Opinión

Venezuela

Cando tivo lugar o violento golpe de Estado en abril do 2002 contra o presidente constitucional da República Bolivariana de Venezuela

Cando tivo lugar o violento golpe de Estado en abril do 2002 contra o presidente constitucional da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez  —fagamos memoria—, os gobernos dos EE UU e o Reino de España non condenaron tal acción violenta, como si fixeron, e de xeito inmediato, países como Arxentina, México, Paraguai, Brasil ou Chile. É máis, o ministro de Asuntos Exteriores de España, Miguel Ángel Moratinos, non dubidou en afirmar, dous anos despois, que o Goberno presidido por José María Aznar cursara no seu día instrucións ao embaixador de España en Venezuela para apoiar o golpe de Estado contra Chávez. E o mesmo tiña feito, curiosamente, o consello editorial do New York Times, que aplaudiu sen ambaxes a brutal acción violenta e ilexítima levada a cabo pola extrema dereita venezolana. 

Mais sigamos facendo memoria. O propio Aznar púxose a disposición do empresario e golpista Pedro Carmona —auto proclamado “presidente”, só por unhas horas— e a presidencia española da Unión Europea lanzou unha declaración oficial —sen consultar ao resto dos Gobernos europeos— na cal manifestaba “a súa confianza no Goberno de transición en canto ao respecto dos valores e das institucións democráticas”. ¿Respecto dos valores e das institucións democráticas a cumprir por un Goberno froito dun golpe de Estado? Vermos para crer. 

Lembrando agora como, con toda a “coherencia” do mundo, asinaban a acta de constitución do Goberno golpista venezolano, entre outros, o cardeal Ignacio Velasco (representante da Igrexa católica) e a ex deputada María Corina Machado, cuxo nome lles soará polo seu activismo golpista e fascista, chama poderosamente a atención a viaxe do ex Presidente español Felipe González a Venezuela. ¿A que vai Felipe González a Venezuela? ¿Saberá Felipe González que o Departamento de Estado dos EE UU aprobou non hai moito un fondo especial de 5 millóns de dólares que serven para apoiar os grupos violentos antigobernamentais en Venezuela? ¿Terá información Felipe González, “defensor” de Leopoldo López e de Antonio Ledezma, de que tanto un coma outro foron acusados pola Fiscalía de “instigación pública, danos á propiedade, en grao de determinador, incendio en grao de determinador e asociación para delinquir”, o primeiro, e “asociación para delinquir e conspiración”, o segundo? ¿Terá constancia Felipe González de que Antonio Ledezma, Alcalde Maior do Distrito Metropolitano de Caracas, foi arrestado tras descubriren os servizos de intelixencia venezolanos a súa participación directa nun “complot” para levar a cabo un golpe de Estado que incluía, entre outras accións —lembremos aquí o Chile de Allende—, o bombardeo do Palacio de Miraflores?

¿Saberá Felipe González que o Departamento de Estado dos EE UU aprobou un fondo especial de 5 millóns de dólares que serven para apoiar os grupos violentos antigobernamentais en Venezuela? 
 

Eu non sei se Felipe González confunde “políticos presos” con “presos políticos”, mais si sei o que dixo Noam Chomsky cando, referíndose a Venezuela —aínda vivía Hugo Chávez—, desexou que esta “siga producindo ideas que son nutrimento para os que loitamos contra a hexemonía imperial e o modelo capitalista, que é unha verdadeira ameaza contra a especie humana”. ¿Que opinará Felipe González do profesor emérito do Massachusetts Institute of Technology"? Seguramente González nunca diría, como di Chomsky —díxoo nunha entrevista concedida a Ignacio Ramonet—, que Europa é servil en grao sumo “ao Gran Amo estadounidense”. Textual. ¿E a quen é servil Felipe González? Adivíñeno vostedes.

Comentarios