Opinión

O proxecto ventrílocuo europeo

Advírtenos David Rieff de algo que xa sabíamos, que a elite política europea, “instalada na tradición establecida”, carece de discurso.

Advírtenos David Rieff de algo que xa sabíamos, que a elite política europea, “instalada na tradición establecida”, carece de discurso. Mais un quere ver aquí, nesta opinión expresada polo fillo de Susan Sontag —situado este en política ben máis á dereita ca súa nai—,  a realidade, tamén no plano político, da “ventriloquia”: esa arte de “falar co ventre” e de modificar a voz á mantenta para se expresar. Porque é ben certo que os políticos europeos actualmente no poder exercen de “ventrílocuos”, ou de “voceiros”, dos seus Amos dirixentes, todos eles fieis seguidores do neoliberalismo ortodoxo, fundamentalista e radical. ¿E que fan os políticos rexedores da Unión Europea —“seres humanos”, aínda que en boa parte “robotizados”— diante da ditadura do deus Mercado? ¿Que resposta nos ofrecería, por exemplo, a gran ventrílocua Angela Dorothea Kasner, máis coñecida por Merkel (o apelido do seu marido), se fose interpelada sobre a existencia dunha tal “orde espontánea do mercado”? Ou dito doutra maneira: ¿quen manda en Europa, o deus Mercado e os seus ventrílocuos ou a expresión democrática dos cidadáns?

Xa no seu día José María Zufiaur utilizou a expresión “ventrílocuos do Banco de España” para definir aqueles repetidores de doutrinas que, no ámbito español, por exemplo —e tamén noutros ámbitos— son voces ecoantes do Fondo Monetario Internacional. ¿E acaso os políticos europeos non son hoxe —véxase o caso grego— obedientes ventrílocuos, entregados voceiros, das grandes institucións financeiras “que representan os máis poderosos e predatorios intereses financeiros” (Daniel Estulin)? ¿Teñen discurso político propio Donald Tusk ou Jean-Claude Juncker, presidente do Consello Europeo e presidente da Comisión Europea, respectivamente, “designados” polos “líderes nacionais”, xefes de Estado ou de Goberno dos países da Unión Europea? Xulguen vostedes. A ventriloquia dentro da ventriloquia, ou, con permiso de Shakespeare, o teatro dentro do teatro.

A ventriloquia dentro da ventriloquia, ou, con permiso de Shakespeare, o teatro dentro do teatro    

Con razón tiña medo Hanna Arendt, sabia lectora do futuro, de que a desaparición da política dese paso ao totalitarismo. O filósofo francés Daniel Bensaïd, bo coñecedor da autora de “Que é a política”, fala do “totalitarismo con rostro humano da tiranía do mercado”, e engade que a política do noso tempo -vexamos o caso de Europa- se atopa a si mesma esmagada “entre o mandato dos mercados financeiros, que se presenta como algo natural, e as receitas moralizadoras do capitalismo ventrílocuo”.

Mais o certo é -sempre nolo relembra James Petras- que o imperialismo alemán, recuperada xa a súa primacía económica a finais dos anos 60 do pasado século, sempre soñou cunha Unión Europea (a Alemaña Nazi fora “derrotada”) na que a nova Gran Alemaña puidese “avanzar sixilosamente, ás caladas, na construción da súa hexemonía”. Velaí. Na actualidade Alemaña -é dicir, a súa oligarquía (palabra grega) e a súa plutocracia (tamén palabra grega)- manda en Europa. E os Estados europeos dominados hoxe por Alemaña (16 de 28, ou talvez máis) actúan como perfectos ventrílocuos do Poder. Atrás fican as palabras dun lúcido Thomas Mann, pronunciadas en Hamburgo no ano 1953, que non quería “unha Europa alemá senón unha Alemaña europea”. Mais hoxe o imperialismo colonial alemán (“modernizado”, xaora) vai camiño de se impor definitivamente nunha triste Europa de grotescos ventrílocuos.

Comentarios