Opinión

Felipe VI, o monarca de VOX

“A Deo rex, a rege lex”

“De deus ao rei, do rei á Lei”. Principio das monarquías absolutas que xustificaba o poder real pola súa orixe divina.

Éncheme de orgullo e de satisfacción republicana escribir estas liñas, coa intención de remover a nostalxia do lector, lembrando aqueles tempos onde desfrutabamos do paternalismo dun xefe do estado campechano. Juan Carlos I de Borbón aprendera perfectamente do seu principal preceptor político, Francisco Franco Bahamonde, aquilo de “haga como yo, no se meta en política”. Soubo levalo á práctica durante moito tempo. E foille moi ben.

Non fora así, pola contra, nos primeiros anos da glorificada etapa elevada a mito nacional contemporáneo coñecida como La Transición: naqueles violentos e contraditorios tempos finalmente frustrantes para quen procuraba unha saída á ditadura en chave de ruptura democrática, e con moito atado y bien atado polo designio semi-divino do Caudillo por la gracia de Dios, tivera que facer un inxente traballo político e moito business para atopar vías de lexitimación (e financiación) asentando así o camiño do seu plácido reinado sobre a base das intactas estruturas do franquismo no camiño dunha solución aperturista. Foron tres ou catro anos de traballo, que se estenderon ata o chamado Golpe de Estado del 23F. Aquel escuro evento foi instrumentalizado intelixentemente pola institución monárquica, e tamén de xeito personalista, para consolidarse definitivamente no poder e na impunidade da que gozou en décadas sucesivas. Resultou, á fin, unha excelente operación política e de márketing: no político serviu para arrefriar maiores aspiracións de progreso democrático-social e cotas de desenvolvemento autonómico. No simbólico, valeu para entronizar a figura do monarca como “salvador de la Democracia”.

E a partir deste intre o establishment, a través dun castrado sistema mediático e dunha lexión de xornalistas aduladores conscientes do que o público pode e non coñecer, construíu ao seu servizo a imaxe dun monarca simpático, mecenas do deporte e deportista; a faciana máis amable, consistente, diplomática e dialogante dunha España moderna e aberta a Europa e ao mundo que procuraba sacudir 40 anos de illamento en branco e negro baixo un réxime liberticida e asasino ata os seus últimos días. Juan Carlos I sería, por aquel entón, aquela personalidade tolerante e tranquila que encargou a unha nova xeración de xerarcas do franquismo (entre os que se atopaba o dinámico e audaz Adolfo Suárez) a tarefa de pilotar o proceso de renovación, e que máis tarde sabería convivir mellor con Felipe González que cun Aznar napoleónico. Sen meterse na area política, máis que para plantarlle cara polo civil e polo criminal ao complexo fenómeno da violencia política en Euskadi. Chegou a dicirse recentemente, nunha pirueta dialéctica histórica, que era “un Rey muy republicano”. As súas funcións constitucionais limitaríanse, como di o sacrosanto texto, a “arbitrar y moderar el funcionamento regular de las instituciones”. Polo demais, o artigo 56.3 garantizáballe que podía levar a cabo toda canta falcatruada quixese xa que sería absolutamente irresponsable perante a xustiza, situándose por riba de calquera tipo de control democrático. Só responde ante Deus.

Non pasaría por moito máis que unha especie de bon vivant algo bribón que ía de regata en regata, cos seus pequenos deslices e caprichos coma ti e coma min

 

O seu “prestixio” e relacións internacionais abrían infindas posibilidades de negocio ás empresas españolas, a cambio de grandes beneficios. Posuía unha extensísima rede de contactos ao máis alto nivel na maioría de chancelarías mundiais: da Arxentina de Videla daquela á satrapía saudí ata hoxe. Dos USA de Reagan ou do primo marroquí, aos tratos económicos co Sha de Persia. De Europa a latinoamérica. E logo, non pasaría por moito máis ca unha especie de bon vivant algo bribón que ía de regata en regata, cos seus pequenos deslices e caprichos coma ti e coma min, a quen todo se lle perdoaba xa que segundo di a lenda evitara el soíño, nunha encrucillada histórica, a volta á ditadura militar coa astucia e habilidade dun gran estadista. Discursos de nadal que se movían do “la Reina y Yo” a “la Ley es igual para todos”, desde a calor do seu ao teu frío fogar.

E aí, naquel 23F, remata o seu traballo: a seguinte longa etapa de décadas consistiu, fundamentalmente, en aparentar o antedito mentres hai firmes sospeitas de que multiplicaba o seu enriquecemento familiar de maneira lícita e ilícita coa protección dos grandes medios de comunicación públicos e privados, salvo algunhas fendas underground polas que se colaba certa información. Xa coñecemos sobradamente as razóns que desencadearon a súa abdicación no remate da primavera do 2014, promovida desde poderes internos e exteriores ao abrirse a veda e irmos coñecendo a inxente serie de escándalos de natureza diversa, moitos deles ligados á corrupción da institución. Remataba a traxectoria política de “El Rey de todos los españoles” e deixaba unha herdanza envelenada ao seu fillo que, sen pasar polo referendo popular, accedeu á xefatura dun estado no século XXI pola vía da fecundación: entra en escena “El Preparao”. Co conflito catalán aberto en canal, e cunha galopante crise de imaxe da monarquía.

Juan Carlos I foi un xefe de estado no cal, baixo o seu reinado, logrou re-encauzarse e conterse á ultradereita fascista a través da creación dun partido fundado por franquistas saídos das mesmas entrañas do Réxime. Máis non houbo ningún tipo de depuración a nivel empresarial, da xudicatura ou das forzas de seguridade. Noutro contexto, o novo monarca e a institucionalidade á que representa, precisa arestora dunha vía de lexitimación: para elo optou por abandonar a centralidade de ser “el rey de todos los españoles” encamiñando a posición de ser só o dunha metade da sociedade. É unha decisión arriscada, e sen volta atrás.

Recentemente, nun acto público, Felipe VI declarou que “España es una democracia plena”. Excusatio non petita, acussatio manifesta

 

Recentemente, nun acto público, Felipe VI declarou que “España es una democracia plena”. Excusatio non petita, acussatio manifesta. No mesmo discurso aseverou que “no es posible apelar a una supuesta democracia sin respetar el derecho”, no contexto do macro-xuízo aos líderes políticos e civís do procès catalán e, polo tanto, nunha clara intromisión na máis que cuestionable independencia xudicial deste Réxime amosando un nulo coñecemento de teoría e cultura política en chave democrática. A intención do artífice do acusatorio e anticonstitucional discurso do 3 de Outubro de 2017, que inaugurou o “a por ellos!” como fórmula de resolución dun conflito político de enorme dimensión desde a máis alta maxistratura do Estado, é perversa e contraria á soberanía popular. Está destinada unicamente a reforzar a súa autoridade pola vía da coerción en tanto mando supremo das Forzas Armadas e manifesta alerxia á libre vontade dos cidadáns, considerándoos na práctica súbditos da súa Maxestade. Aquel discurso, de renuncia ao diálogo, encetou a engranaxe da maquinaria propagandística actuante e polidimensional durante os últimos tempos: a desconsideración, case deshumanizadora, do independentismo como opción política lexítima. Inimigos de todos os “españoles de bien”.

Isto desembocou na irrupción e engorde dunha forza fanática como VOX, actor que está condicionando a vida pública en termos regresivos de maneira clarísima e perigosa, influenciando co discurso de dereita radical ao PP, Ciudadanos e sectores do PSOE. Contrariamente ao que certa esquerda supostamente “progresista” sostén, o independentismo non provocou o auxe neofascista no estado español: simplemente o destapou a ollos do mundo, pois estaba e está aí desde 1936. Nunca foi desterrado, como na Europa liberada.

A cosmovisión de Felipe VI, na defensa dos seus privilexios e permanencia política, encaixa ben coa onda de fascistización e autoritarismo occidental en auxe

 

A cosmovisión de Felipe VI, na defensa dos seus privilexios e permanencia política, encaixa ben coa onda de fascistización e autoritarismo occidental en auxe. Vai á moda. Está “preparao” para os tempos que corren, xa que apelar ao Dereito por riba e como muro de contención da democracia, da xustiza ou do exercicio de dereitos fundamentais é toda unha declaración de intencións que podería afirmarse baixo calquera sistema político. Mesmo dun de corte totalitario. Non serve aquí pois o razoamento tautolóxico de que “como España é unha democracia, as súas Leis son democráticas”, e inamovibles. Pois non: o estado español está demostrando na xestión do conflito catalán os seus límites e carencias ata límites insospeitados. A democracia exércese mediante a articulación de ferramentas democráticas a combinación do respecto ás canles legais coa escoita activa aos cidadáns.

Semella que a continuidade histórica da dinastía borbónica só pode asegurarse Golpe a Golpe e vulnerando os máis elementais principios democráticos mailos seus valores que están, e estarán sempre, por riba das Leis. Estas non son máis que ferramentas volubles, modificables e actualizables ás novas realidades pola vía do diálogo e acordo político. Non levalo á práctica é enfrontarse ao conxunto da cidadanía libre.

Ninguén o escolleu para usurparlle a democracia á xente.

Comentarios