Opinión

Finlandia

A avogada, xornalista e ex representante da esquerda no euro-parlamento Bárbara Spinelli (filla de Altiero) vén de publicar unha interesante e extensa reflexión no xornal italiano Il fatto quotidiano resumida na seguinte sentenza: "Ucraína está pagando o prezo en decenas de milleiros de mortes polos erros, as promesas incumpridas, a arrogancia e a falta de intuición amosada por Occidente cara Rusia nas décadas posteriores á Guerra Fría baixo seis administracións estadounidenses".

É un bo punto de partida que alguén coa súa auctoritas advirta publicamente, na semana onde milleiros de cidadáns se manifestaron contra o envío infinito de armamento e a favor de conversas de paz en máis de 70 cidades xermanas ou no remuíño da revolta francesa contra o decretazo sobre a idade de xubilación, dous feitos incontestables: que a magnitude da traxedia ucraína é xa moi considerable (catastrófica) habendo co-responsables occidentais, e que a dirección última da mesma recae nas sucesivas administracións estadounidenses que, baixo o paraugas da recentemente ampliada OTAN e seguindo a súa natureza expansionista e antirusa, impuxeron a Europa unha espada de Damocles que a expón aos perigos dun potencial grande enfrontamento de desastrosas consecuencias continentais e mundiais nos planos económico, socio-político e de seguridade.

Non sobran voces valentes desde unhas esquerdas oficiais atrapadas na narrativa belicista e nun marco militarista-atlantista (reaccionario) nacido de demasiadas mentiras que está reforzando a dereita e a ultradereita no vello xardín. O acontecido nas eleccións finesas é un clásico bo exemplo de que ante a copia, o electorado adoita decantarse polo orixinal: se estendes a alfombra vermella electoral ás dereitas, o máis probable é que o aproveiten. Tomarían nota do caso escandinavo os gobernos ibéricos e alemán? Nunca foi esa axenda a única posible nin a máis responsable, mais para algúns deles (como para a socialdemocracia finesa) puidera ser xa tarde.