Opinión

Isto non é un artigo

 


…na airexa que torna fogaxe en sombra mol, /na ordenación hermética desta vida / en Europa Occidental / ou / case, / médranos o balbordo / da historia en colisión, de cantos morreron / para que a páxina enzoufada de hoxe (…) 


(…) cando as epopeas pertencen máis que nada ás horas de estar so / e o proceso dialéctico e a pintura abstracta / e o sal da terra / andan atrapados na velocidade na nova época, / sen virar a cabeza e sen mirar / que ao cabo de todas as viaxes, / de todas as mans dadas, / de todos os cóbados feridos, / estamos / nós / e / nós / igual que o tempo que levou armar / a paixón do camiño húmido, / a / palabra “roxo”, / o materialismo dialéctico, / os lobos e os poetas mortos, / a pel desordenada do país, / a derradeira ollada do emigrante que sobe ao barco / e que carga o peso enteiro deste erro / tráxica, nocturnamente asimilado (…)

 (…) e o fracaso conxuntural de calquera vía ao socialismo, / entre o ruído e a furia, / asexados de novo pola pantasma que percorre, / senón Europa, / polo menos, este poema / en perigo de combustión, con riscos de esquecer para que buscamos / saber / que somos o que somos e o que foi e o que fomos e que diso tratan / as cinzas e as malas herbas, / aquí e no Pentágono, /…” (…) 

 

                                                                                                                              ÉXODO

 

Atados como estamos ás roupas do derrubamento (…) os farrapos que deixa o mutilar, as ruínas do vestido / de posguerra, a escaseza de pel nas portas / do campo de concentración, pedra encol de pedra encol / de pedra e así até describirmos este abismo, / este bordo das cousas todas e do tránsito que / non damos enxergado. E avanzamos pero entre o ermo (…) atados como estamos, atados e rabuñados, exacta-/ mente igual que a década de trinta en Centroeuropa, / e non hai follas ocres, tampouco árbore espida, / para nos prohibir a memoria da infamia: andarmos / vivos, asistirmos ao colapso, fendermos nós, / corrermos contra o vento de lugares tan amplos. 

 

                                                                                           ATADOS COMO ESTAMOS

O movemento das nubes non / permite adiviñar o curso da historia. / Pero inspira certo acougo. / É un sábado pola tarde/ do mes dos traballadores. / e aínda que a efectos prácticos/ pouco importa, / o sol bate nos nosos rostros. / Nada indica que Europa Occidental / se interna nas tebras. / Que todo se torce co paso dos días.”      

 

 CASTELO (TABOADA)

                                                                  Folga Xeral, Antoloxía. Daniel Salgado

 

Campos de concentración en Texas. Nenos migrantes engaiolados e arrancados das súas familias. Bágoas que doen a 8.000 quilómetros. “É necesario. Son mala xente”, ornea Donald Trump. Make America Great Again! Escenas moi reais da obra mestra do cine distópico Fillos dos Homes, de Alfonso Cuarón. STOP.

Felipe VI asegura, axeonllado ante Trump, que “España e os Estados Unidos de América comparten o aprezo pola democracia. Venezuela é unha tarefa básica onde podemos traballar conxuntamente para que o noso esforzo, en diversos aspectos, contribúa a restablecer alí a democracia”.

Ninguén o elixiu democraticamente para falar en nome dunha democracia, mais ca seu pai. Que foi designado por Franco. Ogallá, máis cedo ca tarde, un Rei destronado. STOP.

Hungría aproba unha lei que castiga con cárcere a quen axuda aos migrantes. “Non podemos caer na tentación de que a solución ao problema demográfico de Europa sexa a chegada masiva de inmigrantes”, brúa Viktor Orbán. Criminalizar a solidariedade é tanto como desconsiderar a natureza humana. STOP.

A Ópera Nacional húngara cancela Billy Elliot por “incitar á homosexualidade”. Homofobia e xenofobia. Fobia ás fobias. Intolerancia cos intolerantes. STOP.

Italia bloquea a chegada do Aquarius, con 629 refuxiados á deriva no Mediterráneo. “Italia xa non é o felpudo de Europa”, roxe Matteo Salvini. STOP.

Outro barco con 224 refuxiados salvados pola ONG xermana Mission Lifeline, procedente das costas libias, é rexeitado pola República ferida. “Só verán Italia nunha postal. Espero que España se faga cargo desa carne humana. Os barcos de ONGs xa non pisarán Italia”, brama Salvini. STOP. 

Italia prepara un censo de xitanos para expulsar aos irregulares. “En canto aos xitanos italianos, desafortunadamente, teremos que quedar con eles”, ladra novamente Salvini. Desprezable racista. No Poder. STOP.

A Organización Internacional para as Migracións cifra en máis de 15.000 os mortos ou desaparecidos no Mediterráneo desde 2014. De berce civilizatorio a foxa común. Europa-fortaleza. Medieval. Todo indica que si, Europa intérnase nas tebras. STOP.

O 3 de xullo entrou en vigor a nova lexislación sobre o Tribunal Supremo de Polonia, aprobada polo Parlamento de maneira express. O partido gobernante controlará totalmente o Poder Xudicial, e Polonia xa non poderá considerarse un “Estado de Dereito”. Aquí levan 40 anos controlándoo entre dous. STOP.

Europol alerta sobre o aumento da extrema dereita violenta na UE. A policía non é tonta. STOP. 

A Fiscalía recorre a sentenza do Caso Altsasu ao entender que a agresión aos dous Gardas Civís si foi “terrorismo”. En Alxeciras sería, talvez, multa. Ao seu avogado non o convidan a ningún programa televisivo. STOP.

A Audiencia de Navarra decreta a liberdade provisional para os integrantes de “La Manada”. Deixan libres os violadores, como na India. O seu avogado defensor sae en todas as cadeas de televisión branqueando a súa negrura. Outro 8 de Marzo urxente. STOP.

Catro detidos por unha agresión sexual múltiple en Barcelona. Detidos por violar unha menor en Gran Canaria catro homes que se fan chamar “La Nueva Manada”. A moda do verán, promocionada por Antena 3, Tele5 e a xudicatura franquista. Debería arder Troia. STOP.

Os xornalistas Raquel Ejerique e Ignacio Escolar, imputados por destapar o “Caso Cifuentes”. McCarthy á caza das bruxas. STOP.

FreeMuse. Informe anual sobre o estado da liberdade artística no mundo: España silenciou mediante encarceramento 13 artistas e lidera a listaxe, por diante de China, Irán, Exipto e Turquía. STOP.

O persoal de prisións denuncia un “evidente trato de favor” a Iñaki Urdangarín. O Rei Juan Carlos I, de festa en Castellón tres días despois do ingreso de Iñaki, chegou nun Bentley verde. Sen ningún tipo de problema no control de tráfico. STOP.

Inés Arrimadas evita condenar as agresións ás persoas que portan o lazo amarelo. Ela por España ma-ta, como Belén Esteban por Andreíta. STOP.

A Garda Civil investiga a morte de María José Alcón, esposa de Alfonso Grau, imputada no “Caso Taula”. Caen coma moscas. O Padriño. STOP.

Nova revelación dos “Papeis de Panamá” destapa a impunidade da macro-evasión tributaria por parte de multimillonarios, nunha rede criminal masiva de alcance global. Que bonito es el mundo piramidal, que se joda el que no tiene Sanidad. Haber aprendido a robar…cantaba Robo. STOP.

17.000 cidadáns españois suicidáronse desde 2007 por causas económicas. Os problemas económicos están detrás de máis da metade dos suicidios. Na base da pirámide, é outra cousa. Mudar o mundo de base. STOP.

A Audiencia Nacional arquiva a querela contra Florentino Pérez e catro ex ministros pola estafa de Castor, que costou máis de 3.000 millóns de euros aos cidadáns, e arredor de 500 sismos nas costas do Levante. Haber aprendido a robar. STOP.

O Ministro Rafael Catalá outorgou a Carmen Martínez-Bordiú o ducado de Franco o mesmo día da moción de censura. Ducados, marquesados, nobreza e realeza. Aristocracia e Oligarquía, ou República. Eles ou nós. STOP.

Morre unha persoa sen fogar ao recibir unha malleira na rúa, en Barcelona. A laranxa mecánica. STOP.

A Policía, a Garda Civil, os servizos secretos e a Xustiza española continúan, a día de hoxe, sen descifrar e identificar quen é M. Rajoy. Andan na póla. STOP.

Isto non é un artigo, nin nada que se lle pareza: é tan só unha escolma pouco ordenada de titulares con algúns comentarios, propios ou alleos. Unha sucesión de acontecementos e informacións aparecidas nos últimos días, escollidas aleatoriamente. Unha composición que descompón. Xenofobia, racismo, machismo, homofobia, odio de clase, autoritarismo. Pouco máis falta ca o paso da oca.

Un berro escrito e descrito con imaxes que baten contra a razón e a lóxica. Mais acontecen, no noso tempo. Un SOS en tempos desacougantes de aceleración cara ao pasado e de implosión, a cámara lenta, de institucións e valores que criamos consagrados trala Segunda Guerra Mundial. O pacto extinguiuse. E non quedan tanques na URSS. Mais o monstro medra, nos rebrotes da Historia.

Tempos de inversión das regras. De desprezo polos dereitos fundamentais, e da deshumanización que o sucede. De interiorización, por parte de gobernos e sociedades, dos males propios das grandes depresións capitalistas: penalizar o “crime” de clase, de pobreza, de xénero, de nación ou de raza faise “necesario” (segundo Trump) para purgar e comezar de novo baixo regras máis duras. Da banalidade do mal, que describía Hannah Arendt. De ascenso e metamorfose do (neo)fascismo. Da consolidación e normalización da súa atmósfera imperceptible.

“Calquera pode ver o futuro: é como o ovo da serpe”, dicía o doutor Vergerus no filme de Ingmar Bergman.

Que me desculpe o Daniel Salgado por mutilarlle a súa coidadísima poesía, que ten a habilidade reveladora de explicarnos o mundo que xa chegou “traspasando o superficial” e “en aberta insubmisión”, como describe Alberto García-Teresa no limiar da Folga Xeral.

E non vai ser posible deter isto antes de que sexa tarde de máis? Imaxinamos o 2025? STOP.

…entre tanto, nove persoas continúan secuestradas polo Estado español á espera de xuízo por delitos non-cometidos. Son presos políticos cataláns. Tamén as hai que se viron obrigadas a coller o camiño do exilio para fuxir da inxustiza postfranquista impugnada desde Escocia a Suíza, desde Alemaña a Bélxica.

#LlibertatPresosPolitics

Compostela, 25 de xuño do 2018.
 

 

Comentarios