Opinión

E por que precisamos un grupo parlamentar propio?

Por todo e para todo.

Por todo e para todo.

Moitas veces teño escrito sobre o trazado das obras publicas de dependencia estatal ó seu paso por Galiza, faise coa cabeza en Madrid, sen ter en conta, realmente, como seria máis útil para o país, para este país, senón mirando, sobre todo, o interese do estado no que resulta determinante a maneira de chegar antes dende Galiza á Metrópole e viceversa. Ninguén levanta a man para defender os nosos intereses.

Éste é un dos motivos polo que necesitamos un grupo parlamentar propio, galego, e sen obediencia estatal. E é así porque, sexan de dereitas ou de “esquerdas” quen goberne no estado, a súa política sempre ten a visión centralista.

O mesmo pasa cos sucesivos gobernos autonómicos: cando goberna un partido con obediencia á disciplina imposta e Madrid non vai reivindicar un trazado mais idóneo para nós, porque a súa cabeza está fóra do país e a dirección do grupo que o sustenta tamén estará fóra. Éste é un dos motivos polos que, dende o punto de vista das infraestruturas viarias, necesitamos políticos/as galegos e con militancia galega que conformen grupo galego propio para non ter que engordar outros grupos alleos a nós.

Agradecemos na xusta medida a solidariedade, pero non podemos  -nin debemos-  agardar a que a solución veña de fóra

Ningún grupo de fóra ten na súa mente facer un plan de infraestruturas para Galiza. Un plan que abarque estradas, autovías (no caso de seren precisas), ferrocarrís; con acesos ós portos, ós parques industriais, a zonas de especial interese, etc. Todo isto téñeno feito para España (entelequia dentro da cal caben todos) pero non para esta terra que non deixa de ser FINISTERRAE, ou sexa, o fin do mundo. Para aquí isto non se ten feito porque nunca gobernou a nosa terra un partido noso (agás o tempo do bipartito no que o nacionalismo non tiña competencias na materia) e no Parlamento Español o nacionalismo galego nunca tivo grupo parlamentar e os dous/tres parlamentarios que nos representan fan o que poden, pero non teñen suficiente forza para impoñer respecto. Éste é outro motivo para reivindicar un grupo propio, sen obediencia a Madrid.

Nunca se preocuparon de corrixir o desfase económico costa-interior porque isto non vai con eles; tampouco se preocuparon de defender o noso peixe ou o noso leite, porque para iso hai que ter o país na cabeza e unhas estradas con parámetros xeométricos e  firme adecuados para a carga que teñen que soportar; non preocuparse tanto ou non preocuparse só do Ave, que nin  AVE é, que queda en Velocidade Alta. Parece que a maior, senón a única preocupación a respecto das infraestruturas, consiste en ir e vir a Madrid ben axiña, pero ninguén se preocupa das mercadorías ou dos trens que xa non paran en Lalín por poñer un caso. Por  iso precisamos grupo parlamentar propio; para poñer un freo na costa abaixo cara á desaparición deste país, país que só sobrevivirá si se defende con institucións propias, constituidas pola súa xente auto-organizándose e empoderándose  de modo que defendan á Galiza en todos os ordes xa económico, social, cultural, etc. Admitimos e agradecemos na xusta medida a solidariedade, pero non podemos  -nin debemos-  agardar a que a solución veña de fóra. Xa o sabemos de outras veces.

Comentarios