Opinión

Abrir Debates

Hainos que poden abrirse nunha facultade de Filosofía, de Dereito ou de Ciencias Políticas. Contrapoñer ideas e contrastar teorías con argumentos como exercicio intelectual non é negativo, ao revés. Mais hainos que non convén politicamente nin "abrir", e moito menos se veñen inducidos polo aparato de propaganda ao servizo do branqueamento da lumpen-burguesía: a pederastia, a pena de morte, a escravitude infantil e a outra, a liberdade de asasinar, a evasión de impostos, o tráfico de órganos ou a compra-venda de crianzas son algúns deles.

O límite serían os dereitos humanos fundamentais e o iusnaturalismo, consensos civilizatorios elementais que as correntes ultra-liberais, anarco-capitalistas e neo-fascistas están rachando coa complicidade de demasiados actores sociais e poderes económicos.

Que o sistema turbo-capitalista intente converter desexos e caprichos dos individuos máis privilexiados en supostos dereitos é un atentado ás ata agora convencións (mutables) da comunidade, que levaría finalmente á estratificación por castas: os seres humanos non se reducen a cousas (res); non son produtos nin propiedades obxecto de consumo ou intercambio mercantil.

Deixar que penetre ese veleno antisocial pre-ilustrado cuestiona elementos capitais que necesariamente levan á lei da xungla neo-escravista. Política e socialmente case nada hai que non produza efectos colaterais: non é casual pois que a maior granxa de bebés de Europa se atope desde hai anos precisamente en Kiev (barato-barato, prohibitivo en Miami).

O respaldo político-mediático, económico e militar (sistémico) ao réxime filo-fascista do Maidán e a normalización da explotación reprodutiva no debate público conecta vasos comunicantes ideolóxicos maiores dos que translocen e aparentan. O que é aberrante ontolóxica e axioloxicamente nin se considera porque abre a porta á fascistización e á distopía. Precísase, pola contra e como auga de maio, abrir debates sobre utopías: paz, xustiza social, igualdade real…

Comentarios