Opinión

Algunhas notas de urxencia sobre o 28A

Remata o reconto electoral ao peche destas liñas. O 28 de abril presentouse coma unha confrontación electoral “decisiva”, mais hai que lela coma un capítulo máis incardinado na crise de Réxime que se prolonga desde a primavera do 2011 e todas as fiestras de oportunidade que se foron abrindo e pechando desde entón.

O sistema político español saído da ditadura -coma outros sistemas políticos europeos e occidentais- leva case unha década sometido a unha serie de tensións e sacudidas produto da Gran Depresión neoliberal financiarista que deu orixe ás “sociedades do malestar” e “do descontento”, e á súa contestación máis ou menos organizada.

Fenómenos políticos que veñen marcando o paso dos últimos tempos coma o “Brexit”, o auxe da extrema dereita en todo o continente, a vitoria de Donald Trump ou de Bolsonaro e outros como anteriormente á chegada ao poder en Grecia de Syriza e a súa claudicación ante as imposicións da Troika, ou o “procès” soberanista catalán responden a causas e necesidades de fondo comúns aínda que signifiquen solucións contrapostas e ata diametralmente antagónicas. Todas son fillas, tamén, da revolución das comunicacións e dunha etapa de transición xeopolítica que vai da hexemonía norteamericana herdada da fin da Guerra Fría ao mundo multipolar e o peso específico no demográfico, no económico, no militar ou no tecnolóxico de grandes potencias coma China, India ou a rexurdida Rusia de Vladimir Putin.

Nesta etapa non hai pois unha confrontación electoral “decisiva”, e esta tampouco o foi. Seguimos en tempos de excepción, dominados pola necesidade de dar resolución democrática e dialogada a unha Catalunya xa de facto republicana. Todo o que non supoña entender isto último dará pé á caída de gobernos centrais e á conseguinte situación de interinidade permanente dentro da máis grave crise da etapa constitucional. Só suspendendo o estado das autonomías e a democracia en Catalunya, como pretendían as forzas da reacción se podía evitar. E non foi.

Os resultados do 28A en Catalunya demostran que non hai tal clima de polarización e violencia extrema que instale a idea tabarniana (e tabernaria) dun Ulster peninsular, como queren facer ver os altofalantes do Réxime se non, máis ben, un gran consenso na sociedade catalá arredor da idea das liberdades nacionais, o referéndum e a liberación dos presos e presas políticas. Isto último constitúe unha vergoña democrática de enorme magnitude. O fracaso do Réxime en Catalunya e Euskadi, nacións sen estado, é histórico e fálanos da incontestable realidade plurinacional e das resistencias á asimilación política e cultural.

Non se albisca, polo de agora, unha estabilización definitiva no longo prazo nin a consolidación dun mapa electoral practicamente inmutable

Non se albisca, polo de agora, unha estabilización definitiva no longo prazo nin a consolidación dun mapa electoral practicamente inmutable como fora o período bipartidista 1982-2011 no estado español. Estamos diante, iso si, dun equilibrio pentapartito e diante da configuración de dous bloques máis ou menos definidos no imaxinario popular: dunha banda as esquerdas e os “nacionalismos periféricos”, e da outra o “Trío de Colón” ou “trifachito” representado nun PP en demolición, nunha forza ultraliberal chamada a substituílo (Ciudadanos) e na nefasta institucionalización da dereita máis ultramontana, autoritaria e nostálxica do franquismo a través das siglas Vox.

Clausurouse o tempo onde toda Europa se preguntaba por que no estado español “non había ultradereita”. Había, vaia se había. Acomodábase no PP e nos aparellos do estado. E o peor non é que obtivese 24 escanos decididos a contaminar máis aínda o debate en termos antidemocráticos. A sintomatoloxía máis grave é que arrastrou a posicións irracionais e pre-políticas a un notable abano de sectores sociais que ficaron claramente derrotados momentaneamente, tendo a oportunidade de seguilo facendo cun horizonte económico incerto onde o máis doado será continuar promovendo o discurso da guerra dos de abaixo contra os de abaixo nas distintas frontes sectoriais (migración, xénero, liberdades públicas, ecoloxía, identidade sexual ou nacional, etc…), vernizándoo de patriotismo e do máis agresivo, anti-cívico e tradicionalista banal nationalism. Dándolle unha coherencia a través da mitificación dunha suposta Reconquista en termos imperiais e de aniquilación do inimigo.

Neste punto toca testemuñar que a sobre-actuación e o discurso hiperbólico atopou as resistencias dunha maioría da poboación que demostrou suficiente madurez democrática e responsabilidade ante a deriva violenta e parafascista optando por frear á Besta. A derrota de Steven Bannon estendendo de inmediato o trumpismo nun país do Sur europeo só a supera a derrota estrepitosa de José María Aznar, padriño espiritual da tríade reaccionaria.

O PSOE acertou e capitalizou boa parte do voto útil en chave antifascista e na defensa da dignidade democrática. Mais é o partido da orde e principal vertebrador do Réxime de 1978. Lembremos que apoiou a aplicación do artigo 155 en Catalunya, por exemplo. Hai poucos anos víase a posibilidade da súa pasokización e hoxe está en condicións de liderar unha etapa de reformas, mais sen a intención de poñer en cuestión as bases fundamentais da monarquía borbónica. Pedro Sánchez terá que escoller ante a disxuntiva das urnas: ou escoitar o chamado claro do mandato popular por un goberno de coalición de esquerdas e unha solución democrática ás nacións sen estado, ou escoitar ás elites económicas e políticas que o urxirán a explorar un entendemento tácito ou explícito con Ciudadanos ao longo dunha lexislatura que podería requerir xeometría variable. O entendemento cos de Albert Rivera suporía unha auténtica e maiúscula fraude electoral que o condenaría politicamente na súa autoridade logo de todas as resistencias que tivo que superar nos últimos anos.

Unidas Podemos sufriu un retroceso importante produto do abandono das alianzas tácticas en chave plurinacional

Unidas Podemos sufriu un retroceso importante produto do abandono das alianzas tácticas en chave plurinacional. A excelente campaña levada a cabo pola equipa de Pablo Iglesias coa súa volta á actividade política amorteceu unha caída maior mais vese forzado a unha posición de subalternidade cando as expectativas hai tan só dous anos eran a impugnación cultural e política dos dous grandes piares que sosteñen a arquitectura institucional do Réxime. Viuse afectado especialmente pola lei electoral desta volta, ao abandonar os procesos de acumulación e unidade popular. Seguirá sendo obxecto de ataque desde o deep state español, xunto ás forzas soberanistas. As posibilidades de condicionar as políticas e mesmo as de entrar nun goberno de coalición á portuguesa poden verse mermadas no postelectoral a través do boicot do IBEX-35 e das presións de referentes políticos internos conservadores. Felipe González, outro grande derrotado. Aínda que xa se sabe que algúns teñen demasiadas vidas cando o poder os protexe, logo de ser fieis servidores.

O 28A na Galiza

Galiza só pode presumir de dúas cousas: de derrotar ao PP de Feijóo a través da vitoria do PSdeG e de conter a entrada da extrema dereita, que a pouco estivo de superar ao BNG, unha forza cunha potente organización política e sindical e forte implantación territorial produto de décadas de traballo arreo de milleiros de activistas galegas e galegos desalienados. Mais o obxectivo de regresar ás Cortes non o cumpriu e será a primeira vez que incomparecen representantes dunha forza nacionalista en Madrid. O soberanismo medra electoralmente en Euskadi e Catalunya, dúas nacións avanzadas. Galiza, unha colonia da Corte desde hai séculos, foi incapaz de situar desta volta a ningún representante do nacionalismo emancipador. O paso atrás é obxectivo, e incontestable.

O pobo galego penalizou contundentemente a división das forzas á esquerda do PSdeG. Só Unidas Podemos, no contexto dunha campaña claramente españolizada e nesta realidade pentapartita, puido resistir minimamente salvando os mobles con dous deputados. A En Marea de verdade, a orixinal, obtivera 6 deputadas e 2 senadores, que logo foron 5 e 1. Desde Alternativa Galega de Esquerdas sabemos que a suma multiplica e a división, resta.

O movemento social nacionalista galego ten moitísimas dificultades de expresarse electoralmente

Sendo así, non cabe máis que atestiguar que a amplitude e pluralidade do movemento social nacionalista galego ten moitísimas dificultades de expresarse electoralmente nun contexto marcado por estes factores, ao non dispor do potencial de abondas ferramentas mediáticas e auto-organizativas de sociedades coma a catalá ou a vasca onde, ademais, elites e capas sociais medias e altas defenden opcións nacionalistas. É un fracaso do conxunto que habería que valorar colectivamente con xenerosidade e amplitude de miras mais coas dificultades auto-impostas dunha xa longa tradición cainita e minifundista que impide ollar con claridade e sen rancores a necesidade da reorientación estratéxica, da humildade e da aprendizaxe doutras experiencias noutras latitudes en situacións similares de ameaza de extinción como pobo. Cando menos da súa xenuína expresión político-electoral.

As actitudes cativas, curtopracistas e autocompracentes, isolacionistas e a confianza cega na pulcritude dos principios inamovibles fai da incapacidade da pluralidade do nacionalismo para avanzar entre cada vez maiores sectores sociais unha hipoteca imperdoable e un drama para o futuro e a viabilidade deste país e deste pobo. Mentres continúe instalada a realidade pentapartita vai ser moi difícil o regreso do nacionalismo galego ás Cortes españolas a non ser que busque alianzas tácticas.

Supoño que agora se comprenderá mellor a estratexia seguida por Anova desde a súa fundación

Supoño que agora se comprenderá mellor a estratexia seguida por Anova desde a súa fundación, pois de non terse levado a cabo no seu día a penetración e consolidación temperá das forzas de esquerda federais, daquela emerxentes, tería sido maior e non se tería producido o establecemento de contactos e sinerxias políticas con todo o acontecido no estado naquela altura. Galiza non tería sido un escenario determinante e un exemplo para outras realidades. Cando menos, no seu sentido teórico. E supoño que aquelas voces que responsabilizan sempre a unha única persoa de todos os males mundiais (a Xosé Manuel Beiras) serán claramente minoritarias. Á vista dos resultados electorais, semella que así é. Non sería honesto politicamente construír inimigos individuais para agochar insuficiencias e incapacidades propias colectivas.

Capítulo á parte merecen os resultados cataclísmicos, e non por iso menos agardados, de quen usurpou mediante un escuro procedemento electoral interno a marca antigamente de éxito En Marea. A En Marea que se presentaba non era tal nin tiña nada que ver coas candidaturas de unidade popular e mareas que se presentaron no 2015 e se presentarán no vindeiro maio. Unha reducida camarilla arredor do seu líder, mediante as peores manobras da politiquería de máis baixa estofa (algúns deles vellos tahúres sobradamente coñecidos polas súas desfeitas continuadas, e que quedan amortizados para sempre polos seus delitos de sangue políticos contra a idea da unidade popular) fíxose co control interno capando a pluralidade e potencialidade dun artefacto que custou moito traballo e diálogo erguer, e convencera no seu día a case medio millón de galegas e galegos sendo continuadora da rupturista e malograda AGE e as triunfantes mareas municipalistas.

A deriva moderada e conservadora desa nova dirixencia, sen ningunha capacidade política (salvo contadas excepcións) nin entendemento do que fora o longo proceso de acumulación e acordo entre diferentes actores e os seus equilibrios internos levou a marca definitivamente contra as rochas. O pobo falou alto e claro a este respecto, e cumpriría asumir as responsabilidades no horizonte inmediato. Ese grupúsculo representa tan só o 1% do electorado.

Tempo haberá para seguir debullando os resultados deste 28-A e afrontar os vindeiros retos e as vindeiras eleccións municipais, nas que hai moito en xogo para dar continuidade ao iniciado no 2015 coa primavera municipalista, nun contexto de auxe do PSdeG pero tamén, e isto é unha boa nova, febleza obxectiva da dereita.

Imponse a necesidade de buscar ambiciosas fórmulas de concertación e fronte ampla agora que xa queda pouco tempo para intentar descabalgar a Feijóo. Se é que el mesmo non foxe a Madrid.

Comentarios