Opinión

Flegma británica

Alá por febreiro do 2022 as autoridades anunciaban o envío de "armas defensivas" para "opoñerse á invasión rusa". Semanas despois comezou o envío de "armas ofensivas" para logo entrar en escena "carros de combate" e, seguidamente, contemplar o subministro de "avións de combate" e doutro tipo de material pesado. En abril do 2023 transcendeu que cinco estados occidentais enviaran "tropas de elite" alén dos milleiros de voluntarios veteranos xa presentes sobre o terreo e do adestramento e asistencia proporcionados na retagarda ás durante unha década infladas, ata sextuplicar as súas dimensións previas, FFAA ucraínas.

Todo isto sen obviar o asesoramento técnico a grupos paramilitares neonazis como o Batallón Azov e outros, que xa ocasionaran estragos na guerra do Donbass entre 2014 e 2022. É obvio que a implicación da OTAN na guerra civil entre eslavos orientais vén de lonxe e non deixa de medrar (en cantidade e cualitativamente) mediante apoio económico e político-militar ao réxime antidemocrático e belicoso instaurado pola forza ás portas da UE co fin de ampliala. Mentres, proclaman falsariamente non ser partícipes do conflito.

Naquel mes anunciouse que o Reino Unido proporcionaría munición perforante de uranio empobrecido, causante de contaminación e dun exponencial incremento do cancro e malformacións conxénitas entre a poboación local noutros escenarios bélicos. A ONU amosara a súa "preocupación" xa que, ademais, tivo a consecuencia "lóxica" dunha escalada a través da instalación de nukes tácticas sitas en Bielorrusia. Un voceiro de Defensa do goberno da Súa Maxestade "ecoloxista", James Heappey, declarou que "non se fan responsables" das consecuencias e que "non hai ningunha obriga pola nosa parte de axudar a limpar as rondas de uranio empobrecido disparadas desde tanques Challeger 2".

Lembramos a Stefan Zweig, que alá polo 1941 deixara escrito: "Toman decisións nas que non temos arte nin parte e, con todo, dispoñen da miña vida e da dos europeos".