Opinión

Merece esta esquerda a confianza dos galegos?

Non son bos tempos para os que cremos que Galicia debe estar por riba de todo. Non son bos tempos para os que defendemos que cando estamos a falar do futuro dos galegos non vale escudarse nin nas siglas nin nas ideoloxías.

Pertenzo a un partido, o PPdeG, que leva anos clamando contra as inxustizas xeradas polas decisións duns gobernos que non sempre atenderon a esta terra co respecto debido. Non aspiro a que o lector crea que sufrimos cando temos que mostrar en público as nosas discrepancias co PSOE. Iso, ademais de ser un exercicio de responsabilidade, pode estar enmarcado dentro da tradicional rivalidade partidista, pero convén lembrar que tamén esiximos a ministros do PP o cumprimento dos prazos do AVE, ou mesmo que levamos aos tribunais algunhas decisións do Goberno de Mariano Rajoy.

Somos leais a Galicia e isto obríganos a ser esixentes co Goberno central. E serémosllo estea quen estea á fronte do mesmo. Por iso, a Xunta xa ten presentado un documento establecido como demandas de país e que serán expostas ao presidente que saia das urnas, xa sexa Pedro Sánchez ou Pablo Casado. Porque non está no noso ánimo ser condescendentes con uns e incisivos con outros: A Galicia de hoxe non pode permitirse o luxo de caer nesas disquisicións.

Pero chegados a este punto convén preguntarnos que méritos pode presentar a esquerda galega para facerse merecedora da confianza dos cidadáns da nosa Comunidade. Onde estiveron os cargos de Podemos cando Alcoa anunciou que sen un compromiso do Goberno coa tarifa eléctrica tería que comprometer o emprego de 8.000 lucenses? Falaron deste asunto cos seus amigos do PSOE, ou todas as conversas con eles foron para dilucidar se no Consello de Ministros tiña cadeira Pablo Iglesias ou, polo contrario, o posto era para Irene Montero?

E o BNG? Acaso o Bloque Nacionalista Galego ameazou os socialistas con romper os seus acordos de goberno en concellos e deputación se non había unha solución para os traballadores desta empresa? Quizais o PSOE non estea preocupado polos empregos que poñen en risco as súas decisións, pero perder gobernos si que doería en Ferraz. O BNG podería meter presión con esta posibilidade pero calan en prefiren mirar cara a outro lado.

Tamén calaron coa débeda de 700 millóns de euros que o Estado ten contraída con Galicia, e cos retrasos sobre os prazos de AVE galegos asumidos por Pedro Sánchez e incumpridos polo Goberno socialista, así como coa redución dun 30% do investimento dedicado á Comunidade nos orzamentos non natos deste Goberno interino.

Onde estivo a alma combativa do Bloque cando os galegos necesitaron dela? Onde estivo o inconformismo que sustentou os alicerces do rupturismo político que xerminou en Podemos e no resto de variantes de esquerdas?

O PSOE, por desgraza, non ten competencia no ámbito da esquerda galega senón que desfruta da docilidade de partidos que só compiten con eles polo apoio dos cidadáns confrontando co Partido Popular. Ninguén pide contas a un socialismo que campa ás súas anchas quitando a Galicia o que a Galicia corresponde.

Non hai partido nesta terra que vaia ser máis esixente co Goberno central que o PPdeG de Alberto Núñez Feijóo. Polo tanto, permitídenos que desta vez apelemos a un voto útil e de país, un voto que nos permita ser fortes dentro dun partido de Goberno.

A experiencia de ter a Pedro Sánchez na Moncloa xa a coñecedes. Con toda humildade, pedímosche que deas a oportunidade de gobernar a unha formación que naceu en Galicia e que xa demostrou a través do presidente da Xunta que esta terra significa todo para nós.

Porque o que nos une é colocar a Galicia por riba de todo. E por iso, Galicia, Galicia, Galicia.

Comentarios