Opinión

Cuestións relevantes

Non deixan de asaltarnos dúbidas desde que rebentara a orde internacional sostida a sangue e lume nas últimas décadas: pode aceptarse na liberalísima UE a censura no nome da liberdade de prensa? Por que se instala sen contestación a orwelliana arte do dobrepensar pola cal destinan o Fondo Europeo de Apoio á Paz ao fin de prolongar ad aeternum unha guerra proxy perdida de antemán, que en nada beneficia os pobos, e que podería estenderse e descontrolarse repetindo desastres parellos aos do século XX? Desde cando consideran que a maior maquinaria bélica da historia universal é unha alianza defensiva, cando leva lustros de (fracasadas) ofensivas militares lonxe do Atlántico Norte? Quen atopou racional e prudente xogar á ruleta dun conflito directo contra unha superpotencia militar atómica dunha enorme influencia diplomática mundial? Ata onde pode afundir o chan ético, político e intelectual de sinistros burócratas como Von der Leyen ou Josep Borrell?

Por que amplifican o marco militarista e o rexurdimento da política de bloques e silencian mobilizacións en favor de solucións arbitradas e pacíficas? Por que é rexeitable o conservadurismo e a homofobia institucionalizadas do réxime ruso e non o conservadurismo e a homofobia institucionalizadas dos réximes polaco e ucraíno? Como é que non colapsou o seu sistema mais si encamiñan graves turbulencias o sistema financieiro mailas economías occidentais? Por que só son tenebrosos os oligarcas de Moscova? Cal é a verdadeira razón pola cal os partidos verdes se mimetizaron co transversal Partido da Guerra (hai algo máis anti-ecolóxico?) que repite consignas dos think tanks neo-conservadores influentes no Partido Demócrata, ligados ao insaciable complexo militar-industrial? Xa que resultara "exitoso" o golpe de estado ucraíno provocado no 2014 toca favorecer agora a desestabilización en Xeorxia e abrirlle unha fronte caucásica ao inimigo naquel niño de avespas multi-étnico na defensa dos valores europeos?

Comentarios