Opinión

A realidade e a mentira: Aylan Kurdi e Siria

Digámolo xa de entrada e acudindo a Alexandre Koyré

Digámolo xa de entrada e acudindo a Alexandre Koyré, quen nun artigo publicado no ano 1943, titulado Reflexións sobre a mentira (dous anos máis tarde publicaría o mesmo artigo con outro título: A función política da mentira moderna), afirmaba que “nunca se ten mentido tanto nos nosos días, nin mentido dunha maneira tan descarada, sistemática e constante”. ¿E non é así? Xustísimas palabras. E, como remarcaba Jacques Derrida, de plena actualidade, “pois o que diagnostica verbo das prácticas totalitarias de entón —refírese o autor de Espectros de Marx a Koyré— podería estenderse amplamente a certas prácticas actuais de supostas democracias na época dunha certa hexemonía capitalístico-tecno-mediática”.

"A fotografía do neno kurdo Aylan Kurdi —agora xa está practicamente demostrado— é unha montaxe escénica, unha operación de simulacro ou arremedo, unha armadilla"

Vexamos. A fotografía do neno kurdo Aylan Kurdi —agora xa está practicamente demostrado— é unha montaxe escénica, unha operación de simulacro ou arremedo, unha armadilla. O neno morreu afogado —iso si está comprobado—, mais é ben sabido que os corpos dos afogados depositados na area dunha praia polas ondas do mar nunca aparecen en posición perpendicular a estas: sempre aparecen os corpos paralelos a elas. Mais, por se isto non fose xa de por si altamente significante, a fotografía que todos puidemos ver —non sen gran sufrimento— está claramente “cortada”, pois na instantánea ao completo vese ademais un pulcrísimo fotógrafo turco de uniforme militar e un grupo de pescadores ou tal vez bañistas tan tranquilos a poucos metros do lugar de autos. ¿Foi colocado alí o cadáver do meniño Aylan para crear unha “imaxe” particular, un especial “sentido”? Xulguen vostedes."A fotografía do neno kurdo Aylan Kurdi —agora xa está practicamente demostrado— é unha montaxe escénica, unha operación de simulacro ou arremedo, unha armadilla

Dadas as circunstancias, complexas, sen dúbida, permítanme que eu no caso Aylan Kurdi coincida co escritor e analista político Armando B. Ginés, quen está convencido de que existe agora mesmo unha calculada “operación de sensibilización” dirixida a Europa —practicamente todos os medios de comunicación puxeron o meniño en “portada”—, cando dende hai anos chegan a moitas praias da Unión Europea cadáveres de nenos, nenas, homes, mulleres, inmigrantes ou refuxiados, que son condenados a unha cobertura informativa cero. Ou sexa, o silencio e a nada. 

"¿Por que, de repente, todos os refuxiados son sirios?"

¿E a quen lle pode interesar a manipulación da realidade e a mentira? ¿Por que se oculta agora, por exemplo (datos de Acnur: Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados), que no ano 2013 o número de persoas sometidas a desprazamento forzado no mundo foi de 51,2 millóns, das cales 16,7 millóns eran consideradas refuxiados? ¿Non era noticia iso daquela? ¿Por que, de repente, todos os refuxiados son sirios? Como dicía non hai moito Gregorio Morán nun artigo publicado en La Vanguardia, sería bo saber onde está a Gran Oficina de Manipulación da historia deste peculiar éxodo retransmitido polas grandes canles televisivas. Siria —engade o autor de El Cura y los mandarines— é unha obsesión xeo-estratéxica dende hai moitos anos —velaí Israel presente— e o denominado Estado Islámico está alimentado por países como Arabia Saudita ou Qatar. 

"A propia Hillary Clinton —por favor, lembremos isto— afirmou sen pelos na lingua que inicialmente as milicias do Estado Islámico ou ISIS recibiron apoio directo da Casa Branca"

¿Só por Arabia Saudita e Qatar? Fagamos memoria. A propia Hillary Clinton —por favor, lembremos isto— afirmou sen pelos na lingua que inicialmente as milicias do Estado Islámico ou ISIS recibiron apoio directo da Casa Branca: “Temos fracasado en crear unha guerrilla anti-Assad críbel... O fracaso deste proxecto levounos ao horror ao que hoxe estamos asistindo”. Mais para a ex secretaria de Estado dos EE UU —reparen vostedes na súa altura ética (son palabras textuais, e refírese agora ao último bombardeo de Israel sobre Gaza: máis de 500 nenos mortos)—, “as vítimas civís, os nenos, as mulleres, son todos efectos colaterais dunha política xusta”. E, falando de Siria, engade esta poderosa señora: “Se tiveramos actuado coa mesma determinación en Siria, os combatentes xihadistas non se nos terían escapado das mans, como logo aconteceu”. Sobran as palabras.

Sábese que Siria está situada nun lugar especialmente privilexiado, na conca do Mediterráneo oriental (eixo Israel-Líbano-Siria), onde se acha (datos do Centro Carnegie de Oriente Medio) a máis importante reserva de gas do planeta. ¿Enténdese mellor agora todo o que acontece? ¿Será certo, tal como sinalaba a publicación alemá Info Direkt, citando os Servizos de Intelixencia de Austria, que o éxodo dos refuxiados sirios —afírmao tamén o intelectual francés Thierry Meyssan— está sendo orquestrado e publicitado polos EE UU e adláteres? Xulguen vostedes. O buque de desembarco ruso “Nikolái Filchenkov”, entre outros barcos de guerra rusos e chineses de alto potencial bélico, xa está no porto sirio de Tartus. ¿E que pensarán na OTAN de todo isto? Eu, que nin afirmo nin nego, mais practico a información contrastada e o pensamento activo, voume con Alfred Adler, o médico e psicoterapeuta vienés, que aseveraba que unha mentira non tería sentido se a verdade non fora percibida como perigosa.

Comentarios