deriva proteccionista, das sancións económicas ou do envío infinito de diñeiro e armamento a unha guerra perdida de antemán mesmo coñecendo, previamente, que nunca foi bo negocio guerrear coa civilización rusa. Napoleón ou Hitler non tiveron éxito e non hai motivos para pensar que agora (baixo outras formulacións) resultará moi distinto. Moito menos facelo contra dúas civilizacións á vez, contando a chinesa. Por outra, porque esa carreira prioriza uns recursos contra dos intereses das maiorías populares e ademais porque o poder instrumentaliza tal marco contra a disidencia.

Consecuencia: a lexitimación do fascismo. Se escoitamos intervencións de membros do Goberno ucraíno como as do asesor da oficina presidencial Mikhailo Podolyak (ameazando sibilinamente con estender unha campaña terrorista se os estados occidentais cortan o fluxo) ou ao xefe dos seus servizos de intelixencia Kirilo Budanov (instando a darlle unha sorte de Solución Final aos tres millóns de habitantes de Crimea) e iso nin o contan os grandes medios nin o condenan os gobernos é que algo gravísimo están normalizando na praxe. Non nos estrañemos entón de que medre o apoio aos discursos do odio e ás ansias ilegalizadoras na resaca do procès e da necropolítica pandémica. Un modelo Slava Ukraini: o modelo Arriba España.