Opinión

Doenza de actualidade, vellas doenzas

Nesta altura da película pandémica son poucas, por non dicir ningunha, as persoas que aínda non dixeron “Este virus veu para quedar”. E todo semella indicar que vai ser así. Non se precisa ter unha idade moi avanzada nin ser especialista na materia para saber que outras patoloxías víricas de épocas anteriores están aí, continúan aquí, co seu ronsel de problemas, os seus contaxios, illamentos, a súa forza letal, os seus desenlaces dramáticos e os correspondentes investimentos económicos destinados ao seu combate.

Acontece que, socialmente instaladas e, en boa medida, controladas debido ao coñecemento sobrado da súa sintomatoloxía e procesos, estas doenzas perderon o seu carácter tráxico e deixaron de ocupar o espazo da actualidade. O drama da aparición de novas patoloxías agocha a traxedia das vellas. O cancro empardeceu a presenza da tuberculose, e a chegada da sida ao cancro. Agora é a covid-19 a que eclipsa a gripe. A urxencia da actualidade despraza e fai vellas informacións aínda vixentes. O “nada hai máis vello que o xornal do día anterior” levado até as súas últimas consecuencias.

Mais aí seguen: a tuberculose, que adoita cobrar un millón e medio de vidas cada ano, e a sida, con oitocentas mil baixas anuais. Pola súa parte, estímase que o cancro (o pulmonar á cabeza) este ano levará por diante a vida de dezanove millóns de pacientes. E máis de catro millóns de persoas perecerán debido a enfermidades cardiovasculares.

Aparecida en 1918, a mal chamada “gripe española” afectou no espazo de dous anos un terzo da poboación mundial (que daquela andaba polos 1.800 millóns de habitantes) e acabou coa vida de máis de cincuenta millóns de persoas, superando o número de vítimas da Segunda Gran Guerra, que viña de rematar por aquel tempo. Desde aquela até hoxe, o virus da gripe aparece cada outono, renovado, ao encontro da nova vacina que anualmente pon en circulación o sistema sanitario. Na súa última campaña, a tamén chamada “influenza” deixou en España un balance de 6.300 vítimas mortais. Con estes precedentes, todo leva a pensar que coa covid-19 aconteza outro tanto e, no sucesivo, a súa denominación leve aparellado de cada vez o número do ano en curso. Sabido isto, cómpre que todos nós, os do común, autoridades políticas e estamentos sanitarios, sexamos quen de levar a dianteira nas previsións e xestión da circunstancia para que esta fique en epidemia, que xa non é pouco, e non acade a magnitude de pandemia. Cada quen na medida das súas responsabilidades. Sen perder de vista o feito abondo constatado de que o planeta responde sempre ás agresións que se lle provocan. E, así mesmo, non esquecendo que, non por levar tempo instaladas entre nós, outras patoloxías deixan de ser menos perigosas, dramáticas e letais.

Comentarios