Opinión

Xenocidio do pobo kurdo

De entrada, débese recoñecer que o pobo kurdo, con máis de 5.000 anos de existencia, conforma a nación máis grande do mundo sen Estado.

 

De entrada, débese recoñecer que o pobo kurdo, con máis de 5.000 anos de existencia, conforma a nación máis grande do mundo sen Estado. O territorio histórico do Kurdistán comprende un espazo próximo aos 500.000 km², limitando ao norte co Cáucaso, ao sur co val mesopotámico, ao oeste coa cordilleira do Tauro Oriental (Anatolia) e ao este cos Montes Zagros, que nacen en Turquía e se estenden cara o golfo Pérsico. A poboación kurda —case 40 millóns de persoas— vive na súa maioría en Turquía, no Iraq e no Irán, mais tamén están establecidos os kurdos en Siria e nas repúblicas (ex URSS) de Acerbaixán e Armenia; sen contarmos os que están esparexidos polo mundo (Líbano, Francia, EE UU, Holanda, Suecia...) e particularmente na Alemaña, con perto de un millón neste último país. E no seu rico e antigo universo cultural salienta de xeito determinante o seu idioma, a lingua kurda, que, sendo de orixe indoeuropea (pertencente ao grupo iranio), non garda relación ningunha nin co árabe nin co turco.

Por que arestora, en pleno século XXI, o Kurdistán segue a ser obxecto de persecución e por que lle é negado unha e outra vez o seu status de nación independente

Mais sen nos referir agora á azarosa e adversa historia do pobo kurdo, tantas veces vítima de guerras, represión e violación de todos os seus dereitos ao longo do tempo, é preciso preguntármonos por que arestora, en pleno século XXI, o Kurdistán segue a ser obxecto de persecución e por que lle é negado unha e outra vez o seu status de nación independente. ¿Cabe aquí e agora algunha resposta? Porque é ben certo que a maioría dos conflitos bélicos ou as accións violentas dirixidas contra un territorio concreto teñen a súa orixe en motivos de índole económica ou, como diría Juan Torres López, porque o que acontece no capitalismo é que a guerra e o gasto militar non só serven a intereses económicos senón que se teñen convertido nun interese económico en si mesmo.

E o Kurdistán, como ben é sabido, é historicamente un territorio rico en recursos naturais como a auga, con grandes extensións de arboredo (carballos, principalmente), zonas de pastoreo, terra de alta produción cerealista e zona de encontro entre tres continentes, sendo ademais nó fundamental de rutas comerciais. E, por se isto fose pouco, en territorio kurdo áchase unha das maiores reservas petrolíferas de todo o Oriente Próximo e importantes bolsas de gas natural; sendo así que Turquía “rouba” en territorio kurdo todo o petróleo que consume, o Iraq posúe o 40% das reservas de petróleo kurdas e Siria extrae da súa “zona” kurda a totalidade do petróleo que acaba considerando, como é obvio, produto nacional sirio. E velaquí, pois, por que se persigue, se nega a súa existencia e se practica un xenocidio puro e duro contra o Kurdistán como pobo e como nación (e atrás fica o Tratado de Sèvres, de 1920, que lle outorgaba ao Kurdistán unha autonomía que nunca chegou a entrar en exercicio).

A rexión está en guerra e un novo xenocidio está en marcha

¿E na actualidade? ¿Nos últimos anos? O Estado turco leva asasinado dende o ano 1984 a 30.000 kurdos, e leva destruído, borrado do mapa, arredor de 3.000 aldeas kurdas. O Iraq e Siria chegaron a recoñecer nun determinado momento a existencia real do pobo e, en certa maneira, da nacionalidade kurda, mais a día de hoxe, e principalmente por parte de Turquía (xa sabemos o que acontece en Siria e no Iraq), séguese a practicar a persecución e a represión indiscriminada contra os kurdos. A rexión está en guerra e un novo xenocidio está en marcha. A aviación turca bombardea aldeas kurdas e ao mesmo tempo as tropas do denominado “Estado Islámico” avanzan sobre territorio kurdo, mentres avións de caza turcos realizan centos de operacións contra as bases da guerrilla kurda no norte do Iraq, que trata de impedir o avance do EI con éxito comprobado. Mais está en marcha, como dicíamos, un novo xenocidio por parte de Turquía —neste caso tamén xenocidio “político”— contra o pobo kurdo. E, a pesar dos mortos, dos desaparecidos e secuestrados e dos detidos e encarcerados (máis de mil persoas nas últimas semanas), a maioría da prensa occidental garda, unha vez máis, un ominoso e insoportábel silencio.

Comentarios