Opinión

A pandemia que nos asola: aprender da experiencia

Sábese que na conquista dos territorios que acabarían por constituír os estados unidos da América do Norte, os colonos na súa loita contra os xenuínos habitantes, a medida que os ían desprazando, acabaron por substituír as armas de fogo por mantas coas que os indíxenas, orfos das súas infraestruturas e vituallas, se tapaban para non morrer de frío. O que non sabían os coitados dos indios é que eses cobertores, que eles recibían agradecidos, tiñan sido infectados co virus da varíola, co que os invasores das súas terras obtiñan o seu obxectivo ao tempo que aforraban en pólvora. Experiencias semellantes déronse en tempos históricos anteriores. A guerra biolóxica non é un invento de hai dous días.

Perversamente inoculado ou xurdido de modo natural, a Covid-19, é o primeiro virus da historia que nun cativo espazo de tempo se espalla por todo o mundo. Se cadra, isto deberíanos facer pensar.

A evidencia demostra que cada un de nós contamina o planeta na medida das súas posibilidades: os de a pé con lixo e refugallos diversos e as empresas e factorías, de modo proporcional ao seu fuste e volume de produción, desde as máis modestas ás transnacionais que no Amazonas estragan con aplicación e cobiza o medio natural dos indíxenas, quen, sabedores do que nós ignoramos -ese deturpamento repercute en todo o globo terráqueo-, na súa impotencia e desesperación, erguen a bandeira da protesta ante a indiferenza dos poderes políticos, económicos e mediáticos internacionais.

Dediquemos, tamén, un instante a matinar en que estaría a ser de todos nós neste tempo desolado, de non dispor dun sistema sanitario público.

Alén das axudas que as diferentes instancias gobernamentais poidan arbitrar, se cadra non estaría mal considerar a posibilidade de reforzar e robustecer a nosa sanidade, protexendo a súa condición de pública, gratuíta e universal.

Orixinada dunha ou doutra maneira, a pandemia converteunos en apestados. Entre tanto, antes ocupabamos as rúas de xeito atordado e faltos da debida atención cara aos demais, agora fuximos os uns dos outros, como do alento do demo, con súbita urxencia (peri)patética.

Cando este pesadelo remate, han ser moitas as persoas que teñan perdido a vida, e non poucas as que perdan a facenda. Cando pasado un tempo e o medo nos teña saído do corpo, lembraremos que somos todos nós os que debemos coidar do planeta, da nosa saúde e da nosa sanidade e o seu arriscado persoal, que agora o está dando todo para contrarrestar as carencias humanas e de infraestruturas ás que esta que foi sometida? Seremos quen de conservar o diminuído nivel de contaminación atmosférica acadado neste tempo de xeneralizada reclusión? De manter o notable grao de recuperación da fauna e a flora en terras, ríos e mares? Polo momento, o considerable número de panos de papel, luvas de goma e mesmo máscaras que cada día recolle das nosas rúas o esforzado persoal municipal de limpeza non deixa de producir certo desacougo. Así e todo, -"... e co mazo dando"- manteñamos aceso o facho da esperanza.

Comentarios