Opinión

Dúbidas razoables

Por que transmiten unanimidade belicista as clases dirixentes europeas mailos medios de comunicación de masas? Con que obxectivo emite a embaixada estadounidense unha liña de subvencións nominativas de ata 75.000 dólares anuais destinada ás voces que defendan publicamente o novo concepto estratéxico da OTAN? Como é posible que parte do xornalismo transmutase en propaganda de guerra quimicamente pura e un bo coñecedor do conflito ucraíno como Pablo González leve un ano secuestrado polo goberno ultra-dereitista polaco? Que intereses comúns tivo certa oligarquía do establishment estadounidense coa oligarquía golpista ucraína e cal é a relación e fío corruptor delas coas elites políticas continentais? Por que motivo a consideración pública do que é violación do dereito internacional (precedida doutras) de pronto troca nun axioma pétreo e non foi así nas últimas décadas en escenarios como Palestina, Vietnam, Sudán, Siria, Iugoslavia, Libia, Iraq, Iemen ou Afganistán? Por que non houbo unánime rexeitamento oficial polo case millón de vítimas ocasionadas pola War on Terror?

As aberracións denúncianse cando se producen ao pé do xardín mais non cando se promoven impunemente na xungla? Quen decide cales serán os novos inimigos da civilización occidental? Volve o terror amarelo e as guerras do opio? Por que desprezan sensatas aportacións de Paz propostas pola República Popular China para sentar as bases dun marco de negociación multilateral? Por que a maioría de gobernos latinoamericanos ou africanos pasan olimpicamente de certas actitudes e esixencias rusofóbicas dos estados occidentais? Con que fin envían inxentes cantidades de material militar a Taiwán? Como puido a socialdemocracia promover a Alianza de Civilizacións e colaborar agora cunha sorte de cruzada civilizatoria? Por que lle afectan máis ás clases traballadoras as (auto) sancións impostas "a Putin" que ao propio poder ruso? Cui prodest? Podería ser punible algún día o feito de facernos preguntas?

Comentarios