Opinión

O contaxio pre-político e embrutecedor da ultradereita española

“Houbo no mundo tantas pestes coma guerras e, sen embargo, pestes e guerras collen ás xentes sempre desprevidas”.

A peste, Albert Camus.

 

Vivimos unha enxurrada reaccionaria como non se recorda en décadas. A ofensiva é imparable e atende todas as frontes en disputa. Cando un sistema político coma o español, en estado comatoso produto de décadas de corrupción e espolio institucionalizado e dos durísimos efectos sociais colaterais á crise do 2008, entra en barrena e provoca o esfarelamento da credibilidade de practicamente todos os resortes e estamentos da institucionalidade o que asoma por diante nosa necesariamente deriva nun escenario de natureza traxicómica.

Se, por riba, o caldo de cultivo que habitamos arestora no “mundo occidental” vén determinado polo contaxio trumpista (ese atroz subxénero político, inclasificábel, que baila ao son do autoritarismo neofascista e do histrionismo permanente) e da tendencia das elites españolas a mimetizarse con todo aquilo que veña daqueloutra beira do Atlántico só podemos reproducir, en versión cañí e cutre, unha monstruosidade irracional parella ou similar. Mais, como recorda a escritoria e activista hindú Arundathi Roy: “O problema non é Trump, o problema é o sistema que o produciu”.

Falamos dun “sistema” que decidiu emprender o camiño da súa autodefensa redobrando a aposta por unha nova ofensiva capitalista, imperialista, racista e patriarcal

 

Falamos dun “sistema” que decidiu emprender o camiño da súa autodefensa redobrando a aposta por unha nova ofensiva capitalista, imperialista, racista e patriarcal e que vai situando estratexicamente peóns, estendendo a súa área de influenza: Colombia, Perú, Honduras, Brasil, O Salvador...e Europa. No Estado español ese peón responde ás siglas de VOX, directamente influenciado e asesorado (documentadamente, é de dominio público) polos homes de Steven Bannon (consiglieri áulico de Donald Trump) e de The Movement para facer virar a vida pública española ao estado pre-político e embrutecedor que caracteriza o cancro protofascista que hoxe domina e condiciona o panorama, capitaneado polo autarca de Washington. Ese fascismo eterno do que nos falaba Umberto Eco, desatado e que camiña xa sen carautas.

A “hidra de tres cabezas” abandonou hai tempo todo principio de realidade e de racionalidade e vén manifestando unha escalada na linguaxe e na acción que cuestiona e deslixitima non só os fundamentos e mecanismos do xogo democrático como proceso se non tamén, e máis grave, a política mesma como ferramenta de xestión ou resolución do conflito. Hoxe os líderes extremistas de PP, Ciudadanos e VOX sincronizan os reloxos e a axenda do seu asalto á democracia e aos dereitos e liberdades fundamentais empregando un discurso inflamado e cheo de soflamas ofensivas, violento e belixerante baseado na épica, na mitoloxía e no rexurdir de glorias pasadas e non nos datos, na verdade obxectiva ou na razón.

Esta é, en esencia, a funcionalidade principal: confundir, aturdir, problematizar novamente consensos superados

 

A deliberación pública en base ao dereito á información veraz foi xa substituída polo caos, o ruído e a deliberada mentira como mecanismo suficiente para degradar a necesidade de desenvolver o/s debate/s en termos democráticos. Esta é, en esencia, a funcionalidade principal: confundir, aturdir, problematizar novamente consensos superados (coma o do aborto, por exemplo), xerar fastío e, finalmente, conatos de odio. Esgotar e idiotizar ao cidadán. Tronzar e anular a súa capacidade crítica, por saturación e sobreinformación. E ofrecer solucións máxicas: bandeira, bandeira e bandeira, Blas de Lezo, Viva el Rey!

Como dicía ao principio todas as frontes están en disputa e a ofensiva comeza a debuxarse, polo de agora declarativamente, en termos totalizantes: no plano das relacións capital-traballo, no plano da articulación “territorial” do Estado e da mesma forma-Estado, no plano da memoria histórica, no plano da xestión e/ou integración dos movementos migratorios ou no plano da batalla social e política que están librando os movementos feministas. Hoxe son os cinco eixos principais nos que a ultradereita comezou a operar en España, atendendo aos exemplos de Trump nos USA e de Bolsonaro no Brasil. E son algúns dos puntos nos que focalizar os ataques por medo ao potencial transformador liderado pola mobilización social.

Unha boa mostra do antedito terémola este domingo 10 de febreiro nas rúas de Madrid, onde Partido Popular, Ciudadanos, VOX e outros partidos fascistas sen representación institucional anuncian a convocatoria dunha masiva manifestación pola “alta traizón a España” do presidente do goberno ao manifestar a vontade de atopar un mediador que axude a preparar o terreo do diálogo e desfiañar o conflito catalán (que é a maior e máis evidente manifestación da crise de Réxime hoxe). Ao peche destas liñas, o goberno xa anunciou que rompe esa posibilidade e a interlocución coa Generalitat, o que suscita varias cuestións de fondo calado: se non é a vía do diálogo democrático a solución, cal é a alternativa? Se o goberno lexítimo (considerado ilexítimo polos convocantes) cede á presión da ultradereita mesmo antes de celebrarse a manifestación, quen ten o poder realmente? (esta segunda semella de primeiro de Lakoff), a qué xoga o PSOE? Supoño que habería moitas máis...

O domingo asistiremos á carta de defunción da lexislatura e ao desfile dos Cen Mil Fillos de San Luis contemporáneos

 

O domingo asistiremos á carta de defunción da lexislatura e ao desfile dos Cen Mil Fillos de San Luis contemporáneos. Á escenificación do rexurdir do chovinismo español máis medievalizante, que está logrando artellar un novo sentido común aunando as vontades e tradicións dun novo Movimiento Nacional. A “España Viva”, a “España de los balcones”... continuadora ideolóxica da España da morte e das cunetas. A España á que abriu a porta un 3 de outubro de 2017 o monarca Felipe VI cun discurso incendiario e anticonstitucional que inaugurou a posibilidade dunha etapa autoritaria neste antigo imperio decadente e vello estado do Sur de Europa.

En Venezuela, o “ditador” Nicolás Maduro anuncia que se abre a dialogar “sen límites” coa oposición baixo as condicións dun grupo mediador: “la política es diálogo y negociación”. Na “exemplar” democracia española o diálogo é “alta traizón” (tipo penal con ata 20 anos de cárcere), porque é sabido que os millóns de cidadáns cataláns son ETA. Ao inimigo, nin auga.

E o Presidente da Xunta de Galicia anunciou que alí estará, da man de España 2000 e da Falange, lonxe da man dos que se mobilizarán en Compostela pola Defensa da Sanidade Pública que el mesmo leva destrozando dende hai xa unha década. Os pacientes poden agardar. “España”, sexa o que iso sexa, non. A pre-política antes ca nada. Autobuses gratuitos. As televisións e xornais, a pleno rendemento. Paquí y Pallá S.L. E a seguir impunes no espolio!

                                                                                                                                            

#LlibertatPresosPolitics

Comentarios